Datos Socio-Económicos

Para unha superficie de 173, 5 Km2, e cunha cifra de poboación de 2.609 habitantes (dato oficial do INE a 31/12/2021), certamente representan, ¡que, por outra parte, xa era tempo de saír do minifundio!, un baldío considerable, un desaproveitamento, unha morea de recursos ociosos. Mais, como a nosa xente nin é nin está ociosa, mellor é que sobre a materia prima, que xa se irá reacondicionando. Aquí, como en tantos outros lugares da nosa xeografía, particularmente da circundante, fracasaron as leis de Malthus. O peor son as silvas, que os toxais, entre o que abonan e mailo que perfuman, teñen a súa utilidade.

Dous tercios, aproximadamente, da poboación activa de Castroverde está inmersa no sector primario, fundamentalmente dedicados á producción láctea e cárnica, sendo tamén moi estimable e progresiva a súa repoboación forestal. O noso vacún ten sona en moitas leguas á redonda, ante todo pola calidade dos pastos, pero tamén, ¡e moito!, polo interese sostido que levan posto os nosos gandeiros en mellora-la súa cabana: selección de razas, nutrientes complementarios, hixiene, etc. Foi esta unha terra de xamoneiros, ben coñecidos e ben estimados, de aquí a Madrid, pero o porcino decaeu nas últimas décadas en progresión inversa á mecanización rural.

A industria, o que é por aquí, aínda contamina pouco, ¡que non a temos!

En materias primas moito se leva extraído pero máis nos queda en reserva:

As canteiras de calcaria, particularmente o filón que arranca de Bolaño e avanza por Pena, Serés, Rebordaos, a Meda…, para extinguirse nas canteiras de Arcos dos Frades (Pol). Algunhas vetas, de traballado, darían un mármore aceptable.

Area, que ten o límite na Pallota, xa nas lindes do distrito.

Un granito, (pedra de gra), excelente, posto a exposición pública nas fachadas da maior parte das nosas construccións.

As canteiras de lousa abundan menos, e logo que están, todas, abandonadas. Excelente, moi acreditada, a lousa da Mouriña, abaixo de San Cibrao.

Houbo certas denuncias de minas de ferro, e incluso unha de antimonio.

Os movementos financeiros de Castroverde foron considerables ó longo de todo o século XX, primeiro polas letras que viñeron de América, e despois polos cheques librados, principalmente, en Alemania e en Suíza; pero ó non lograrse un asociacionismo local, non houbo traducción empresarial. Uns amasaron e outros coceron; ¡pero o pan levouno aquel que tivo iniciativas axeitadas no lugar oportuno!

Feiras: A de Castroverde alterna coa de Meira, un domingo aquí e outro acolá.

PRESENTE E FUTURO ECONÓMICO
Esta bisbarra vén de padecer unha dolorosa purga demográfica, que a atenazou ó longo de todo o século XX. Recén liberada daquelas cargas insoportables dos señoríos, satisfeitos, redimidos, os foros, xeneralizadas as vacinas e demais adiantos hixiénico-sanitarios, tivemos unha oleada de natalicios que nos levou ó pan con pan, ¡e pan houbese!

Primeiro, América, e despois, Europa, alén dos Pirineos, quitáronnos, gradualmente, paseniño, aquelas fames que xa eran crónicas, pero foi ó prezo, co custe, de beneficiarse, de lucrarse, aqueles países de destino, coas achegas, coas iniciativas, coa suor, do máis animoso, do máis vigoroso, dunhas mocidades criadas e instruídas entre nós cun esforzo desgarrador, ¡incluída a pasaxe, tantas veces pagada coa albarda da usura, aquelas vendas con pacto de retro…!

O país mellorou, equilibrouse, en efecto, ¡doloroso, tráxico, oneroso reequilibrio!, mais cando o agro comezaba a florecer, nesta coma noutras comarcas, -abonos minerais, sulfato de cobre, arado de ferro, unha saída bastante ben remunerada de todo tipo de gando, mular incluído, cara a Castela, a Madrid, Zaragoza, Barcelona, etc.-, ¡ira de Deus!, veunos aquela xeada tardía, á que chamaremos Guerra Civil, por non dicirlle incivil, que se levou os homes, os mozos, a forza útil e animosa, quinta do 29 incluída; e de paso, crebou aquelas economías incipientes. ¡Tanto, que se volveu ó arado romano!

Dúas décadas máis tarde, ¡unha paréntese de dúas décadas, que é unha eternidade na evolución socioeconómica dun pobo!, as remesas europeas, e algo de Venezuela, sentaron as bases dunha incipiente mecanización, cociñas e servicios sanitarios, compra de lexítimas, instalación de cortes, etc.

A todo isto, primeiro con prestacións persoais, cesión de lindeiros nas corredoiras, etc., e despois cun progresivo, se ben lento, apoio oficial, os lugares ou parroquias comunicáronse entre si, posibilitando o tránsito motorizado, a circulación e mailo transporte do gando, a de productos agrícolas, madeiras, materiais de construcción, etc. Esta imprescindible, tardía, accesibilidade, aínda se atopa nunha base de perfeccionamento elemental. A referencia do último fito logrado nestes tempos, para este concello de Castroverde, atopámola na información do diario El Progreso (28.04.2004), que a dá deste xeito: Las obras de acondicionamiento de accesos sufragadas con fondos del Plan Galicia, distribuídos por la Consellería de Política Agroalimentaria, ya se han iniciado en Castroverde.- Se trata de la mejora del acceso de Vilacote a Foguentelle, el de Vilaxurxo a Francelos en la parroquia de Barredo y la regeneración de la pista de San Paio de Arcos a Casas do Monte en Vilar de Moreira.- El presupuesto total de los trabajos asciende a unos 132.222 euros (22 millones de las antiguas pesetas) y el alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, calcula que estarán finalizados en el plazo de mes y medio o dos meses.- Non é moito, pero …, Concordia parvae res crescunt; discordia máximae dilabuntur. (Con la concordia crece lo pequeño; con la discordia se arruina lo más grande.- Salustio en Iugurta)

O abandono dalgunhas propiedades cativas está permitindo ás outras, ás explotacións máis potentes e máis activas, unha ampliación e concentración de predios que permite soster unha gandería expansiva, así como un repoboamento forestal que, hoxe en día, constitúen o punto de inflexión para un porvir relativamente cómodo e próspero.
As vivendas, as conservadas, atópanse en plena reconstrucción, restauración esta que está cambiando a nosa face; iso amén de novas construccións, que proliferan por tódalas parroquias, aínda que non sempre ben integradas no medio, no ambiente, circundante.

A C-630 estase comportando como espiga de comunicacións, coa raíz en Lugo. Significa o eixo dunha circulación que nos levará a un auténtico, a un importante, florecemento das localidades, dos lugares-xardín, periféricos, nos que sobranceará a calidade de vida, iso que entendemos por plenitude ecolóxica., amén dunhas economías considerables con respecto ó custe das vivendas; todo isto moi apetecible para os que teñen que traballar no estrondo e coas limitacións das grandes urbes.

Se se quere, non con presas, pero si con efectividade sostida, Castroverde avanza, recupera, ¡e non só polo Camiño!