Recesende, San Cibrao de

recesendepazo

Pazo de Recesende

Pequena freguesía, anexa de Santa María de Monte. Nunha altura, na aba do monte do seu termo, que a domina polo E.
¡Para que logo digan que os suevos non viñeron, desde Francia, desde Irún, pola plataforma cántabra, concretamente polo camiño das Asturias, pola repetida, e sempre pateada, a pé ou dacabalo, Vía Lucus Augusti-Gigia, que tanto daría que facer, que facer e que falar! Os suevos foron deixando xente, xente e gando, pressuras lles chamarían despois, asentamentos máis ben gandeiros, á dereita e á esquerda, que aí están, de testemuñas, amais da toponimia menor, que tamén é abondosa: Vilauriz, Landriz, Frontoi, Bergland, Recesende, Quetesende, os dous Bascuas, o de Montecubeiro e mailo de xunta a Lugo; Gondel, Rois, Suegos, Mondriz…

C.P. 27146 A só 3 Km. de Castroverde. Accesos: Desde a inmediata N VI. Na súa ponte seica as houbo bravas cun destacamento francés, daquela da guerra da Independencia. Cóntase que só lle perdoaron a vida a un tal “Boudón”, cabo ou sarxento, por estar malferido, así que, para que non quedase rastro da dellada, enterraron ós mortos, e con sellas de auga, desde o río, lavaron as pegadas dos feitos. Ó Boudón levárono para a Meda; cando deu curado, ¡onde ían os seus! Casou cunha morgada, e non se sabe se en francés ou en galego, pero o caso é que deixou descendencia.
Lugares: O Curral, O Mesón da Cabra, A Penalonga, Recesende (Nun inventario de bens usurpados ós cóengos lucenses, sobre do ano 1133, figura in Recesendi hereditates cum familiis), e Santa Eufemia.
Unha fonte, en cantería; e logo o Outeiro. Monte Roxo, de 603 m.
O bispo lucense Pelaio fíxolle a esta igrexa unha copiosa doazón, con data do 998; naquelas dádivas ían, na vila de Recesende, unhas propiedades pertencentes a Gotina e á súa irmá, fillas de Fernando Bermúdez.
No lugar de Outeirín, nun terreo lindeiro co adro da igrexa, descubríronse en 1.920 tres sepulcros recubertos con laxes perfectamente axustadas, recheos de terra PERO sen restos humanos; nun deles habías dúas machetas de cuarzo cristalizado.

recesende

San Cibrao de Recesende

Templo sinxelo, xunto dunha magnífica casaría e coroando un outeiro. Nave rectangular de 5,20 x 9,20. Porta principal e unha no lateral sur con lintel; campanil dun vano cunha campá; cuberta ás dúas augas, con lousa sobre madeira; dúas trabes tirantes.
Presbiterio de 5,60 x 5,65, máis amplo e elevado cá nave, ás catro augas, cun arco triunfal de medio punto; piso de pezas de granito. Sancristía na parte posterior ó presbiterio, de 2,75 x 5,45; máis baixa e reducida; ás tres augas.
O retábulo maior é sinxelo, século XVIII, de dous corpos con catro columnas lisas en cada un. Imaxes: O san Cibrao, titular, de 1,15; san Roque, 1,00; santa Bárbara, 0,80; santo Antón, 0,65; san Francisco de Asís, 0,60. Tódalas tallas mediocres. Por sobre das portas da sancristía dous releves heráldicos da casa limítrofe, familia de Teixeiro.

Un retábulo, no lateral esquerdo, sen valor, cun releve da Degolación de san Xoán Batista, de 0,85; Inmaculada, de 1,05. Cáliz de prata, 0,23, liso; cruz parroquial de metal.

A orixe deste templo parece que foi unha capeliña da casa de Teixeiro, que abarca a nave actual, na que se conserva unha lápida sepulcral con esta inscrición periférica: “Sepultura de Fernando Sanjurjo de rubinos, fundador de la casa”, e no centro, ós pés do escudo: “Dejo de aniversario dos misas cantadas cada mes Año 1637”.
O outeiro no que se erixiu esta igrexa é coñecido polo topónimo de Outeirín; terra granítica, na que se descubriron varios sartegos.
No AHN aparece documentación do Recesende de Castroverde mesturada coa do Recesende de Baralla, dende o 1386 ó século XVIII.
Estivo baixo a xurisdicción dos condes de Altamira; ou máis exactamente, dos seus mordomos.

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral