Vilabade, Santa María de

igrexa

Igrexa de Vilabade

Freguesía situada de par da capitalidade, tanto, que vén a ser un barrio da mesma, unha media laranxa. Por parte, está chamada a se-la Cidade Xardín de Castroverde. Perténcelle o lugar de Frontoi, que vén do antropónimo Frontonius.
Desta parroquia case que sería mellor non dicir nada para que a descubra o turista, o visitante, o romeiro…, que non quedarán defraudados. Para que non lles falten forzas, beban, reconfórtense, auga da montaña, baixada do ceo, coada nos xistos, nos xistos e nas vetas ferruxinosas da serra da Ferradura: A do Romeiro (non do romeo, que é un arbusto), ás beiras do Camiño de Santiago, a carón da Capela do Carme. ¡Por tanto, auga bendita! As fontes do Caxigal regan da Vacariza embaixo. A fonte da Bica, que baixa encanada, (e menos mal que non está racionada! A da Liñeira e outras próximas, que integran e nutren a traída de augas da Vila de Castroverde. Tampouco se poden esquecer as fontes das Forxas, en Frontoi, da mesma freguesía; un nome rotundo, evocador das antigas ferrerías.
Esta parroquia emprázase, pousa, ós pés da vertente sudoeste da serra do Pradairo, tamén chamada da Ferradura, ou do Miradoiro, segundo tramos, que acada aí arriba, cara ó norte, nun vértice xeodésico notable, a altitude de 1.029 m. por sobre do nivel do mar. É unha zona en declive pero con bastante chaira ó sopé da serra. Exuberante arboredo. (Un verxel!

Do convento dos franciscanos consérvase unicamente o templo, sucesivamente reformado e ampliado. Mantense a tradición de que o mosteiro foi fundación directa do propio San Francisco de Asís, concretamente no ano 1214, de volta de Santiago para Oviedo polo Camiño Primitivo das Asturias. San Francisco veu por aquí, pola ruta do tan repetido Castrum do Vallis Viridis (Castro do Val Verde), acompañado de varios compañeiros, entre eles, Frei Bernardo de Quitaval, e tan namorado como era da Nai Natureza, namorouse deste solar. ¡Por algo sería!
O convento inicial esmoreceuse, como pasou con tantos outros; ou acaso se trasladasen os seus frades para o franciscano de Lugo, por ruína do edificio e/ou por decaemento da peregrinaxe francesa. Hai que seguir investigando nesta dirección. O caso é que a documentada fundación de 1457 parece ter unha omisión, ¡que non era, que non foi tal, senón unha re-fundación! Non foron explícitos, ou non quixeron selo, cousa que se cadra lles conveu facer así para obter algún privilexio ou regalía, tan necesarias entón.

camiño_primitivo

Camiño primitivo en Vilabade

Co noso Camiño, para daquela, século XV, medio apagado, desviado cara as terras casteláns, a ninguén se lle ocorría trae-los frades para Vilabade, poñerse de obra nova, e menos tratándose dunha Orde mendicante, para a que eran vitais as esmolas, as doazóns. Outra cousa sería avivar un rescaldo, ¡reconstruí-lo antigo, remoza-lo convento!
Parémonos a considerar, por un intre, que no ano 1202 (NML, 182) xa se nominaba Santa María de Villa Abati. ¿A Vila dun Abade sen abade, sen convento, sen comunidade? ¡Ergo, xa existía!Por outra banda, esa refundación do século XV pouco edificou, que de facelo a fondo, ¡e os frades nunca fixeron de calquera maneira as cousas!, que diría Lois do Cando, ben consolidado, ó edificio conventual non o houbese trasladado, transformado nun pazo, nun pazo privado, aquel rigoroso bispo Osorio; e menos aínda sen deixar rastro do edificio vello.
Aquí deuse o paradoxo de que os nosos franciscanos cando tiveron un bo mosteiro, ou polo menos, habitable, padeceron unha mala igrexa; e cando, sucesivamente, os Castro e mailos Osorio erixiron esta marabilla que é a “A catedral” actual, para daquela, ¡adeus comunidade: fóranse para Lugo, e xa non volveron!

O que consideramos como refundación basease nunha escritura de Burgos, de 6 de abril de 1457, inserta nas letras executorias da bula ¿fundacional? De 27 de xullo de 1460, A… para los que allí vinieren en romería, por estar en el Camino Françes, et romeraje de la Yglesia del glorioso apostol Señor Santiago de Galicia, patron de España, et asy mismo de la Yglesia de San Salvador de Oviedo, donde todas las personas catolicas cristianas han mucha devocion”. (Documentos sobre el convento que existió a fines del siglo XV en Villabad (Lugo). Archivo Ibero-Americano 10 (1918) 329-333″.
O templo. ¡A catedral, que para selo, só lle falta albergar, ter, un bispo! (No seu lugar ten ó cura Manuel, que vale outro tanto: un home polifacético, servicial, que moito leva feito pola cultura e polo turismo desta bisbarra).- Con sucesivas reconstruccións e ampliacións, en verbas do experto Elías Valiña, outro namorado da Natureza, pero tanto ou máis da Arte, “A igrexa de Vilabade é unha peza de singular interese”.
Erixiuse esta obra, a actual quere dicirse, nos anos 1457 a 1468, sendo o seu promotor Fernando de Castro, segundo reza unha lápida incrustada na entrada deste templo: ANO DEL NASCEMENTO DEL NRO SALVADOR XPO/DE MIL E CATROCENTOS E CINCOENTA E SETE/ANOS COMENCO EL NOBLE CABALLERO DON/FERNANDO DE CASTRO ESTE MONASTERIO A/SERBICIO DE DIOS E DE LA VIRGEN SANTA/E ACABOLA …/… (Os dous últimos renglóns foron borrados. ¿Por qué? ¿Cando…?)

pazo

Pazo de Vilabade

A comunidade franciscana, ¿a primeira, a segunda?, extinguiuse, nefeuto, pero á nacencia do que logo sería Bispo Osorio, franciscanos por aquí debían quedar posto e suposto que el mesmo ingresou nesa Orde. Este bispo, que chegou a arcebispo de Puebla de los Ángeles e vicerrei de México, don Diego Osorio de Escobar, ordenou e satisfixo certas obras de reforma e/ou complementarias desta igrexa de Vilabade, a mediados do XVII. Non se conservan, ou non se localizaron, os planos destas obras, que determinarían máis exactamente cal foi a fábrica de Fernando de Castro e cales os engadidos do seu parente Osorio.
O templo está estratexicamente emprazado, en situación dominante, no propio Camiño, con dúas praciñas: a frontal, a principal, compártea co Pazo do Vicerrei, hoxe dedicado ó Turismo Rural. Esta praciña foi utilizada tradicionalmente para feiras e ruadas, quedando o pórtico para abeirarse e para o parrafeo dos mozos coas mozas.
Precede ó frontispicio un nobre pórtico renacentista de cinco arcos sobre piares, e escalinatas de acceso no arco central. Frontón triangular, marcado por unha moldura saínte rectilínea que descansa en pilastras. Acróteras flameiras nos extremos, e cruz no vértice. No medio, un escudo co emblema dos Osorio. O pórtico, de trazado máis humilde, estendese ó largo do primeiro tramo do lateral sur da igrexa. Esta obra está incursa nas ampliacións do bispo Osorio, antes aludidas.
O frontispicio ten esta portada gótica de acceso, abucinada, de tres arquivoltas, capiteis vexetais e columnas entregas con baseamento elevado e individual. Tímpano reducido, decorado con tres rosetas. Sobre da portada, un tornachuvias que descansa en modillóns con bustos humanos, e un escudo cos tortiños ou roelas de Castro, condes de Lemos. Rosetón de seis lóbulos radiais, abucinado.

Fonte do Romeiro en Vilabade, onde, segundo é tradición, atopouse San Francisco de Asís co lobo da Vacariza
Fonte do Romeiro en Vilabade, onde,
segundo é tradición, atopouse
San Francisco de Asís co lobo
da Vacariza
Unha cornixa corrida, en nivel inferior á da nave, que secciona horizontalmente todo o frontis, como base dun frontón, do século XVII. Os laterais, de volutas incipientes, acaban nunha espadana de dous corpos, con dúas troneiras no primeiro; balconada exterior sobre ménsulas e balaústres de pedra. Unha troneira no corpo superior e pináculo tondo.
A nave é de planta rectangular, cos muros robustos e elevados, en cadeirado, con dous contrafortes exteriores en cada lateral, coroados os dous primeiros por pináculos. En cada lateral ábrense dúas ventaíñas, abucinadas, de oxiva marcada, aximezadas. Cornixa corrida sobre bastos modillóns. Cuberta de dúas augas, e unha terceira por sobre do testeiro.
Interiormente esta nave divídese en tres tramos por arcos de oxiva que descansan sobre piastras, adheridas, así mesmo, a outras que soportan os arcos formeiros, reservando ós muros laterais a única función de axudar a contrarresta-lo empuxe da arquearía interior. As bóvedas destes tramos son de oxiva con sensibles arestas marcadas por lunetos que parten dos arcos formeiros laterais.

O cuarto tramo interior, delimitado polos estribos exteriores, corresponde ó presbiterio. A bóveda de oxiva ofrece unha nervadura de catro terceletes, cunha clave central. O testeiro ocúpao totalmente o retábulo.
O coro ou tribuna descansa sobre un arco deprimido rectilíneo.
A reforma de Diego Osorio dotou dun novo aditamento á cabeceira do templo: sancristía e corpo superior ou oratorio, con dous vans no testeiro para a sancristía, e un para o oratorio. Foi declarado Monumento Nacional o 16 de novembro do ano 1979; e seguidamente fixéronselle novas reparacións, máis ben de conservación..
Esta construcción disfraza a súa traza románico-gótica co conxunto renacentista no que o barroco galego dá leccións de liñas e de proporcións. O campanario, que é de triple arco, cunha fermosa balconada pegada, sufriu as envexas do trono, que nunha ocasión mandoulle unha terrible descarga eléctrica, rompendo sillares e esnaquizando os balaústres; aquela tronada motivou ás autoridades que así, nesta ocasión e con este motivo, lembráronse de que era pecado non atender á conservación deste milagre en pedra.
Para descubri-la verdadeira fachada, despois dunha primeira ollada, despois do éxtase inicial, convén subir, a modiño, por suposto, pola escalinata, xa que se descubre en cada estirón un novo alicerce, un novo encanto. O soportal mostra unha fronteira que é obra de perfecto equilibrio eurítmico: Os cinco grandes arcos, de medio punto, coas piastras pegadas nos intermedios, simulan soster un entaboamento coroado por un ático triangular e moldeado que lle dá centro e preitesía ó escudo das bandeiras, dos loureiros e das palmas. Volvendo atrás, para gozar dun repasiño, decatarémonos de que no escusón loce a M coroada dos Baamonde-Montenegro, rodeada doutros brasóns.
Desta perspectiva dixo Trapero Pardo, nunha boa descrición, que traspoñe-los arcos do soportal é algo así como traspoñe-los umbrais do tempo, pois, deixando atrás os estilos herrerianos, desvélanse estas columnas, góticas, da portada, mostrando, de paso, por sobre da oxiva afiada, en mármores brancos, os roeles dos Castro, que son tal que unha sinatura que quixo deixar o constructor desta eirexe para perpetua-la súa memoria.

Máis arriba hai un óculo, un pequeno rosetón, finamente calado; e por abaixo están os canciños, tallados, que representan figuras humanas e de animais: tal parecen desprenderse do plano dos sillares graníticos para conversar cos visitantes, contándolles, de paso, a historia do templo, dos frades que o maxinaron, dos canteiros que o puliron e da despensa ubérrina do país nutrinte. ¡Ouh México, exótico e afastado, vicerreinado do bispo Osorio, (ou Ossorio), que proporcionáche-la prata, transvasada ó inexpugnable arcón que se conserva nesta sancristía…, hoxe baleiro!
Camiño Primitivo, Vilabade
Camiño Primitivo, Vilabade
Retábulos: O maior, que é un interesante conxunto escultórico, renacentista-barroco, de mediados do XVII, en castaño nu, quere dicirse, á cera. De 7,50 metros de base, ocupa todo o testeiro. Atribúese a Francisco Moure. Configúrao un elevado piso con tres rúas e catro columnas compostas, de fustes ornamentados con múltiples e variados relevos. Dúas portas de acceso á sancristía que se abren no banco e no sotabanco que corresponden ás rúas laterais. No primeiro dos espacios da rúa central e do banco elévase un artístico expositor de dous corpos, flanqueado o primeiro deles por dúas columnas en cada lateral. No segundo corpo unha fornela, que acolle a talla de Santa María, titular, con decoración de anxos soltos a ambos lados. Coroamento de cúpula e capuliño, que fan como de pedestal a unha segunda forneliña do corpo central, que garda outra talla de Santa María, xiratoria, adaptada ó culto do oratorio que se eleva por sobre da sancristía; ó seu lado, anxos oferentes. Nos laterais, forneliña de venera, que acollen a san Xosé e a san Xoan Bautista. O ático, de tondo remate, anímase coa escenificación de Santiago matamouros, acompañado de guerreiros e de anxos. Nos laterais, dúas tallas de santas.

As esculturas do expositor, Santiago matamouros e as demais imaxes, parecen ser de factura posterior ó retábulo, xa do barroco-rococó.
Retábulos laterais. No presbiterio, lateral sur, baixo arcosolio de medio punto, retábulo barroco dunha forneliña, dúas columnas salomónicas e festóns. Un frontón quebrado enmarca o encadramento do Santo Cristo, 1,00. Ático decorado cun rosetón semicircular, con follaxe vario. Ó pé, tallas exentas: Dolorosa, 0,90; e san Xoán, de igual altura. Un bo conxunto. Século XVII. Na nave, tamén lateral sur, un retábulo sinxelo, de 2,00, con dúas columnas de estrías, aneladas no tercio inferior. Basas áticas e capiteis corintios. Santiago peregrino, con aspecto de tradición románica. Conxunto popular; século XVI.
Outras pezas escultóricas: Unha Inmaculada, de 0,75; santa Bárbara, 1,20; santa Catarina, 1,12; santa Lucía, 0,72; santo Antón, 0,65. Boas tallas, todas elas. Do século XVI.
Na sancristía: Cristo, de 1,13, gótico popular, século XV; articulado, de descendemento. Caixoneira, de 4,50. Boa. Popular. Do século XVII.

Dándolle outro repasiño ó templo, así, en plan turista, que o merece: Empecemos por busca-las vieiras rebaixadas nos granitos do costado interior dereito, que nos certifican a tradición dos peregrinos -camiño primitivo do Campus Stellae- que lle rendían unha segunda visita despois de repoñe-la auga das cabazas aí arriba, nas abas do Pradairo, nesa Fonte do Peregrino, “do Romeiro”, cabe da ermida do Carme. O retábulo maior non é para unha simple ollada senón para levalo consigo…, (fotografado! Arriba está o brasón dos condes de Lemos; pero o mellor é o colectivo desta obra singular: As súas columnas, que chaman á seguridade e á serenidade ornamentais. Ramallos colgantes, similares ós que Casas utilizou no claustro da catedral de Lugo e na capela dos Ollos Grandes da mesma. Frontóns moldeados que simulan servir de sostén a algunhas das partes do corpo do retábulo. O Señor Santiago proporciona aquí a única desazón ambiental, co seu aire lanzado, guerreiro, -interpretación da época, por outra parte-, coa espada flamíxera mal disposta, non se sabe se en contra dos mouros ou dos malcristiáns.
Na parte central observamos un pequeno oco, cunha orla en releve, para abriga-la imaxe da Virxe sedente, co Neno no xeonllo da dereita. A este camarín pódese acceder desde a sancristía, para bica-la imaxe, que xira sobre da súa peaña. O retábulo é de castaño sen policromar; ou mellor dito, policromado pola nobre pátina dos anos; atribúese ó mestre Moure, célebre autor do coro catedralicio de Lugo e doutras importantes obras en Monforte, en Ourense, etcétera.
Crentes ou non que sexan os visitantes, este sagrario ou ostensorio, colocado no centro do retábulo maior, inspira devoción: É unha peza orixinal, tanto polo seu tamaño como polas súas características. O corpo central, flanqueado de columnas que imitan as platerescas dalgúns templos, dá acollemento ó sagrario. E por sobre deste corpo central, noutro máis reducido, a imaxe da Virxe desprega o seu manto; ó sopé acóllense dúas figuras, posiblemente dos fundadores desta igrexa. O conxunto remátase cunha abóvediña peraltada, con lanterna, que vén a ser coma unha reducción do corpo primeiro do ostensorio; figuras de anxos, como símbolos das virtudes rodean esta peza orixinal, que pode cualificarse como unha das máis belas e máis valiosas no seu estilo de cantas existen en Galicia, competindo en harmonía co ostensorio de Celanova.
Outros anxelotes, separados do ostensorio, parecen formar conxunto, e flanquean o camarín da Virxe; un deles levanta, por sobre da cabeza, unha cartela na que se le, “IANVA”; o outro ostenta na súa a inscrición “COELI”, alusiva ó título de Porta do Ceo, que se dá á Virxe María na súa ladaíña.
Máis retábulos, máis: Á parte dos frescos, son varios, algún deles incompleto por faltarlles elementos que se perderon por culpa da humidade nos anos de deterioro do lousado; ¡polo menos, da humidade! Un deles, co Cristo na Cruz, consérvase case que na súa integridade.
Tallas valiosas son, así mesmo, a do san Xosé, que se conserva no retábulo maior, con todo o seu empaque, co soborde artístico dos imaxineiros da época de maior esplendor do noso barroco; en parangón, obsérvese a perfecta anatomía e maila actitude da figura do Bautista. Ámbalas dúas en fornelas de fondo uniforme, sen policromar. De gran talla e de perfecta execución e de magnífica policromía tamén son as imaxes de: santa Bárbara, de santa Catarina de Sena, da santa Lucía e da Virxe das Dores.

