Montecubeiro, San Cibrao de

convento

Convento de Montecubeiro

Cibrán ou Cibrao. Do latín: quere dicir, home ou habitante de Chipre. Cipriano, bispo de Cartago, en África, esclarecido en santidade e doutrina, foi decapitado, cerca da propia Cartago, xunto ó mar, o ano 295, imperando Valeriano e Galieno. Co da toponimia aquí non hai dúbidas: Todo é monte e todo son cubeiros, formas de cuba, de cupa, ou de copa, e por engado, sementados de mámoas A mediados do século XIX aínda o escribían por separado: Monte Cubeiro.

O que dá que pensar é, ¿foi Deus ou o diaño quen lles dixo do sitio ós frades fundadores? Lembremos que os seguidores de Prisciliano foron acusados por retirarse ós montes para rezar, lonxe das comunidades poboacionais; de aí que aparecesen os primeiros anacoretas ou cenobitas afastados nas fragas máis mestas, ou nos riscos máis escarpados (Caaveiro, San Pedro de Rocas, San Cibrao do Monte Cubeiro…). Estabamos nos séculos V e VI… Os vellos do lugar sosteñen que a primeira comunidade tivo un eremitorio na Valga do Santo Estevo… (da parte de arriba da actual acea da Laxe). Azúmara abaixo, a media legua desta Valga, houbo outra capela-eremitorio, a dos Penallos, inmediacións do Mazo de Bascuas, conservándose aínda hoxe a denominación “Monte da Capela”. Máis abaixo aínda, o mosteiro de Mosteiro (Pol), o dos Arcos de Frades, etc. Está claro que o Azúmara foi unha pequena Ribeira sacra, empezando polos druídas dos seus numerosos castros.
Aqueles anacoretas do Monte Cubeiro, priscilianistas ou non, obviamente subiron da Terra Chá, atidos ás troitas do Azúmara, para despois decruar todo o decruable, converténdose en Couto estas bocarribeiras, ¡terras de Berg Land arriba!

Arc. de Bolaño, do ob. de Lugo. C.P. 27128 Accesos: O principal, agora, pola estrada DP 1611; mais, para subir ó convento hai que apartar, abaixo, na Ponte das Cabozas; ou arriba, no Vitureiro, inmediacións do Vilar de Abaixo, xa ceerca da nova casa de turismo rural.

É arriscado, despois da Concentración Parcelaria que vén de gozar/padecer esta parroquia, presentar un inventario das súas fontes. Hai quen di que algunha delas, e non das menores, está defunta…, ¡así que, se non as atopan, daquela escaravellen nos sitios húmidos! Empezando polo Barreiro, que mal pode haber cerámica sen auga: A da Santa Petronila, que sempre se dixo que se andaba escasa era por culpa dos taberneiros de San Cibrao…, ¡que lle baleiraban o penico!Todo consistía en mollarlle os pés á imaxe da santa, que en dous días…; ¡se non chovía en dous días, máis de sete, nunca, que por algo estamos no Castro Verde da verde Gallaecia!
Fonte dos Encantos, en Cepomundín; cando vaian, escoiten: se o fan con atención oirano todo, ¡inclusive a música dos ananos!

montecubeiro

San Cibrao de Montecubeiro

Fonte de Matahomes. Non pasen por alí sen saberse de memoria iso da batalla do Rei Silo no Monte Cupario, que xa coñecen aquilo de que quen ignora a historia está condenado a repetila. Búsquena pola Granda, ó lado dunha desas pistas da Concentración.
Fonte de María Grosa. ¡Esta si que é gorda, pero de augas finas! Atendan: Era setembro, o peor mes do ano para as fontes; e logo que estaban en vésperas da festa do Santo… ¡Dos Santos: San Cibrao e mailo Ecce Homo! Os veciños do Barreiro, do Fato e do Campo coidaban que había que ablucionarse perifericamente, de arriba para abaixo e de abaixo para arriba. María a Gorda tivese ou non pauto co demo, que iso discutíase, arengou ós veciños: “Cavade aquí mesmo, que cheiro humidade”. ¿Non cheirarás á suor do verán?, dixo un incrédulo, pero aquela María tirou de aixada, e de paso, tres peidos para celebralo: ¡Laváronse todos, cans e gatos incluídos, e tal foi, que o rego do Fato nunca máis secou!

