Saúdo do Alcalde

COS SAÚDOS DO ALCALDE

alcaldeComo Alcalde deste concello de Castroverde considero ineludible, e por demais grato, ofrecerme como cicerone do mesmo, como presentador das súas excelencias, sequera sexa nunha apertada síntese.

Aquí é doado ser obxectivo en tanto en canto o que se pregoe do mesmo será superado e mellorado pola apreciación persoal, subxectiva, do noso visitante. ¡ Non me caben dúbidas diso!

¿Quen somos, como somos, de onde vimos?

Castroverde é, ante todo, unha incógnita sen despexar, un tarro de esencias ó alcance da man, pero…, ¡ precintado, selado, inédito, virxe para o gran turismo! Ata as últimas décadas do século XX a xente, os estudiados, os burgueses, os podentes, as autoridades en xeral, só miraron para o rural a efectos de colleitar rendas e impostos. Quen si miraba, coa imaxinación por suposto, ao lonxe, con ollos de nostalxia, encouzado da morriña, era o pobre emigrante, pero ese, meu pobre, ¡nin Internet tiña! Hoxe, a estas alturas da civilización, saturados de bits, de asfalto, de ventás das que só se ven outras ventás, ¡as fiestras dos descoñecidos!, é cando empezamos a valorar canto supera en beleza, en calidade de vida, o que Deus fixo, o que a Natureza nos proporciona; particularmente en certos lugares privilexiados, mellorados; e para iso, gratis, ¡gratis datis !

Castroverde é tan grande, tan guapo din os que nos coñecen ben, que non admite retrato, descrición literaria. Daquela non teñen máis alternativa que visitalo…; ¡visitarnos!

O turista decatarase de todo isto con só achegarse á nosa Vila, que ben doado é dadas as vías que nos comunican co mundo exterior.

Para empezar a entendernos, unha reflexión diante do castelo. Catro zancadas máis e pasmaranse, contemplando as casetas do Campo da Feira, índice histórico, baremo fiel da intensidade do seu tráfico e da productividade desta bisbarra. Monte arriba, a Lomba, unha atalaia de verdores; unha explosión cromática. Para repouso, do corpo e da mente, mesmo ó sopé, a Veiga do Olmo, que de momento, mentres non aumente o turismo, aínda se cabe nela.

Castro Verde , Castrum de Vallis Viridis , que por algo se lle chamou así, é unha esmeralda emerxente, multiforme, bañada por un cento de regadíos para máis lustre. ¿ Non sería o Picato do Miradoiro ( 1029 m . sobre o nivel do mar) o punto aquel desde onde aquel diaño ofrecía paraísos…? ¡ Hai quen adoita preguntalo!

Que os castrexos se namoraron desta terra demostrárono coa salpicadura dos seus recintos. Que a tiñan os romanos como despensa do seu Lucus déixase notar: un campamento en Romeán, especie de fielato; unha calzada ad hoc para controla-los ástures… Despois viñeron os suevos, coas teixas, deixando a súa pegada nunha abundante toponimia; aínda seguen aquí, ¡ as teixas, digo! En canto ós mouros o que é asomar por aquí seica asomaron, pero o noso castelo, o castelo cabeceira do Condado de Flammoso, impúxolles pavor; iso á parte de que con babuchas non se pode atrochar pola Rega de Xivil, poño por caso.

Os señoríos, fosen eclesiais ou laicos, sementaron este país de igrexas e de pazos, proba máis que evidente de que moito recadaron, de que moito leva producido esta terra; un terrón inesgotable. Tras dos señoríos, os trabucos estatais. E tras da emigración, os retornos… Que así chegamos ó presente, ó rexurdimento actual. Aínda queda algo sen facer, moito, máis ben, pero tampouco é bo facer demasiado, que de rañaceos está o mundo preñe, ¡ e de plantío, non!
Daquela, cando nos visiten, pregunten polos vellos do lugar, ¡que eses si que saben! No entre tanto, sigan por aquí adiante, por estas follas, e tomen nota do que podamos adiantarlles.

Asemade cos meus saúdos anticípolles os destes veciños, xente sinxela, divertida, hospitalaria, cordial, que os recibirá con agrado. Por aquí só temos por forasteiros ós que, podendo, non veñen. ¡Conten con iso!

Xosé María Arias Fernández

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral