San Tomé (Tomás) é o titular de 45 parroquias. DP 27125 Accesos: A oito quilómetros ó Sur da capitalidade de Castroverde, na cunca do Tordea, afluente do Neira. Un só lugar, Tordea, que foi coñecido por Tordena e por Tordia. ¿De orixe celta?
Non se sabe a que é debido, pero aquí sempre houbo xente animosa e ocorrente, célebre nas feiras de Castroverde polos seus dicires. Cóntase que lle dixo un xateiro ó paisano: “¡Pago un xarro, e cerrámo-lo trato!”. ¿O que, ho? ¡A min só me tordea a auga do Tordea!
Fontes: Suaira, da Torre, da Curuxa, do Barranco e maila Pinguela. Os prados réganos coa Xed, coa fonte do Ouro (¡vaia luxo!), e coa do Couso. Nesta fonte do Ouro, (¡que por algo será!), orixínase o rego dos Ramos, nome que tamén é significativo. O regato da Regueira, outro nome elocuente, fórmase coa fonte da Torre, e tanto se entrega, tanto fecunda, que acaba escorrido.
A igrexa é unha humilde peza de sabor medieval. A fábrica primitiva parece que foi románica. A restauración pode corresponder ó século XV ou XVI. Nave ás dúas augas, con lousa sobre armadura de madeira, de tres vigas tirantes. Lateral norte con ventanal seteira. Lateral sur, seteira e porta cun lintel triangular e un relevo radial. No interior presenta tímpano lobulado triangular. Esta porta podería corresponder á fábrica primitiva; no acceso da mesma, á dereita, pía da auga bendita, de 0,62 m., algo basta. O frontispicio está caleado, coma o reto do templo. Portada de arco de medio punto, sen impostas, de doelas irregulares. Ventanal seteira, cornixa bocelada, campanil dunha troneira con campá, en granito.
O presbiterio é algo máis baixo e reducido do que a nave; rectangular, ás dúas augas. Arco triunfal de medio punto, impostas e pilastras.
O retábulo é sinxelo, dun corpo con tres furnas e ático. Catro columnas salomónicas e un ornato de acios, espellos, rombos, etc. San Tomé, apóstolo, de 0,70, que é o titular. San Roque, de 0,70. Cristo, de 0,42. Unha talla da Virxe, de 0,48, co Neno e coroa de madeira, basta, popular, dos séculos XIV-XV.
Pía bautismal, basta, de 0,95, cun anel central e no corpo inferior releve de dúas cruces de Malta; no medio delas a data de 1.511. Pé semicilíndrico que acaba en base cadrada. Pía similar á de Cellán de Calvos, que é limítrofe. Cáliz de prata, 0,25; copón de prata; cruz parroquial de metal, con cebola. Pezas do século XIX.
Baixo o señorío dos condes de Altamira no A.Réxime.