Serés, San Pedro de

seres

San Pedro de Serés

É anexa de San Xurxo de Rebordaos, tendo un certo parecido as igrexas respectivas.
C.P. 27126 Lugares: Serés, co templo no medio das casarías. ¿Serés, de Serinii, xenitivo de Serinius, e este de Serus? En todo caso, Serenus, sereno si que é. E logo que se dan as ortigas en tódolos curros. ¡Terra de ortigas, boa terra! Humedécea a fonte de Cincobo e maila das Labradas Vellas, así coma o Regato das Campelas. Pero a meirande riqueza veulles dos fornos do cal, e conseguintemente do carreto deste material.

Igrexa no medio do lugar, parecida á súa filial, Rebordaos. A nave é rectangular, ás dúas augas, armada en madeira con tres vigas tirantes. O pavimento, de terrazo. Coro alto ós pés. Frontis coa porta alintelada; un ventallo e unha espadana de dous vans e cimacio. Unhas volutas das que se eleva un floreiro en cada estrema. O presbiterio é máis amplo e máis elevado cá nave; ás catro augas, cun arco triunfal de medio punto. O ceo en catro planos, cunha viga tirante. Sancristía na parte posterior, a tres augas, con dous accesos desde o presbiterio. Todo o templo loce boas pezas de granito nas partes máis nobres; as outras están encaladas.
Como pezas escultóricas: Un retábulo neoclásico, cun corpo de tres forneliñas e un frontón cunha pintura de Cristo crucificado e fondo de Xerusalén. San Pedro, de 1,00 m. A Virxe María, san Roque e mailo san Xosé; todos eles de 0,80 m.
No lateral dereito, abeirado cun arco, un retábulo sinxelo, de trazas renacentistas, que se vén utilizando para o Monumento do Xoves Santo. Un sagrario cun relevo de Cristo maniatado. Dúas imaxes: o san Roque de 0,80 e o san Silvestre, de 0,95 m.
No esquerdo, tamén cunha arcada, neoclásico, sinxelo. Unha Inmaculada das de vestir e un Cristo en cruz de madeira, no cimacio. Unha cruz de metal dourado, de tipo procesional, renacentista, na sancristía, de 0,55 m. O cáliz é sinxelo, de prata cicelada, 0,22.

Augas: O Augueiro ou Angueiro. Altitude máxima nos termos, 683 m.
Desde Serés nos se perdan unha subidiña ó Mons Ciro, pero cheguen ata a lagoa onde se suicidaron aqueles nativos, acosados polos romanos, inxerindo o beleño das teixoeiras. A subida é suave; e despois poden baixar cara as Veigas dos Feás; nun todoterreo, mellor aínda.
Tamén foi señorío dos condes de Altamira. ¡Xa é unha redundancia tanto señorío, tanta pertenza, tanta vasallaxe!