En Berlán,(¡mira que perderlle a fonética sueva, xermánica, co ben que soaba iso de Berg land!), hai varias, ¡varias había!, pero mellor será non dicir onde estaban para que o turista axude a buscalas, a rescatalas, ¡se tal fose posible! A fonte de Fonsentes, segue no monte de Cabanela. A de Sagaruxe, que tamén lle foi o ruxido a menos. A de Fernandares, que deron en dicirlle de Fernadares pola ignorancia de que o tal Fernán d´Ares foi un veciño de categoría.
O Rego dos Ósos hai que escribilo con acento, gracias ó Silo, que nos ós osos. Nos prados da Casa Vella este regato incorpórase ó Ribón, o río de máis fervenzas da bisbarra, que xa empeza a correr no Gruñedo, ó sopé mesmo do mesmo Miradoiro.
Ante o río Azúmara, un respecto, que vai en xefe ata o mesmísimo Miño, medrando sen parar porque recolle adhesións, por ámbalas mans, principalmente pola dereita. Nace en Sarceda, camiño de Pena, pero non nas Veigas de Fiás, que iso é unha deformación: ¡Veiga dos Feás, desa herba á que chamamos feo! Por certo, que as obras da DP 1611 tamén lle restaron algo, arrimándolle entullo; ¡sería para evita-los seus murmurios!
No Escouredo non todo é escoura: Teñen a da Fontiña, na estrada que vai a Vilarín; a propia do Escouredo e maila da Cruz. Con iso das traídas xa non usan as sellas.
En Santadrao non saben a cal aterse: A do Mulo, a da Fame, a de Santadrao, a da Rabaza…: por se fosen poucas, aínda lles queda a do muíño do Outeiro.

Convento de Montecubeiro
Convento de Montecubeiro
Maxide máis que fontes ten pozos, pero quédanlle próximas as das Regueiras, a do Penedo, a Fontiña, a do Prado Grande e maila da Graña. Un pouco máis aló, a de Lodeiro, da que se surtían en illo tempore aqueles castrexos do Castro da Graña, vilmente atravesado por unha pista da Concentración Parcelaria. ¡Os mellores planeamentos saen dos pateamentos!

Pola parte de Insua, ¡que por ter ata temos ínsulas!, están, ou estaban, a fonte do Podriqueiro, a propia da Insua, a do Pereiro (da que bebían os torreiros daquela torre), a de Bascuas, a da Capela… Por aquí tamén están o rego da Valiña, e mailo da Fonte da Noira, ¡da Noiva!, que nace en Castelo, para afundirse co Azúmara en Veiga. Subindo a Maxide está, ¡estaba!, a fonte da Valga do Santo Estevo, aquel eremitorio…
Encamiñándonos cara á Serra, lugares de Vilar e de Vilarín, temos auga a esgalla. Fontes, entre outras, a da Taberna, (si, da Taberna, porque alí houbo unha taberna, residuo dunha pousada do Camiño Ancho de Mondoñedo); e logo a das Augas, (¡ferruxinosas, por certo!); a da Augueira, a das Barreiras, a de Maceda…
Da parte do Vitureiro, (¡casa de turismo rural e todo, nos Vilares!), atópanse a da Bica, a do Chopo, a da Rampla, a do Val, a das Eiras… Da parte da serra, de Rabaza e de Nabeda, baixa o regato do Real; e logo tirando cara a Pena, o rego dos Lagartos, (hai unha lenda daquel capelán pecador, do castelo de Castroverde, que aquí, ó beber, volveu a ser o que era, (¡un lagarto!).
Esta freguesía ten máis superficie da que moitos concellos de Galicia. Lugares:

O Albaredo (alvarizas, lugar zarrado para protexe-las colmeas dos frades, particularmente do oso, que é, que era, un gran lambón; tamén pode significar albareda, alameda, terra de álamos brancos, ou lamigueiros). O Barreiro (constitución do terreo).
Bascuas (toponimia xermánica, sueva, de significado aínda discutible; outros din que viñeron uns Vascóns, polo Camiño Primitivo, e quedáronse de mozas, en cadanseu Bascuas). Por aquí houbo unha torre, así chamada, de Bascuas, construída no lugar do Pereiro, que lles servía ós do conde de Altamira para controla-lo paso da xente e das mercadorías polo Val do Azúmara.
Berlán (do antigo Berg-land suevo, prominencia, altura dominante, miradoiro das Veigas do Azúmara).
Cabanela (cabanas, chozas do gando).
As Cavozas (barrancos, cárcavas, covos; todo iso na confluencia dos ríos Ribón e Azúmara, que se foron suavizando, un pouco pola erosión natural e moito por distintos achaios do seu contorno).
O Campo (o campo do convento, o pasteiro, nin máis nin menos).
Castelo (daqueles fortíns que fixeron os romanos cando cercaron o Medullius, actual Mons Ciro).
Cepomundín (algo así coma o eixo do couto; ou acaso por estar nas súas inmediacións o cepo -para inmobiliza-los presos, para expoñe-los ó público repudio- do cárcere do Barreiro; mondo, lirondo, limpo…).
A Cernada (cerca do muíño dos frades; pode provir de cerno = cerner; ou de cinerata, do latín cinis, “cinsa”, terra queimada para subseguinte colonización)

Cobula (a aba na que se asenta, vista de fronte, talmente parece unha cugula, túnica con capuz).
O Escouredo (de escouras, o escoiral das ferreñas, que funcionaban co ferro de todo por alí; pouco fai falla afondar nas inmediacións das vivendas para atoparse con aquelas escouras do ferro, por quintais.
O Fato (onde gardaban os frades os seus fatos ou rabaños)
Foxos (dos foxos que facían para captura-los lobos que pasaban dun monte ó outro)
A Graña (explícase por si mesma, de granum, granea, graneiro; ¡dos frades, claro!)
O Gruñedo (dos abruños, agruñeiras)
Insua (coroando un monte illado, unha auténtica illa, elevada entre dous ríos). ¡Merece ese nome! Os nosos entregos ben que se entregaron ó país, ben que o chegaron a coñecer.

A Laxe (lugar das laxes)
Maceda (maceiras, pomarada)
Maxide ou Magide (de etimoloxía xermánica; tamén pode derivar de “A Meixide”, ameixas, ciroleiras, que ata se dá a coincidencia de que todo por alí danse ben ) ¡Dábanse, antes de vi-las escavadoras!
O Pereiro (promontorio rochoso, que foi asentamento da Torre de Bascuas)
O Podriqueiro (non pensen mal, que podricos, son as cañotas dos castiñeiros vellos, a podre que lles asoma ó exterior)
O Pombal (pombal dos frades; a falta de faisáns, que igual os tiñan)

Pumarín (pumarciños, que poucos quedan; nin pomares nin xente que os repoña) .
Sagaruxe ou Sagaruge (como Bascuas, Berlán e Maxide, nomes xermánicos)
San Cibrao (que tamén se lle chamou Zipriano). Á entrada de San Cibrao, indo de Castroverde, algún erudito puxo un letreiro, deses das estradas, onde se le “Montecubeiro” no lugar de “San Cibrao”. ¡Debe ser que encolleu a parroquia, se cadra tamén por culpa das escavadoras!
Santadrao (ou santo Adrao; nunca Sant Adrao)
Sarceda (acaso sarcide, variedade de pedra cor carne; raíz grega: sarx, sarkos, sarkitis; raíz lat.: sarcites; ou de sarxa (salvia officinalis) que se empregaba como especia, na cociña, e tamén en infusión para os nervios, e mesmo para as mataduras; este nome, en calquera caso, non se aparta de sitios salgueirosos , salix, acuosos, manantíos; aquí, por exemplo, nace o Azúmara, coa fonte inicial, co seu trollo, medio tapados polo entullo, polo tarreamento, da estrada DP 1611)

Soutullo (pexorativo de souto, ¡pero cunhas vistas…!).
Teixeda (sitio das teixoeiras, das poucas que quedan).
A Valiña (val cativeiro)
Veiga (unha máis, que para veigas, Galicia, e dentro de Galicia, Castroverde)
O Verducedo (de verde + cedo, verdecente; outro miradoiro excelente)

Vilar (que a saber de quen foi esta villae, que non se conserva o apelido do seu possessor; o que si se conserva, afortunadamente, é a casa do Herdeiro, do Herdeiro de Vilar).
Os Vilares e Vilarín (outra orixe romana, directa; de 1170, segundo NML 184, Villare ulato sub alpe Cuparii).
O Vitureiro (vila, granxa, dun tal Vito, ou Vital; para don Nicandro Ares podería ser un lugar onde abundasen os voitres, vultur, -uris en latín)
. As augas, separadas pola Cruz das Louseiras: das da vertente de Bolaño, unhas van ó Tordea, e outras ó Chamoso; a vertente do Azúmara recolle gran parte dos manantíos que proceden de inmensa canle freática da Ferradura.

Altitudes: á parte da mole do Miradoiro, vértice topográfico, xeodésico, que acada os 1029 m., temos: A Pena do Carril, con 922 m.; a Corredoira Vella, con 891; o Castro da Graña, con 685 m.; etc.
Vestixios históricos, cantidade; aínda sen unha inspección axeitada, meticulosa: Medorras dos campos de Eiladrán e de Santadrao; castros da Graña, de Maxide e de Sarceda. Minas da Ferradura.

O primeiro dos datos documentais coñecidos refiren como D. Silo, -VI Rei das Asturias, ou mellor dito, en Asturias, elevado ó trono, nepoticamente, polos nobres desa parte do país, en 774, coa oposición dos galegos, á morte do Rei Aurelio-veuse pola antiga vía romana, (Gigia – Lucus (Lugo de Llanera) – Tineo -Pola de Allande – Berducedo – Grandas – Fonsagrada – Castroverde – Lucus Augusti), para reprimi-la sublevación da retagarda. Parece ser que se iniciou o encontronazo aí arriba do Cádavo, no monte ou campo da Matanza, e que o repregue, a retirada, evolucionou por abaixo do Miradoiro para concluír na fonte de Matahomes. Nas súas inmediacións tamén é elocuente o nome do regato “Río dos ósos”. No Cronicón de Afonso III lese: “Populus Gallaeciae contra se rebellantes in Monte Cuperio bello superavit, etc sub imperio subjugavit.

En San Cibrao asentouse unha comunidade relixiosa; se cadra, tal e como apunta N.R.C., pola vontade de El Rei en acción de gracias, ou ben como evolución dos eremitorios deste retiro tan axeitado, que ó parecer hóuboos na Valga do santo Estevo, en Santo Adrao, en Foxos, ó Barreiro, etc.

Ilustración A.Trillo A tradición di que o cemiterio civil do Zarro Novo de Sagaruxe, (axustizados, abortos, suicidas, etc.), foi unha carballeira de rito druída, aló atrás, na escuridade dos tempos.
A primeira noticia histórica, concreta, dos nosos frades, negros, bieitos, témola polo litixio que surxiu na Comunidade pola deposición do seu abade Iolino, coa subseguinte elección de Martín, un monxe traído do convento de Ribas do Sil. Por este motivo o papa Inocencio IV mandou abrir un expediente de información. Esto sucedía no ano 1249, resultando así evidente que cenobio benedictino viña de vello.
O convento, como edificio, en pedra do país, principalmente xisto; nunca debeu ser grande, nin grande nin importante, como o demostra a súa continua dependencia doutros mosteiros e o reducido das terras que lle pertencían dun xeito directo xa que no mesmo Montecubeiro tamén tiña propiedades o bispo lucense, segundo consta dun documento da catedral de Lugo. En contraposición, hai documentos das rendas forais que percibían os de san Cibrao en Cirio, en Luaces, etc. De varias casas, nun total de vinte parroquias, ¡que non é pouco! Todo parece indicar que se tratase dun cenobio-granxa, frumentario, recadatorio.
En 1225 un bispo de Lugo concedeulles a Paio Pérez e a outros, a metade de todo o vilar do Verducedo, coa contraprestación, coa pensión, de catro soldos anuais e varios semoventes.
No XVI o convento, granxa máis ben, do couto de San Cibrao do Monte Cubeiro uniuse ó de San Domingos de Lugo.

