Pena, Santa María Madalena

pena

Santa María Madalena Pena

Arc. de Bolaño e ob. de Lugo. C.P. 27129 Accesos: pola estrada DP 1611, apartando no rego dos Lagartos. O seu nome venlle dun promontorio rochoso, ¡o que queda del!, antigo fortín, permanente atalaia, que sinala o centro xeográfico da parroquia.
Lugares acasarados: Carballedo (onde chaman Palacio ó seu pazo, ¡e teñen razón!), Granxas, Pena, Piñeiro, Pozos (con enterramentos antigos, deste tipo), Toldaos, Valiño, e maila Casa das Veigas. Esta toponimia non precisa explicación, salvo se acaso o lugar de Toldaos, que por outra parte é un xentilicio claro, unha fundación de toledáns aquí chegados, probablemente xudeus que fuxiron daquela Isabel chamada “Católica”.

É unha parroquia famosa, entre outros títulos, pola súa Banda de Música, na que destacou Afonso da Cancela. Polos anos 70 do pasado século aínda conservaban certa nombradía e sonoridade, ¡sen altofalantes, que aí está o mérito! O seu radio de acción levounos a puntos tan afastados como era Navia de Luarca, por sinalar un deles. Ten contado o cóengo, nativo de Pena, Indalecio Gómez Varela, que sempre se dixo dos seus veciños “que a súa palabra era unha escritura”. ¡E menos mal, pois a letra que mellor se lles daba era a das partituras! A este propósito hai que reservarlles aquí a súa lexítima ó mestre Muíña, e á súa filla Ignacia (Ignacita), que puxaron o seu para elevar esta xente desde aquela endogamia tradicional a unhas xeracións de mando e de mundo, ¡de mundo adiante!

Augas.- Varias fontes, entre as que se podería destacar a da Moreira, ou Mureira. O regato da Regueira, que chegou a ter troitas, daquela, antes de inventarse o termo da Ecoloxía; antes do zurro, quere dicirse. O Rego da Balsa, que se xera nos outeiros do coto e de Piolo ou de Pioute. O Augueiro e maila Lagoa Grande. Montes interesantes, a cal máis; a subida á Cruz das Louseiras, camiño de san Cibrao, e maila subida ó Mons Ciro; estas ascensións é recomendable facelas a contrasol: pola maña á Cruz e pola tarde ó Monciro.
Foi señorío das casas de Osorio e de Pardo, coa liñaxe dos condes de Altamira; entre eles nomeaban Xuíz ordinario; despois exercérono as casas de Mondriz e de Carballedo, ademais do convento de dominicos de san Ciprián de Montecubeiro: Polos de Lugo, despois da desamortización, actuaron os donos da Torre de Arriba de Soutomerille.
Tiveron unha capelanía dedicada á Nosa Señora do Rosario, presentación do herdeiro de Francisco Nadela, desta mesma freguesía, cunha renda anual de corenta ducados.

O templo está emprazado ó abeiro da pena que lle dá sona. Sinxelo, neoclásico, cunha nave cuberta ás dúas augas, de lousa sobre armazón de madeira; cun falso teito entaboado, no interior. Muros caleados, exterior e interiormente. Na nave, por cerca do arco triunfal, ábrese en cada lateral un arco formeiro, de aresta, sobre impostas rectangulares e pilastras que dan acceso ás capelas de planta cadrada, cubertas ás tres augas, á mesma altura da nave e do presbiterio. Frontal cunha porta de lintel; ventá cadrada e unha albardiña tonda, que volta nunha espiral con acróteras sinxelas. Accédese ó presbiterio por un arco triunfal de medio punto, similar ó das capelas. Cuberto a tres augas. Unha porta lateral norte dá acceso á sancristía.
O retábulo maior é neoclásico; dun corpo e ático. Unha fornela central con dúas columnas por cada lado, lisas, de capiteis corintios. Ático con dous edículos pequenos en cada lateral para recibir cadros, coroado por un símbolo trinitario radial. Sen tallas. Retábulo lateral sur neoclásico, con vestixios de decoración rococó, espellos, rocallas, etc.; sinxelo. Un corpo e un ático. Unha forneliña central co santo Antón que leva ó Neno sobre un libro na man esquerda e unha espada na dereita. Dúas forneliñas laterais sen tallas. Un entaboamento dobre e un ático cun edículo que flanquean dúas columnas cativeiras, no que aparece o relevo do santo Antón recibindo nas mans ó Neno. Na capela lateral norte gárdase unha boa talla de santa María Madalena, titular, barroca, que descansa nunha pena, portando a cruz de Cristo, en clara evocación de cando acudiu en Xerusalén ó sepulcro labrado nunha rocha e o atopou baleiro.

O cemiterio desprazárono de xunto da igrexa, recentemente.