Arc. de Bolaño, do ob. de Lugo. C.P. 27124 Ó SE. da capitalidade. Polo seu topónimo non fai falla preguntar, que chega con asomarse ó río.
Lugares: Foguentelle (para Moralejo, Fons Guntelli). Riomol e Vilacote. En canto a “Vilacote” poderíamos escoller entre Cotta, Cottus, Cottius, etc.
En 1240 cítase Sanctus Petrus de Belvis in Castroviride (NML 143) Don Nicandro pregúntase se será Riomol ou Serés; supoño que polo de S. Pedro. Belvis quere dicir miradoiro.
Augas: Riomol, Masoucos e Caxás. Montes: Devesa, con 798 m. Ten dúas fontes públicas, a de Cuasto e maila de Pausín, nomes ben enigmáticos por certo, pero o interesante é o que rega, entre Riomol e Furís. A fonte do Arroxo, que é cativa e privada. Para non omitila está a de Foguentelle, que é o contrario do fogo, xeo puro.
A parroquial está no lugar de Riomol, un pouco illada; de boas proporcións, con características especiais; estructura de cruz latina. A nave cóbrese ás dúas vertentes sobre seis trabes tirantes, con boa armadura de madeira. Frontispicio elegante, coas partes máis nobres en granito; o resto caleado. Porta con lintel, espadana con dúas troneiras. Unha inscrición dá testemuño da restauración: “20-5-1911”.
No ángulo esquerdo da porta de acceso está a pía bautismal, unha boa peza, de 1,05, co borde anelado, campo liso, dous aneis paralelos coroan a parte inferior, decorada de galóns; pé cilíndrico, basto, de 0,18; baseamento semirrectangular, decorado con altos releves de dúas figuras humanas que elevan as mans á altura da cabeza; un dragón no medio. á dereita, na mesma liña da porta, parten tres chanzos de acceso ó coro; ós seus pés unha pía de auga bendita, de 0,70 m.
O lenzo lateral norte da nave está protexido por un “soportal”, con acceso á nave, cerrado por unha repisa de pedra sobre a que se elevan dúas columnas que soportan unha viga corrida, na que descansa a cuberta, prolongación do teito da nave. No mesmo lateral levantouse a sancristía, ó parecer da mesma data do frontispicio.
Ábsida e capelas.- A cruz latina fórmase coa parte primitiva do templo, semicirculares, de tipo románico. O ábsida e maila capela norte conservan cornixa e canciños bastos, decorados con cruces, estrelas, bustos de animais, etcétera. Arco triunfal algo apuntado, dobrado, en aresta, sobre pilastras pegadas, con impostas biseladas que se estenden ó longo do ábsida, cuberto con bóveda de canón e media laranxa. Conservan uns estructura similar as capelas laterais; nembargantes, é peculiar na parte norte do segundo corpo, con columnas medio emparelladas, bases con garras, capiteis bastos con colariño e impostas de simple moldura bocelada. No ábsida, detrás do altar maior, percíbense signos de pinturas, e tamén no arco triunfal. Os muros laterais da nave, na parte superior, decóranse con pinturas de cortinaxe.
Retábulos.- O maior, do século XIX, con vestixios de dourado. Tres encabalgamentos. San Pedro, titular, de 1,05, con tiara, chaves e báculo, de 1835; santo Antón, de 0,80; e unha Virxe, de vestir.
Capela lateral norte.- Retábulo barroco, do século XVIII. Dúas columnas salomónicas decoradas con motivos da vide, tres encadramentos, coroados cun medallón. Virxe, de 0,85, pintada, que ofrece o peito ó Fillo, modais sobrios, ambos coa vista elevada e posta ó lonxe; coroa de madeira; conxunto dunha soa peza, século XV, boa; santa Catarina, de 0,70, con vestixios de policromía, a roda, espada sobre cabeza humana; boa, do século XVIII.
Sancristía.- Un grupo escultórico de santa Ana, a Virxe e mailo Neno, de 0,65, pintado, bo, do século XVI; Cristo estilizado, de 0,60; dous cálices de prata, século XVIII, cicelados; un moble bo, de 2,10 de largo, 1,00 de ancho e 1,00 de alto, con dous caixóns na parte superior, decorados con discos; outros dous caixóns horizontais, na parte inferior.
De Riomol tivo a xurisdicción dona Joaquina de Oca.