Paderne, Santo Estevo de

paderne

Santo Estevo de Paderne

(Estevo, do grego: Coroado de loureiro, victorioso. Paderne, de Paterni, xenitivo de Paternus). Segundo o NML 167; CPR fol.119, en 1077 o bispo Vistrario cambiou co xuíz Pedro unhas vilas in Bolanio, in Paterni et in Candanali, que foran compradas anteriormente polo bispo Pedro.

Freguesía anexa de Moreira, arc. cd Maestrescolía, dioc. de Lugo.
C.P. 27146 Accesos: Na C.630, Km. 14. Altitude media, 508 m.
Lugares: A Ferreira (topónimo evocador dun beneficio ferroso/férrico) e Paderne. Bos edificios en granito; casas pacegas. Excelente en arboredo, particularmente de froiteiros.

Bebe da fonte das Cortiñas, e tamén das de Requeixos ou das Quenturas. Fluxos: Augueiro, San Paio e Romeán.

Templo parroquial do século XV, cativo de volume; un pouco illado do lugar de Paderne, ó Noroeste, coroando un outeiro, no lugar de Ferreiro, con dúas casarías ó lado. Nave rectangular, de 5,14 x 8,20; muros revocados de cal; cuberta de lousa amparada por dúas trabes tirantes. Frontispicio con grandes pezas de granito na porta, en arco, sen impostas. Muros en cantería. Espadana dun van, con cruz e dous pináculos. O máis importante son as pinturas ó tempre que seguramente cubrirían a totalidade dos paramentos interiores, dos que só se conserva un fragmento no muro dereito por xunto do arco triunfal. Representa un bispo revestido de pontifical, en actitude de dirixirse ós fieis, sobre un fondo salpicado de lises con catro pétalos. Enmarca o conxunto unha cenefa de cuadrifoliadas punteadas que se enlazan con dous trazos paralelos. Nun dos ángulos superiores figura a inscrición: “Esta obra fixo faser (Fer) nando Alfonso clérigo de Paderne en era de mil et quingentos et tres annos”. Desenvólvese o cromatismo en ocres e azuis, cun perfilado en negro que acentúa o expresionismo do rostro.

Presbiterio de 5,85 x 5,60, na mesma liña e á mesma altura da nave, cunha terceira auga na parte posterior; presenta indicios de que foi máis baixo cá nave, segundo evidencia unha cornixa interior que aínda se conserva, pero nas obras recentes elevouse a altura da nave. Arco triunfal de medio punto.
Retábulo sinxelo: A Virxe, de 0,80; santo, cunha palma, de 0,90; santo monxe, de 0,60; santo cos brazos abertos, de 0,60. Tallas mediocres.
Pía bautismal, de 0,80, cun anel exterior. Cáliz de prata, cicelada, 0,24, sinxelo, e no pé esta inscrición: “Siendo cura y provisor Dr. D. José Ramos Novoa. Año D 1832”.
Nos lenzos da nave consérvanse vestixios de pinturas murais. No lado Sur, xunto do arco triunfal, aparece un sacerdote en actitude de bendicir, coa capa pluvial, báculo pastoral e bonete. No lateral dereito, unha inscrición borrosa referente á erección do templo, do 1503. No lateral Norte consérvanse uns signos doutro gran mural, con escenas da Paixón, deteriorado.
A capela do Carme é de propiedade privada.
No AHN gárdase un foro de Paderne do 1550. Prehistoria: O castro de Paderne, sen explorar.