Miranda, Santiago de

miranda

Santiago de Miranda

C.P. 27144 Terra cha e fértil, na estrada que vai, ou vén, a Sobrado do Picato, con acceso desde a N VI e desde a A 06. Altitude máxima, 607 m.

Miranda ó parecer é un hidrónimo; e de Miranda se chama a fonte de Arriba, de arriba do lugar. En todo caso, aquí non hai que mirar ó lonxe, que é bo e grato todo o que hai nos arredores. Esta parroquia está situada, asentada, nun val ameno e frondoso, circundado pola serra do mesmo nome, que a domina polo leste.

O templo ocupa a parte máis alta do lugar, cun adro e co cemiterio ó redor. Nave cuberta ás dúas augas, cunha cornixa corrida, que a soportan uns canciños bastos, de tendencia románica. Porta alintelada. O presbiterio é máis reducido cá nave, cun arco triunfal apuntado. Sancristía na parte posterior. O retábulo maior, neoclásico, con catro forneliñas. Santiago matamouros, cun musulmán ós pés, de 1,15 m., boa peza, titular; san Roque, de 0,65. Retábulo lateral dereito, de estípites, dous encadramentos. Virxe dos Remedios, de 0,90 m. A pía bautismal é de 0,80, con círculos en releve e unha cruz no medio; ós pes relevo dun busto humano. Pía da auga bendita de 0,80 m., chantada no muro sur, con galóns.

Ó norte do lugar hai un castro, hoxe convertido en fincas de labor, no que apareceron vestixios de sepulturas.
Freguesía anexa de Santo André de Mirandela.
Miranda tivo feira propia, que foi inaugurada o 12 de outubro do ano 1924.