Escudo e Historia

O NOSO ESCUDO, SÍNTESE DA NOSA HISTORIA

CastroverdeFoi aprobado no Pleno do 25-03-1992: O primeiro dos cuarteis, en campo de sinople, verde, un castelo de prata, mazoado de sabre e aclarado de gules. O segundo, en campo de gules, roxo, un año de prata, deitado, acompañado no cantón sinistro do xefe, dun bolo de ouro.

Coroa condal, que tal lle corresponde xa que foi cabeceira do Condado de Flammoso, un daqueles 11 da división sueva. Precisamente nas inmediacións do noso castelo nace o río Chamoso, que a toponimia sempre foi a testemuña máis fidedigna da que pode valerse a Historia. E nace precisamente, rega cos seus efluvios incipientes, a inxente pradería do Val Verde… Aquí compre lembrar que El Rei Afonso III subscribiu algúns documentos nesta fortaleza, ¡acaso propiedade, posesión e pertenza dalgún antepasado seu!, encabezándoos: In Castrum de Vallis Viridis…

De propósito, nesta páxina recóllese, asemade, un anaco daquel vello mapa do Galitiae Regnvm, onde se aprecia perfectamente a aliñación de Lugo co Castro Verde e mailas terras de Burón, enfiando cara á Pars Astvriae, que tanto tivo que ver connosco ó longo da Historia.

O castelo, o que del queda, fíxose por obra e gracia dos Condes de Lemos, acaso con algunha reforma posterior, con evidente perfeccionamento por parte dos seus ilustres adquirentes. ¡En 1514 o daquela propietario, Alonso Niño de Castro, Meiriño Maior de Valladolid, vendeulle a vila, fortaleza e terras de Castroverde e de Luaces, ó conde de Altamira, (en 5.500.000 marabedís, que por entón era unha fortuna!
En principio foi castro, que castro era cando os romanos proxectaron, pontearon, empedraron, cabalgaron…, ó traveso das súas terras, a Vía Lucus Augusti – Gigia.
Hoxe en día estanse a realizar importantes xestións conducentes a unha certa recuperación – restauración, ¡antes de que se derrube a súa última pedra!

O bolo e mailo año teñen o seu aquel, que ben interesante sería coñecer onde remata a lenda e/ou empeza a Historia. Aquí témolo por certo, bona fide, así que, tal e como nolo contaron nosos avós:

Ó cerco de Lugo, ¿714?, daquela que nos acometeron os de Alá, (aqueles veciños ós que se lles pediu un empréstemo de forzas e acabaron de usureiros, quedándose coa leira, ou máis exactamente, coa metade dela), acudiu en socorro seu o noso Conde, o de Flammoso, e como estas terras de sempre foron a mellor despensa de Lugo, abriuse paso cun fato de vitelas, ovellas, carneiros, cabras…, amén do trigo e doutros abastecementos.

Xa dentro de murallas, irreductibles, por suposto, chegou o día da Pascua grande, da Kevira musulmana. Aquel cabaleiro, doído da indixencia dos sitiadores, tiroulles ós crentes de Mahomet, en vivo, para que puidesen cumprir co seu ritual, un fatado de ovellas e de carneiros, amén do pan suficiente para que nada lles faltase en tal solemne ocasión. Os muslimes reflexionaron: Eles aguantan as xeadas…, e logo que están ben abastecidos, incluso con hortas intra murallas… ¡mandémonos mudar!

Mudar, mudáronse, pero non cara a Astorga, camiño do Sur, que os moi ladinos, ¡que moito aprenderan dos xudeus!, nada máis saír de Lugo colleron a Vía do Castro Verde, dispostos a depredala en todo canto alí quedase. Sabedor diso o Bol-año, que tal alcume lle quedou, arremeteu tras deles, feito un xabaril, e non parou ata que os exterminou…, ¡precisamente en Covadonga, na Cova da Señora!

O alcume, o sobrenome, de apelido quedou, incluso dando xentilicio á parroquia de Bolaño, berce das súas mesnadas; tanto inzaron os descendentes daquel señor, tan xeneroso como valente, que este apelido non é raro atopalo hoxe en día incluso nas Américas.