Igrexa parroquial.- ¡Que foi convento de frades cando a fixeron de nova!, que así se di, que así se canta, no Himno de Montecubeiro, (Véspera do San Xoán), do poeta Lois do Cando.
Reconstruída en 1787, conserva a ousa románica, do XII, ou de principios-mediados do XIII. Esta ábsida, máis reducida cá nave, é de planta rectangular, bóveda de canón en pedra de “raxola”, cuns canciños xeométricos e zoomorfos no aleiro.
O tellado é de lousa. Nas últimas reformas tapiouse a ventá do testeiro e abriuse a do costado dereito; tamén se refixo a bóveda e renovouse o arco triunfal, de medio punto.
O pórtico, situado diante da frontis, comprende todo o ancho da fachada e é bastante amplo. Polo costado dereito, externo, ós pés, está a torre das campás, cadrada, con tres corpos e coroación, que era pizarrosa, como tódalas construccións desta parte da nosa bisbarra, pero alguén… (Alguén, non, que foi o cura don Benito Castro Piñeira, o mesmo que estaba feliz coa imaxe do seu Santiago matamouros, que entre el e mailo canteiro, ó parecer para non ter que subir nunca máis a relousar, déronlle un remate de formigón cunha cupuliña de morabito musulmán, exacta, copiada, que intriga ós turistas)

Á torre tamén se accede desde o coro. Ten un soto, hoxe en desuso, para onde se recollían os restos óseos cada vez que se reutilizaban as sepulturas do interior do templo. Destas campás, -segundo Lois do Cando: “(Qu´alegres n´as procesións! (Como repinican a groria! ¡Que ben esconxuran o trono / ca súa lengua maxestuosa! ¡E que triste tocan a morto / cand´hai morto na parroquia !”-, sabemos que nun apodrecemento do xugo delas por deficiencia do lousado, ¡sempre ese lousado!, soltouse a grande, ¡e fendeuse! Cos anacos da mesma, e coa prata, engadida, do tesouro dos frades, un campaneiro de Mondoñedo fixo a nova, a actual, que quedou de pequena porque coas sobras da fusións fixéronse sinos para as capeliñas da parroquia. ¡En días calmos óese desde a Terra Cha!
Nave espaciosa, e bastante alta, co teito de madeira, ás dúas vertentes. Pavimento de laxes pizarrosas, que son as tapadeiras das sepulturas antigas. Tellado ás dúas vertentes. No lintel da porta principal figura a inscrición: HIZOSE EL AÑO DE 1.787. Obviamente refírese á última das reformas ou restauracións importantes. Encima deste letreiro hai un relevo da Nosa Señora do Rosario con san domingos e maila santa Catarina, con esta inscrición: ESTA LAMINA DIO FO.Y/NACIO RODRIGUEZ, ANO DE 1.793.
O coro tamén é de madeira, por sobre da porta de entrada, e ábrese á torre do campanario. Por dentro da igrexa comunica co vello claustro do convento; as “encuastras”, que é como lle din no lugar.
Cabido diante do frontispicio, no que se conserva unha pía bautismal primitiva e un pío procedente da vella sancristía.
Ó fondo da ábsida está o altar maior, de 2,85; de pedra, co seu correspondente retábulo, que é de columnas salomónicas. O corpo principal é de tres furnas, e no remate dunha soa, rectangular, cun frontón provisto de tondo; do primeiro tercio do século XVII. Dúas columnas salomónicas, núas, adornan o sagrario, e nas enxoitas do remate aparecen dous espellos redondeados onde seguramente se pintou a inscrición referida á época, autor e promotor da obra. Nos encadramentos consérvanse dúas tallas barrocas, de san Ciprián, de 0,87, repintada; de san Ramón Nonnato, de 0,82. E tamén unha Virxe Milagrosa, que foi doada no ano 1962 polo matrimonio Gómez-Rielo. Talla do Ecce-Homo, de 1,11, repintada; probablemente do século XIX.

O da dereita, neoclásico, con tres ocos na planta baixa e un no ático; capiteis de orden corintio e columnas xaspeadas, do primeiro tercio do XIX. Nosa Señora do Rosario, de media talla, con coroa de prata, século XVIII. San Miguel Arcanxo, de 1,00, de finais do século XVIII. Unha talla do Santiago, a cabalo, da segunda metade do XIX, que estivo inicialmente na capela de Foxos.
Pola parte esquerda do hastial da nave aséntase outro retábulo, de 2,60 m., o máis importante do templo. Barroco, corpo principal con tres furnas e remate dun oco terminado por un frontón lobulado, flanqueada a furna por dous relevos que representan ó san Brais e á santa Lucía, nos flancos, cos seus emblemas característicos. Da primeira metade do séculos XVIII. Tanto as pilastras coma o resto dos espacios abundan nunha profusa decoración de ramas colgantes e de follas ampulosas e retorcidas. Son Barrocas e de corte popular as tallas que contén. Esculturas do Neno Xesús, de 0,62; san Roque, de 0,76; san Caitán, de 077; e do santo Antón de Padua, de 0,78, da mesma época.
Retábulo lateral, de 1,58 m., neoclásico, con esculturas de san Pedro Mártir, de 1,05 m., e do san Domingos de Guzmán, de 0,88 m, da primeira metade do século XIX. Escultura dun Santo cun libro aberto e unha pluma, de 0,60 m., século XVIII.

En sendos camaríns de castaño: A Dolorosa, e Xesús coa Cruz ó lombo; da primeira metade do século XX, doazón de Francisco Sarille. As camariñas fixéronas entre Manuel Reigosa Vilabella, de Vilar, e mais Manuel Piñeira, da casa da Ponte.
Lámpadas de gas, varias e diferentes; algunhas foron doazón do mesmo Francisco Sarille, coñecido como “Paco Sarille, o Tolo”; outras son de bronce, de distintas doazóns, unha delas da casa de Gómez de Berlán.
Sancristía no corpo do edificio conventual. Cruz parroquial de prata, 0,83 x 0,49; alma de madeira, cun relevo do Rosario no reverso e un nó redondo; do primeiro tercio do XIX. Cruz procesional de metal, cun relevo do Rosario no envés; do último tercio do século XVIII ou comezos do XIX.
Edificio conventual.- (Posteriormente rectoral).- As dependencias, amplas e arruinadas, do cenobio dominicano non ofrecen un interese artístico especial. Un claustro sinxelo, pegado ó templo polo Norte, mostra unha estructura exterior derrubada. Unha artística aldaba de ferro cun martelo en forma de can e a cruz dominicana, no portalón. Pestiño de artesanía, coa cruz da Orde.
No adro un cruceiro granítico, trasladado de lugar e deformado con aplicacións de formigón; tiña unhas efixies e maila inscrición: ESTE CRUZIER/O HIZO JOSEPH/ULLOA AÑO DE 1778.

A pupilaxe que exercían outros mosteiros sobre o de Montecubeiro colíxese do nomeamento de Frei Lope Arias, monxe deste cenobio, para o cargo de abade de Lourenzá, casa coa que tiña carta de irmandade o de Monte Cubeiro, que se chama, nela, de San Martín, seguramente o seu primeiro titular, acaso da época do San Martín in Volanio, do que dependese inicialmente. A súa posterior anexión ó convento de dominicos de Lugo foi confirmada por bula do Papa León X. Na parroquia consérvase a tradición de que foi ó Barreiro a primeira instalación monacal (alí restaurouse a capela da santa Petronila); iso ten a súa verosimilitude xa que á parte de arriba da capela estivo o cárcere xurisdiccional, e á parte de abaixo, a picota, que quedaron na toponimia local.
O mosteiro do San Cibrao, mal chamado de Montecubeiro, tiña xurisdicción temporal e espiritual, segundo consta dos apeos que posúe o convento de Lugo, se ben non usaba da espiritual para evitar preitos e contendas coa dignidade episcopal.
Outro retábulo do estilo do anterior ocupa un van de arco aberto no muro frontal dereito da nave, cunha furna no corpo baixo e remate redondeado con outra, dun par de columnas corintias, xaspeado, cunha imaxe moderna da Inmaculada e maila dun santo co libro aberto e pluma, seguramente San Xoán Evanxelista.
En dúas peañas colocadas fóra de retábulo están as tallas do san Pedro Mártir, co machete cravado na cabeza, e san Domingos de Guzmán coa cruz e mailo libro.
Tódalas imaxes modernas, coa excepción da Milagrosa, foron doazón do xa citado Paco Sarille, ó que tamén se deben lámpadas e outros obxectos do culto.
Os candeeiros de prata foron doados por Xosefina Gómez, do Cando, que residía daquela en Madrid.

Cruceiros, de encrucillada: O das Cavozas, o da Granda, o do Campo de Ares, a Cruz das Louseiras…

Capelas: A do Santo Adrao, a da Santa Petronila, a da Casa de Luna e maila de Foxos. Precisamente desta última procede a imaxe do Santiago ecuestre que está agora na parroquial.
Capela do Barreiro.- Edificio rectangular, de 9,96 x 6,34, ben orientado, con cabido á entrada, teito de madeira ás dúas vertentes, pavimento de laxes e tellado de lousa. Foi restaurada a comezos do presente século. Retábulo salomónico, de 1,80 m., dunha forneliña e frontón bilobulado, procedente do templo parroquial, de finais do século XVII. Escultura da santa Petronila, de 0,59, con veste romana, repintada, séculos XVI/XVII. O titular primitivo era san Domingos Soriano.
Ermida de Foxos.- In memoriam. Desaparecida. Era de planta rectangular, de 12,60 x 5,30, cos muros de pedra pizarrosa, pavimento terreo e cabido á entrada. Ben orientada e cunha porta a lintel. Estivo dedicada a Santiago o Maior, imaxe que pasou para a igrexa parroquial. Nunha finca inmediata apareceron unhas sepulturas soterradas, moitas, que aparentaban ter gran antigüidade, segundo refiren os veciños.

Prehistoria e etnografía.- Castros de Sarceda, Maxide e da Graña. Medorras de Eiladrán e de Santadrao. Croas de Teixeda, con lendas. Lugar do Castelo. Minas diversas ó sopé da Ferradura, de extracción manual, maiormente de ferro, hoxe esquecidas.
Consérvase a tradición dun eremitorio sito entre Veiga e Maxide, no lugar coñecido como A Valga do Santo Estevo, do que seguramente se pasou ó Convento de San Cibrao. Sabido é que os eremitas mantiñan unha certa relación entre si, formando pequenas comunidades nas que practicaban a “regra dos monxes”, ou regra de vida en común. A maior parte deles acabaron agrupándose en pequenas comunidades ou mosteiros, rexidos por un dos membros máis destacados, que recibía o nome de Abade. (Aba = pai). Leiros da Ermida. En Santadrao, a capela do santo Antón. É de propiedade privada a capela da casa señorial dos Luna, á Cernada.
Lugares con nome evocador: A Graña, a Picota, o Pombal dos Frades, o Campo dos Frades, Cepomundín…
Montecubeiro tivo, no AntigoRéxime, xurisdicción propia , na que se incluía Mirandela, con S.E. e X.O. do convento de san Domingos de Lugo.

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral