Nunha revolta do Camiño Primitivo. Actualmente sen vivendas. Para decatarse de algo, para empezar a coñecer o seu entorno, compre levar unha fouciña; ou mellor, unha fouce. Tampouco iría mal leva-la merenda; unha cesta ben surtida, que de chegados a Soutomerille non apetece ausentarse.
Anexa de San Xoán de Barredo. ¿Souto-amaryllis? ¿Souto Marelo? ¡Qui lo sa! O que si sabemos é que hoxe por hoxe é un souto multicolor, pero…, ¡dos humanos abandonado; polo menos, de noite! E non será por falta de auga, que ademais do Romeán e do regato do Agriño (que desemboca no río da Barranca), ten as fontes do Romeiro (na Pallota); e logo a do monte de Soutomerille, a da Horta Nova, por xunto do seu minicemiterio. ¡Tres tumbas para catro casas: a de Virille, a das Cambas, a da Vila e maila do Curral de Abaixo!
Don Nicandro Ares que, de posto a soutar, a buscar, a investigar, sería capaz de desempoa-la partida de nacemento de Adán, plasmounos na LVCENSIA, 1999, este souto de erudición, que ben merece un tratamento literal, por árido que se faga: ANome do único lugar desta parroquia, que aparece chamándose en 1122 monasterium de Sauto Maireli (non Sauti Mairelo:NML 176), en 1222 Souto Meyril, en 1293 Souto Merelle, en 1309 Souto Meirille (NML 178); en 1286 don Saluador de souto Meyrile (CDF 304); Souto-meyrille en 1309, 1336, 1349 (LF 87, 348, 530). Piel e Kremer poñen a orixe do topónimo en Saltus Mirelli (HGN 185/7), é dicir, nun apelativo común latino saltus >souto=, posuído por un home de nome visigótico Mirellus. Este antropónimo recólleo E. Rivas Quintas (OPNH 229/953), pero coida que ten orixe no latín mirus >marabilloso=. En docs. de Lugo, aa. 959 e 960, aparece o antropónimo Mairello (Lucensia 8/1994/177) e Meirelo en 975 (Ibid.) Quizabes reducción de Maiorellus (comp. Maiorinus >Meiriño=). No privilexio de Afonso III, ano 897, figuraba esta freguesía como ecclesia Sancti Salvatoris de Rimilani (hoxe Romeán, parroquia inmediata), igual ca en 1239, 1249, 1251, 1274 (NML 173). En 1317 consta San Salvador de Rimian (LF 168). No xornal de Lugo El Progreso (5-VII-1975) escribín sobre unha inscrición sepulcral visigótica de Soutomerille, e sobre ela volvín no Boletín do Museo Provincial de Lugo, tomo II, 1984, p.121″. ¡Que lles dicíamos, unha saturación, unha multa paucis!
Accesos: Pregunten en Vilar de Cas, ou nas areeiras da Pallota; ou ampárense nun Guía, que a xente dos lugares próximos é bastante comunicativa. ¡Demostrado!
Altitude máxima, 563 m.
Son ben explícitas as referencias documentais acerca do mosteiro de Soutomerille, aínda que a presencia doutros lugares próximos, como Romeán e Vilafrío, substituíndo ó de Soutomerille en varias escrituras, poda deixa-la dúbida, e de feito todo isto é algo que infunde…, ¡sorpresa, admiración, respecto e veneración!
Parece seguro que no privilexio da igrexa de Lugo, outorgado por Afonso III no ano 897, a referencia que fai de San Salvador de Ramilani (Romeán) alude ou encubre a de Soutomerille. Na mesma liña haberá que interpretar unha venda datada no 1.005, na que se fala do templo do San Salvador de Romeán e dos seus monxes. Noutros documentos noméase a igrexa do San Salvador de Vilafrío, que tamén pode ser esta mesma de Soutomerille.
A igrexa parroquial foi reedificada a comezos do XVII no mesmo solar da/ou das primitivas, conservándose algúns restos que demostran que a vella/s era/n de estilo mozárabe. Consta de nave rectangular coa bóveda de “rajuela”, arco triunfal de medio punto e ábsida tamén rectangular, coa bóveda similar á da nave, dividido polo retábulo de pedra en dúas partes correspondentes ó presbiterio e a sancristía. O carácter renacentista da obra acúsase sobre todo no frontis, que se adorna cun frontón recto partido pola base; no tímpano figura un escudo cun lis, unha lanza e un castelo. Encima da porta aparece a inscrición dativa da obra: “REEDIFICATVM + ANNO 1619/PER DOMINOS LICENCIATOS ALFONSVM/ET PETRVM LOPEZ PALLIN, FRATRES”. O entorno da porta ornaméntase cunha decoración sinxela no marco, que se repite sobre das alas do “tambanillo”. Coroa o cimafronte unha espadana de granito cun só vano.
Tres tramos separados por arcos de medio punto sobre das pilastras de superficie refundida, con estrobos ata o tellado no exterior, complementan o interior da nave. O ábsida é máis reducida, como se reflectira unha planta mozárabe. Ós lados do arco triunfal, no espacio dos muros, ábrense dúas fornelas rectangulares enmarcadas por unha moldura sinxela coroada por unha imposta ou tornachoivas.
O retábulo maior é de pedra, cerrando toda a cabeceira, e componse de dous pisos. Na parte baixa centra o espacio unha forneliña de arco redondo cun oco rectangular a cada lado; a porta da sancristía na parte esquerda e unha alacena no outro flanco. O remate ten un oco central de aresta sogueada e a cada un dos lados o mesmo escudo da fachada e dous pináculos apiramidados.
en Soutomerille
No testeiro da ábsida consérvase unha preciosa ventá mozárabe de 0,90 x 0,72, coas catro seteiras coroadas con arquiños de ferradura. Os reconstructores colocaron surmontada unha inscrición alusiva a esta pedra: “QVAM SIT ANTIQVA/ECCLESIA LAPIS IN/FERIOR TESTATVR”.
No pavimento atopáronse tres inscricións en pedra lousa, tamén de época visigoda. Dúas laudas sepulcrais custódianse no interior, do século XVII, brasonadas cos seus correspondentes escudos; son de don Andrés López Pallín e outros deudos seus.
Muros de granito en fiadas horizontais, pavimento de laxes pizarrosas e tellado de lousa. Este edificio parece ocupa-lo sitio dunha medorra ou prominencia sacra.
Castro de Soutomerille, con covas de conducción soterrada. Pena con coviñas; atopáronse dous muíños de man, xunto con distintas pedras tallada e utensilios pulimentados, que os levou Ricardo Gómez Polín para o Museo da Fonsagrada, por non telo en Castroverde. Ó lado da igrexa un sartego solto.
Casa Torre de Arriba e outra forte, chamada de Abaixo; ambas con vestixios de fortaleza, tales como cárcere de couto, portas de arco en granito e algún sillar.