Meda, Santiago da

meda

Santiago da Meda

Do latín meta, montón ou columna cónica. Pode referirse á existencia de mámoas prehistóricas ou a pequenas alturas. (Ollo: non se pronuncia Meda senón Méda, co é aberto).

Arc. de Terrachá e ob. de Mondoñedo. Desta xurisdicción parroquial depende o anexo do Santo André de Barredo.

C.P. 27293 Accesos: Principalmente desde a C 630.

Lugares: Córneas (localidade que se fixo famosa polos premios ó gando bovino que se cría nas súas praderías), e maila Meda.

En augas, moitas; (quen llela dera a aqueles heroes, subidos ó Monte Medulio, que aló arriba, no que logo se chamaría Mons Ciro, só dispoñían de dúas lagoas, e para iso, pequerrechas! En Córneas, (apoteose bovina, con tanta auga e tantos pastizais!, teñen a fonte do mesmo nome, Córneas; a dos Seixiños, a da Parcería, a do Perexil (Pirixel), a fonte Rubia, a da Zarra, a da Zarra do Ferreiro, etc. Pero, con ser moitas, no lugar da Meda póñense as botas (por iso da humidade, claro). Fontes das Veigas, do Dero, da Carballosa, de san Fitoiro, da Ribeira, das Fontaleiras, de Peizás, do Real, das Rozas, a Rubia… Polo lugar (¡máis ben, vila!), pasa o regato da Cuba; e logo están o da Carballosa, o das Veigas, o de san Fitoiro, o Couso dos Lobos, os Paraños, a Fontela, o das Xesteiras, o das Salgueiras, o das Augas Revoltas… ¡Con iso e con todo, aínda se puido esquecer algunha!

Canteiras: Famosas as que producían a pedra do cal da Meda que, en competencia co obtido en Serés, amalgamou non só boa parte das paredes lucenses senón, e tamén, moitas das herculinas.

Son numerosos os documentos medievais que fan referencia a esta freguesía, un deles, de 1130, menciona o rego da Ameneda. No 1032 figura como límite do Castro Santo de Labio con motivo dunha cesión ó bispo de Lugo D. Pedro efectuada polo rei Bermudo III. O convento de dominicos de Montecubeiro cobraba por aquí algunhas rendas, segundo se deduce dunha escritura de venda realizada por esta institución a Santo Domingos de Lugo no ano 1633.

A igrexa parroquial foi reconstruída no 1.910, conservándose da anterior o frontis, parte dos muros da nave principal e a espadana, de dous vans. Planta de cruz latina coa sancristía no brazo da cabeceira. Escultura do Santiago peregrino, de 0,88 m., policromada, da segunda metade do século XVII. Escultura de Cristo, repintado, que parece obra do século XVIII. Imaxes do san Xosé e do santo Antonio de Padua, modernas.

Capela de Córneas.- (Córneas: A súa etimoloxía pode proceder da voz precéltica carn ou corn, pedra, lugar de pedregullo, tal que ocorre cos lugares, franceses, de Corn e Cornas, ou o inglés de Cornwall). Esta capela é un edificio rectangular, de 7,00 x 5,30, pegado a outras dependencias da casa de Lodeiro. Cóbrese de madeira ás dúas vertentes e ten lousas no pavimento, lousa no tellado e mampostería nos muros. Retábulo salomónico, de 1,92, de catro columnas, con tres furnas no piso principal e un oco no remate, sen pintar, con esculturas de san Diego de Alcalá, de 0,52, e mailo santo Antón de Padua, de 0,57; obra popular de pobre calidade. A imaxe do San Roque, o titular, xa non se conserva.

Prehistoria e etnografía.- Castro da Croa, co nome de Os Castros para as fincas colindantes. As Medorras, nun lugar próximo ós Castros. Sitio dos Castelos, ben elocuente. Agra do Foxo, (foxo para os lobos que cruzaban de Monciro para a Granda da Amurín), nos límites con Suegos. Na casa de Pedro Ferreiro de Córneas houbo unha capela dedicada ó san Ildefonso. Fincas de Cabos Anchos, onde se supón que existiron enterramentos de catro santos, acaso eremitas. Un cruceiro de brazos alargados, de granito, con inscrición, entre Córneas e a Meda.

A Meda, con Barredo e Moreira, pertenceron á xurisdicción de Lugo.

Medullius.- Parece ben fundada a hipótese de que nesta parte do país tivo lugar a definitiva batalla dos nativos, alcanzados, avasalados, saqueados, perseguidos por Roma Azúmara arriba. De perdidos, subiron ó monte, co gando, ás lagoas, onde os venceu un tal Ciro, que de aí virá a toponimia, ese nome de Mons-Ciro, a parroquia de Cirio, etc.

Os vellos do lugar recibiron dos seus antepasados a tradición de que a Meda foi o Lugo antigo… Parece lóxico que os vencedores do Medullius acampasen por algún tempo nas inmediacións, -aquí, pero tamén en Romeán, onde consta que tiveron outro campamento-, e incluso que obtivesen nas canteiras da Meda o cal necesario para as argamasas da muralla lucense. Escravos non lles faltaban, e leñas, todo por aquí, había, ¡a fuchicón!

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral