Uriz, Santa María de

igrexa

Santa María de Uriz

Ou vén de ourizo ou de ourive, que o sitio préstase ás dúas posibilidades. Máis serio parece o de villa Onorici, Onoricus, ou Hunericus, de raíz xermánica.
Ó Sur de Castroverde, nun chan entre os montes Pedreda e Pedroucos. Freguesía encasulada entre Espasande, Cellán de Mosteiro, Miranda, Tordea e Goi.
C.P. 27125 Lugares: A Eirexe e Uriz. Na parte oeste, un castro.
Terra cha, con moito arboredo, principalmente carballos. Un castro ó Poñente. Son importantes e abondosas as súas fontes: A da Airexa ou Eirexe. A de…, ¡haberá que dicilo!, Mazacollóns. Está nun montiño ó que chaman Guarte, pero o nome primixenio esqueceuse desde que os veciños lle mazaron nese lugar o que tiña no seu lugar; ¡a todo isto, uns din que foi por violar unha moza, e outros que por roubar un par de untos de porco! O caso é que o eunucaron. Temos tamén a fonte da Bica, ou do Bicarelo. E maila de Teixeiro, que manda as augas ó Mazo. Á Fonte Pública tamén lle chaman Dos Parrafeos, ou das Pernas Vistas, en alusión ás lavandeiras do lugar. O regato do Fabal iniciase precisamente na Bica do Fabal.

O templo álzase no lugar chamado da Eirexe. Románico tardío; podería ser do século XIV. Nave rectangular cuberta ás dúas augas con armadura de madeira, dúas trabes tirantes. Unha porta lateral sur, cun arco de medio punto, cego ó exterior por un tímpano monolítico; a ras do muro descansa en xambas. Un ventanal seteira en cada lateral da nave. Cornixa corrida sobre uns bastos e biselados capiteis. Portada en arco de medio punto, cun tímpano monolítico que descansa en machetas e xambas. Unha ventá seteira e espadana dun só van, cunha albardiña ás dúas augas.

A ábsida é semicircular, máis baixa e reducida cá nave. Arco triunfal de medio punto, dobrado exteriormente, en aresta, sobre impostas e pilastras sinxelas. A ventá seteira do testeiro presenta indicios de atoparse cuberto polo encalado. Corre os muros unha robusta cornixa sobre capiteis biselados que soportan a cuberta e maila bóveda, dun cuarto de esfera.
Esculturas.- Na última restauración retirouse o retábulo grande, conservándose dúas columnas algo bastas, salomónicas, de acios. Tallas: Santa María, de 0,90 m., titular; santo Ambrosio, 1,00 m.; san Brais, 0,70; san Xosé, de 0,45; san Mateo, de 0,65 m.; santo Antón, de 0,65 m.; outro san Brais, de 0,56; Cristo, de 0,45. Son pezas máis ben mediocres, populares; do XVI.
A pía bautismal é unha peza interesante. Pé cun anel groso, base de copa ampla invertida cunha repisa cadrada e catro garras. Pía de fondo galonado e corpo amarrado por dous aneis acordoados e paralelos que delimitan unha franxa dividida en rectángulos, decorado cada un con espirais dobres, follas, motivos xeométricos, etc.; diámetro superior 0,95, por 0,70 de alto.

Igual que a maior parte das parroquias desta bisbarra, foi señorío dos condes de Altamira.