Pumarega, Santa Mariña de A

pumarega

Santa Mariña de A Pumarega

(Mariña. Uns din que procede do latino Marinus, derivado de Marius; e outros que vén, que saíu do mar. O caso é que en Galicia venerámo-la santa Mariña das Augas Santas, ¡en 97 parroquias!). Arc. de Bolaño, do ob. de Lugo.
C.P. 27124 Accesos: Desde Castroverde ou desde Vilalle; e tamén pola estrada que empalma Sobrado co Souto das Torres.
Lugares: Casullao (á parte e ademais de tódolos derivados e afíns de casulla, témo-lo latín casula, cabana. ¡A escoller!), Faxilde, (o nome de Faxildo, eminentemente suevo e por iso só apareceu en Galicia e N. de Portugal, deu os topónimos Faxilde, Faxil e Faílde), Feirobal ¿se Queirogal é un sitio de queirugas, Feirobal pode ser unha terra, un lugar, de feilas, ou de feitelas…? Moralejo inclínase por fogium lupale, foxo, trampa, para lobos. En canto ó lugar da Pumarega o erro poder estar en cortalas, que non en planta-las; as pomaradas, por suposto. A máis de mazás, foi unha gran productora de liño.

Augas: Uriz. O Rego Traveso, que nace na Veiga dos Ramos e rega prados da propia Pumarega e de Cellán. Por aquí témo-la fonte de Maraina, que hai quen di que se chamou da Moraima, por culpa dunha moura, cos cabelos de acibeche, que a trouxera un fidalgo que estivo por aló, nas guerras da mourería. (Algúns seica lle chamaban Eva, pola súa afección ás mazás).
Altitude máxima: 570 m. Terra bastante cha, con pradería abondosa e moito arboredo. A 500 m. da igrexa parroquial un outeiro coroado por un gran castro e maila casa soarega dos Llamas. Esta igrexa, románica, presenta caracteres moi similares á de Pereiramá. A nave cóbrese ás dúas augas, en parhilera amarrada por tres vigas tirantes. Doce lisos e robustos modillóns, en cada lateral, soportan unha forte cornixa sobre a que descansa a cuberta. Cada lenzo lateral ráchase na parte superior por unha prolongada seteira. Muros caleados. O frontispicio presenta unha porta con arco de medio punto, dunha soa arquivolta a pano co muro; impostas lisas. Tímpano en lintel, sen ornatos. Seteira sobre da porta. Espadana pequeneira, dun van, que parece ser da época do frontal, sen calear, con boas canterías.

Presbiterio máis amplo e elevado, ás catro augas, coa cornixa de granito; caleado. Arco triunfal de medio punto, en aresta. A nave e mailo presbiterio, aínda que son de estilos distintos, parecen ser factura da mesma época. A porta principal, o arco triunfal e mailos dous arcos formeiros que acollen os altares laterais da nave presentan unha semellanza notoria. É un exemplar da transición románico-renacentista, frecuente na provincia de Lugo.
Retábulos.- O maior é neoclásico, co frontón partido. Santa Mariña, de 1,05, titular; san Xoán, de 0,90; san Xosé, de 0,90. No ático unha pomba simbólica cun nimbo solar e dous anxos adoradores, de 0,70. O retábulo lateral dereito é de 1,35 x 1,80; dúas columnas salomónicas bulbosas, con ornato de acios, nun encabalgamento. Santo Antón Abade, de 0,68. Ático semicircular cun medallón. Boa peza barroca do século XVIII. O retábulo lateral esquerdo é idéntico do anterior, pero cunha Virxe do Carme, de 0,62.
Sancristía na parte posterior. Cáliz de prata, de 0,22, sinxelo, do século XIX. Custodia co pé de prata cicelada, de 0,39.

No AHN consérvase importante documentación, que vai do 1711 a 1772.
A Pumarega tamén foi do conde de Altamira.

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral