Da voz prerromana páramo, lugar alto e árido. Na estrema sur do municipio, e na aba da serra do Páramo.
C.P. 27166 Accesos: inmediatos, entrando pola N VI ou pola autovía. Por esta freguesía pasaba o camiño real que ía de Valdeorras a Ribadeo.
Lugares: Arrubial (pode ser de plantas, de castañas ou de fabas…, rubeas, roibas, pero eu inclínome pola presencia de material, de óxidos ferroso/férricos). A Eirexe, A Lagoa ou Lagua, Páramo e Porcín, do que consta o nome persoal Porcius (LE 234).
Augas: O Pontixo (boa auga, por certo). Fontes, a escoller. En Porcín, a deste nome, que xera o río das Veigas; a do Currelo e maila do Caxigal. No Arrubial, ou A Rubial, a fonte do mesmo nome, arrubial (ferro), e tamén a da Vella, igualmente coñecida como fonte de Bustíns. Na Lagoa témo-la fonte da Laga do Cura (aquí alagábase o liño para maceralo). No Páramo do Medio: a do Canal, a da Paleira, a da Pía e a de Tirlán. Con tantas fontes, de páramo só o nome.
Montes: Castro de Arrubial (775 m.) e a Costa de Buxán (711 m.).
Templo de poucas pretensións, pero interesante; de nave rectangular cuberta ás dúas augas sobre tres vigas tirantes. Frontal con espadana de dúas troneiras e dúas campás, ¡que soan de marabilla! Un contraforte, robusto, no lateral norte, e unha escalinata exterior que dá acceso ás campás. A portada está protexida por un cabido cerrado, ás tres augas, cunha trabe tirante. Pía bautismal, acampanada, no lateral norte da nave, de 1,00 m. Á dereita, pía da auga bendita, de 0,40 m., e cinco chanzos de acceso ó coro. Pisado con taboleiros de castaño. Presbiterio semicircular, cunha pilastra exterior, no medio, facendo de contraforte. Arco triunfal de medio punto, en aresta, sobre pilastras. Sancristía no lateral norte. Retábulo maior de estípites. Un corpo con tres furnas e ático. San Miguel, de 0,83, co diaño ós pés, titular. San Roque, de 0,85, co Neno ós seus pés. No ático, relevo, de 0,60 x 0,25, do san Xosé, co Neno e maila pomba; rocallas laterais como ornamento. Retábulo lateral norte, neoclásico. Santa Lucía, de 0,66; santo Anxo, de 0,75, coa man dereita por riba da cabeza dun neno e un diaño ós pes; boa peza, popular. Lateral sur, cun mural representando a Cristo que abraza a san Francisco de Asís; pintura popular, do século XVII. Outras pezas: santo Antón, de 0,46; retiradas dúas tallas deterioradas, de sabor románico, e unha terceira, mutilada; populares. Cáliz de prata cicelada, de 0,23.
Cemiterio xunto da igrexa.
No AHN consérvase importante documentación do ano 1748.
No A.Réxime o Páramo foi S.S. e X.O. dos condes de Altamira.