Souto de Torres, San Tomé de

souto

San Tomé de Souto de Torres

(Tomé. Do arameo: xemelgo). Freguesía anexa de San Paio de Arcos. ¿U-las torres? Está claro: ¡torres, en plural, cubrindo, protexendo, estratexicamente, a Vía Romana; e de paso, un fielato para as peaxes, para as recadacións; primeiro de Roma, e despois dos feudais! En 1509 escribían Soto da Torre (RM 342) (Que máis dá que fose unha, unha torre, ou varias!
C.P. 27146 Accesos: Na mesma C 630.

Augas: Augueiro, que baixa de Serés. E logo están as fontes de Baixo e de Riba, amén dunha terceira, ben importante, que mana pola parte das Carballeiras, de par do Camiño de Santiago.
Altitude máxima, 520 m. É unha terra bastante cha, abondosa en arboredo: carballos, castiros, bidueiros, pino, froiteiros, etc. Poucos veciños, pero con explotacións fortes.

A igrexa está un pouco illada e ten o adro-cemiterio en fronte. Fábrica sinxela, harmoniosa e ben conservada; de tradición románica. A nave é rectangular, con cuberta ás dúas augas, de lousa en armadura de madeira sostida por tres vigas tirantes. Paredes caleadas, coas partes máis nobres en pedra gra. A porta lateral sur está cega, en arco de medio punto e sen impostas. Un ventanal seteiro en cada lateral. Pavimento moderno, de terrazo. O frontis con porta alintelada, dunha arquivolta, en aresta. Descansa no muro a través de impostas lisas. Tímpano monolítico, machetas de cuarto bocel e xambas lisas, en aresta. Ventanal seteira. Espadana de dous vans e pináculo con óculo e albardiña tonda. A espadana parece obra posterior.
O presbiterio é máis reducido cá nave; cuberto ás tres augas. Arco triunfal de medio punto, dobrado, en aresta. A rosca superior descansa mediante unha rústica imposta no muro; a inferior faino en pilastras. Un ventano no lado sur. Coro alto ós pés do templo.
Tiña un retábulo, sinxelo, neogótico, dunha forneliña, que está retirado. Consérvase unha talla de san Pedro, 1 m.; e outra do santo Antón; populares, do século XVII.