A Capela do Carme, outro monumento.
Excelente mirador, como para quedarse apampado coa beleza circundante, tal e como lle pasou co paxariño ó Abade Ero da Armenteira.

Desta igrexa-santuario gárdase documentación no AHN desde o ano 1487. (De cando Colon aínda non soñaba coas indias! En documentación do ano 1605 fálase do hospital que tivemos cabe do Camiño, coa advocación de San Gabriel, por aquilo do arcanxo que acompañou a Tobías; neste caso esperábase a súa protección ós romeiros de Santiago. E tamén do capelán desta ermida, pero deste en documentos do século XVIII.
Esta capela dá soporte físico á confraría da Virxe do Carme, fundación, beneficio-capelanía, protexida, reforzada a súa dotación inicial, polo omnipresente Excmo. Sr. D. Diego Osorio de Escobar e de Lamas, arcebispo-bispo de Puebla de los Ángeles, capitán xeneral-vicerrei de México, (segundo consta de Reales Cédulas datadas o 29 de xuño do 1664, reinado de Felipe IV).
Este arcebispo asignou, no ano 1661, unha cantidade en prata moi importante, que en euros sería de varios millóns, a mais de para a conservación desta capela e fomento de outras obras pías, ¡para casa-las doncelas de Vilabade! Do Libro da Confraría do Carme, datado a “…veintinueve días del mes de Agosto del año de mil setecientos siete”: “… Nosotros, Don Juan de Montenegro-Páramo y Neyra y Doña Isabel María Ana de Ossorio y de Ulloa, marido y mujer, vecinos de la Puebla de Burón (Nota: eran os administradores, locais, do Conde de Altamira) y aveciñados al presente en esta Villa de Villabad, DECIMOS: Que por cuanto Don Pedro de Montenegro Páramo y doña Isabel de Neira y Santiso, su legítima mujer, padre y madre de mi el dicho Don Juan de Montenegro, fundaron en los términos de esta Villa, en el sitio que llaman de la fuente del Romero, una Ermida de la vocación de Nostra Señora del Carmen, con intención de fundar en ella su Santa Cofradía…”
Estas familias (Montenegro, Osorio, Ulloa…) converteron Castroverde, e particularmente Vilabade, nunha pequena Corte señorial.

ermidadocarme

Ermida do Carme

Confraría da Virxe do Carme
Esta confraría da capela de Vilabade rematou o século XX con algo máis de mil confrades. Segundo dito queda, foi erixida o 29 de Agosto do ano 1607 pola familia Montenegro-Páramo Ossorio y Ulloa, sendo referendada a súa aprobación canónica pola Orde Carmelitana no ano 1763.
A fundación destas confraría tivo anexo un beneficio-capelanía, instituído en 1661 polo Excmo. Sr. D. Diego Ossorio de Escobar, Arzobispo de Puebla de los Ángeles y Capitán General de México, segundo consta de RR. Cédulas, datadas o 29-06-1664, sendo Rei de España Felipe IV.

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral