Monte, Santa María do

monte

Santa María do Monte

Monte, do latín mons, montis. É anexa de Paderne. C.P. 27143. Na aba da serra Bidueiros e a ourela do río Outeiro. Comprende os lugares de Monte, Outeiro, Santa Xuliana e maila Vilanova.

Augas: O regato das Lagas (¡das lagas do liño, obviamente!), e mailo do Camiño de Baixo, que nace nas Bidueiras. Fontes: a de Arriba, a do Cano do Lugar, a do Carballiño, a da Costa, a da Nabeira e maila do Regato.

Montes: Canteira do Bidueiro, con 602 m. Amais da pedra de construcción, moas de afiar.

Templo moderno, de 1929, amplo, cun adro ó redor e cemiterio adxunto. Bos muros, de granito visto nas partes máis nobres, e caleado o resto. De planta rectangular, 9,50 x 20,80, con dúas capeliñas en cadanseu lateral. Frontis cunha porta en arco de medio punto, reloxo, e torre dun corpo con catro troneiras.

Non ten retábulo maior. En peañas: Inmaculada, de 1,05 m.; santo Antón, de 0,90 m.; Neno Deus, de 0,60 m. Retábulo lateral esquerdo, sinxelo, do século XVIII, de dous corpos con catro columnas decoradas con rocallas; Virxe co Neno e peaña de tres anxos, de 0,70; san Roque, de 0,65; a Virxe do Carme, de 0,85; santo Bispo, de 1,00; santo Papa, de 1,00 m. Cáliz de prata, de 0,23 m., século XVIII; copón de copa plana, de 0,15 m., en prata, século XVII. Pía bautismal de mármore, moderna.

Ademais da igrexa parroquial ten unha capela coa advocación de santo Antón, de propiedade particular.

García Teijeiro menciona os sartegos da casa de Camba, engadindo que tamén os descubriu en Bidueiros, en Espasande, en Rebordaos, no Outeirín de Recesende, etc. Segundo o propio García Teijeiro o uso destas sepulturas estendeuse á época da monarquía asturiana, especificando que tamén as teñen por xunto da porta da igrexa de San Antolín de Bedón, o que equivale a admitir que se trata dunha liña sueva, poboacional, que seguiu a Vía Lucus Augusti-Gigia.
Da xurisdicción dos condes de Altamira no Antigo Réxime.