Mirandela, Santo André de

mirandela

Santo André de Mirandela

Arc. de Bolaño e ob. de Lugo. C.P. 27144. Entre Miranda e Furís.

Lugares: Mirandela e Outeiro das Vellas. ¿Das Vellas? ¡Iso será hoxe, pero o nome vén de cando eran mozas!

Augas: Rego de Miranda, que baixa do monte. Por aquí témo-la fonte do Allo, que algúns din da Alla; o nome é accesorio, que o importante é a sede que lles mata; e desde logo, o que é a allos non sabe. Altitude máxima, no Monte de Outeiro, 644 m.

Sitio pintoresco, nun valiño dun rego que baixa da serra do Rañadoiro, en Furís.

O templo está un pouco illado, na parte alta, cun adro ó redor e cemiterio limítrofe. Nave rectangular de 6,20 x 10,20. Porta alintelada, esquinais e vans en granito. Cuberta ás dúas augas, con tres vigas tirantes. Presbiterio de 5,70 x 3,20, máis alto e reducido cá nave, ás catro augas. Sancristía na parte posterior, na mesma liña do presbiterio. Por aquí houbo unha ermida dedicada ó Salvador.
Retábulo maior neoclásico, dun corpo e ático. Santo André, de 1,00 m., titular. Santo Antón, de 1,00 m. Un retábulo pequeneiro no lateral sur, do século XIX, con rocallas.