(Santiago, nome creado na Idade Media, a partir do latín Sancte Jacobe. Os guerreiros do século XIII seica berraban, impetrando a súa axuda:”¡Ou, San Xacobe!”. Iago ou Xaime). Arc. de Bolaño e ob. de Lugo.
Vén a ser o burgo da capitalidade, Castroverde, que conserva un barrio, ó sopé da Fortaleza, no seu alfoz, con formas e cheirume medievais. Casas brasonadas. Parte da pedra destas construccións déixase ver que procede da desfeita do castelo, dalgunha das súas murallas e demais dependencias. Houbo algunha vacilación, máis ben fuga, con este nome: Madoz, no seu Diccionario Geográfico, publicado en 1850, rexistra esta freguesía como Vilariño; pero Amor Meilán (GPL 235), arredor do 1928 absórbea en “Santiago de Castroverde”.
Este burgo desenrolouse, xerou, os seguintes barrios: Codesal (codeseira), Marquesado e Tarrío.
C.P. da capitalidade: 27120 Situada nunha extensa planicie atravesada pola estrada Lugo-Fonsagrada. Arquéana dos outeiros, o da Fortaleza, (o castro), e maila Lomba. A 22 km. de Lugo. Terra ondulada, fértil, de considerable arboredo, con boas comunicacións e abundante pradería.
A vila de Castroverde ten casas de dúas e de tres plantas. As máis antigas, en boa pedra de granito, e as modernas…,¡tenden a ir mellorando! Lugar e xente activa, acolledora. Ó N., na cume do antigo castro, a torre e mailas ruínas do recinto amurallado, do castelo.
Augas.- Mal que les pese ós taberneiros, a elección non é doada. Vexan, vexan: as fontes da Veiga do Olmo, nas inmediacións do Campo da Feira, área turística en formación, piscinas incluídas. A da Pena, de par da Casanova, ou das Señoritas. A do Trabao, na estrada que vai á Fonsagrada, por xunto da casa de Bonifacio. A de Andrea, na Rúa Nova (inmediacións do Campo da Feira). A do Marquesado, que surtía as casas deste Alfoz. A do Mesón, no Codesal, camiño de Pereiroá. A do Estancón, polo Camiño, cara a San Miguel. A da Virtú, nunha cova, discretiña, ¡que por algo a taparon! Se lles parecen poucas, poden visitar a do Choqueiro, risoña coma a que máis. O regato de Riazor, (¡hai aqueles azores daquelas cazatas daqueles señoritangos…!), que marca distancias con Bolaño, ¡hoxe por hoxe, que algún día foi…todo un! Ó pe da estrada de Rodinso témo-lo regato do Codesal; e logo o de Tarrío, que se usaba como lavadoiro, verdadeiro nacemento do río Tordea.
De Castroverde o mellor é explicar pouco, que pode resultar máis grato, máis elocuente, máis sorpresivo, visitalo de propia iniciativa, tal que peregrinando polo Camiño Primitivo, ou facendo sendeirismo a partir da Vila, que por onde e para onde hai. (O problema será decidi-la ruta! Se non lles chega con subir ó castelo, daquela apártense ó Campo da Feira e dende alí suban á Lomba, ¡cargadiños de aparatos ópticos!
A igrexa, de principios do XX, ¡ben que sentimos recoñecelo!, non é gran cousa; ¡pero en compensación témo-la catedral de Vilabade! Téñase presente que se trata da igrexa dos viláns, que os señores do castelo tíñana de seu, arriba; e logo que estes vilegos compartían, e comparten, cadora máis, a de Vilabade. As partes nobres son de boa cantería, e o resto do cerramento está revocado en cal.
Emprazada en ángulo coa nova Consistorial, cunha praza ampla ó seu redor. Nave ás dúas augas, con cuberta de lousa sobre armadura de madeira, e co teito entaboado en tres planos. Dúas capelas laterais con accesos dende a parte superior da nave, con arcos esveltos de medio punto. Frontispicio con portada de arco. Presbiterio na mesma liña e plano que a nave, algo máis baixo, con tres augas e bóveda de canón. A sancristía no lateral norte.
Retábulos e imaxes.- O maior é amplo, cubrindo todo o testeiro do presbiterio; neoclásico, de relativo interese. Imaxes en escaiola. Capelas.- Lateral dereita, retábulo barroco, con catro columnas salomónicas no primeiro dos corpos, lisas, e dúas columnas cativeiras, salomónicas, no ático, con acios. San Roque, de 0,70. Lateral esquerdo, retábulo barroco, catro columnas salomónicas con acios saíntes, de boas proporcións; procede da capela do castelo. Pegada á pilastra da dereita do arco triunfal, sobre peaña de pedra gra imitando un castelo, está a Virxe do Camiño, tamén chamada do Castelo pola súa procedencia; é de pedra, do primeiro tercio do século XVII; foi restaurada en 1955. Na sancristía, un Cristo de 0,70 m.; dúas cruces parroquiais, de metal; unha delas provén do castelo. Dous cálices, de 0,25; un deles moderno, dourado.
O retábulo barroco, o da Concepción, procede da capela da Fortaleza.
A imaxe do patrón, Santiago, describiuna así o escultor castroverdense Paco Pestana: “… siempre a los piés de Santiago y de su caballito, absorto y pendiente del guerrero que estaba a punto de rebañarle la media luna y el gañote al moro yacente, un mohamed malencarado y cejijunto, con poca cara de víctima”.
No A.Réxime foi S.S. e X.O. dos condes de Altamira. ¡Como non, ancorada nos propios alicerces do seu propio castelo! A mediados do século XVIII esta freguesía aínda era propiedade, señorío, dos condes de Altamira, máis coñecidos polo nome que pola cara pois, como é sabido, nas ausencias, habituais, do Señor, as súas residencias feudais estaban a cargo do Alcaide, con homes ás súas ordes. Iso debeu acontecer en Castroverde, onde estes Señores, ocupados na corte e noutras propiedades, a penas se deixarían ver dos seus paganos.
Co perigo de cansar ó lector, pero coa intención de honra-la capitalidade, ampliaremos esta reseña parroquial:
A freguesía de Castroverde vén tendo, de eixes, un cuarto de legua; e de contorno, legua e media, calculándose que farían falla dúas horas de bo camiñar para circundala. A súa demarcación principia no marco da Pena Parda, sinalándose, entre outros puntos de referencia, o sitio da medorra da Valiña, San Miguel de Covelas, os Picos Monteiros e maila Pena Cabalgada; en dereito séguese á capela de San Lázaro, hoxe desaparecida, que a dividía de San Miguel, marco de Riazor, Rego das Forxas e Chao da Serra.
Escudos heráldicos brasonando edificacións próximas ó castelo: Unha casa na praza da Constitución, antiga do Rolo, que ten nunha das súas frontes a cabeza do lobo sangrante dos Moscoso. A casa de Pandelo, que ostenta un escudo con coroa marquesal; nun dos seus cuarteis tamén figura a cabeza do lobo; e no outro, cinco flores de lis. Na casa dos Bouzas dous escudos finamente labrados en pedra calcaria, coas armas de D. Baltasar Santiso Osorio Rancaño Herbón y Moreda, e da súa muller D0 María Pedrosa Maldonado Andrade y Moreda, segundo as inscricións.
O hospital, levantado na época de Felipe V segundo unha inscrición fragmentada que se conserva nunha das casas do burgo, foi derribado en 1814, á vez que demoleron o Rolo.
Dentro da freguesía está o lugar do Marquesado, que así aparece no Catastro de Ensenada, ano 1753. Prados do Marquesado, agro do Marquesado, etc.
Aquí tivemos dous hospitais: O de San Lázaro e o de San Bartolomé. A administración corría de orden da S.M., percibindo o primeiro deles unha renda de 493 reais de vellón, e o segundo, de 100. Ningún deles tiña gastos na asistencia e na manutención dos enfermos, que eran por conta de cada quen. Un administrador do que quedou constancia foi don Juan José Osorio y Omaña, veciño de santa María Madalena da Pena.
Nunha das xambas da casa chamada Do Tear, na antiga praza da Constitución,