Masoucos, Santiago de

masoucos1

Igrexa de Masoucos

¿Campo, morea, de mammulas ou mamma, mamas? ¿De massa, mansión, herdade dun mosteiro?Do que é seguro que non vén é diso que os Técnicos da Concentración Parcelaria chaman “Masas”, que é tanto como dicir maquías. É anexa de San Pedro de Riomol. C.P. 27124. Situada nunha chaira, na aba da serra de Mordei, entre a Frairía e Riomol. Confina coa Esperela, que xa é da Baleira.

Lugares: Masoucos e Trascastro, separados por un outeiro coroado por un castro no que se levantou o templo parroquial, con adro e cemiterio en torno.
En augas, o Rego de Masoucos, tamén chamado Cubeiro. ¿Pero, de fontes…? Vaian contando: Abelleira, Alargo, Barral, Caspalledo, Cubeiro, Grobiña, Lamas, Masoucos de Arriba, dos Pollos (que outros din dos Piollos, polos mosquitos, claro), Reboira, Senela, Travesela e Trascastro. Montes, A Devesa (798 m)

masoucos2

Murallas de Masoucos

Templo: A parroquial presenta unha nave rectangular, co teito de madeira a dúas augas sobre tres vigas tirantes. Unha porta no lateral sur. Frontispicio con sillería de bos bloques de pedra gra. Porta alintelada. Espadana dun corpo con dúas troneiras, e unha campá, cimacio, cunha troneira e tres pináculos. Protexe o acceso un amplo e forte cabido, cerrado por unha repisa con só acceso frontal; sobre da repisa, como basamento corrido, elévanse seis piares que soportan o teito, a tres augas. Pola parte interior unha repisa corrida ou podio que serve para asento. O presbiterio é algo máis amplo e elevado cá nave, e cóbrese ás catro augas; con muros caleados, igual que a nave. Arco triunfal de medio punto, rebaixado, de impostas saíntes e pilastras. Sancristía na parte posterior, na mesma liña, pero máis baixa, a tres augas, con dúas portas de acceso desde o presbiterio. Retábulo maior sinxelo, neoclásico, sen tallas. O retábulo sur, de 2 m., é barroco, con dúas columnas salomónicas con motivos da vide. Santiago peregrino, de 0,70, titular; santa María Madanela, de 0,80 m., de sabor romántico; O Salvador, de 0,80 m, bendice coa dereita e sostén a bola do mundo na esquerda. Tallas populares, século XV. Cáliz sinxelo, de prata, de 0,21 m. O castro, que serviu como emprazamento para esta eirexe, xa case non é perceptible. Dos sartegos (sarcófagos) descubertos neste castro; algún deles aproveitouse nas reformas da tapia do adro da igrexa.