Pereiramá, San Xulián de

pereirama

San Xulián de Pereiramá

(Xulián. Latín: Xentilicio da familia Iulia, dedicado a Xúpiter). Pereira + )má?) Enferma, podre …? ¡Non, non é posible! Freguesía anexa a San Miguel das Covelas.
C.P. 27143 Accesos: Polo Bidueiros pasa o Camiño ancho, aquel que ía a Monforte, hoxe convertido en estrada DP 1611

Augas: O Pumarín. A fonte do Curral, ou do Igrexario, ten un caudal tan constante, verán-inverno, que habería que pensar que aló embaixo, alguén, acaso un gnomo, manexa un regulador electrónico.
Altitude máxima, 570 m. Un só lugar, o deste nome, Pereiramá. Terra cha, cun bo acceso; a 4 km. de Castroverde, ó sur; uns 20 veciños. Froiteiros, carballos, piñeiros e algún castaño. As casas sólidas, con boas paredes en cantería.

O templo parroquial é de factura románica pero situado en época renacentista. ¿Restauración? A nave cóbrese ás dúas augas, con catro vigas tirantes. Oito modillóns e unha seteira en cada lateral. O frontispicio con porta alintelada; espadana dunha troneira. A cornixa da nave estendese ó longo do frontis formando un notorio frontón renacentista. Protexe a portada un bo cabido, ás tres vertentes, sobre columnas. A ábsida é máis baixa e reducida cá nave; ás tres augas; cinco modillóns no lateral sur, un de rolo, e un ventanal rectangular. Na lateral norte desapareceron os canciños polas obras posteriores da sancristía. Arco triunfal de medio punto, dobrado na parte exterior. Consérvanse vestixios de pinturas detrás do retábulo, cubertas de cal.
Retábulos.- O maior, barroco, do século XVIII. Un corpo e mailo ático. Catro columnas decoradas con relevos de rocallas e acios. Semidourado. O san Xulián, de 0,93; san Roque, de 0,65; a Inmaculada, de 0,62. Pezas da época do retábulo. No ático, o san Mateo, de 0,60, popular, século XV, e dúas columnas de estípites. No lateral norte dúas columnas salomónicas, de acios. No ático, unha talla cativa do Santo, de feitura románica. No lateral sur, que é similar ó anterior, un santo Antón, de 0,65; no ático, unha Santa coas mans xuntas, popular, do século XVI.

A Croa é un castro con recinto, en forma de cono truncado, máis baixa na parte central. Quedan vestixios de hórreos de palla. Un cruceiro sinxelo.
Señoreada polo conde de Altamira.