¿De furados, furnas? Acaso polos ocos de antigas cámaras sepulcrais. (Estevo. Grego: Coroado de loureiro, victorioso). O gran estudioso da toponimia galega, Nicandro Ares, que se detivo especialmente no enigma de Furís, conclúe, partindo dunha escritura do ano 917, na que unha tal Gilvira, muller do conde don Ero e fundadora, con el, do mosteiro de Ferreira de Pallares, Guntín, outórgalle a este cenobio, “medietate de villa que dicunt Fusines que est segus monte Cupeio”. Deste xeito Fusines, ou Furines, pasaría, de boca en boca, e de orella en orella, a Furís. En todo caso a cousa parece ter un matiz latino, derivando dun possessor Furinius (Furius, un xentilicio que indica furioso, arrogante, ou algo así). Houbo un Camilo Furio, vencedor en Veyes.
A igrexa parroquial, Santo Estevo, foi antiga matriz das de Miranda, Frairía, Masoucos e Barreiros. C.P. 27123
Lugares, un tanto montañosos: Abelleira (colmeas; e tamén lugar no que se dá ben a herba abelleira, séxase a melissa officinalis), Azoreira (ou azureira; abundancial de azores, tal que pasaba co rego de Riazor, entre Bolaño e Castroverde), O Couso (cousos chamóuselles ás construccións herméticas onde se gardaban os cereais logo da malla, na propia seara, ata que o recollesen os recadadores do señor, que non darían abasto posto e suposto que toda a colleita lles coincidía no tempo; dese sistema de cercado impenetrable sae o de chamarlles tamén así ós hortos pequenos, ben cerrados; agora úsase dun xeito impreciso, tal que chintófano. Nesta bisbarra quedou na toponimia de varios lugares, e diso tamén pasou ós apelidos), Furís de Abaixo ou O Río, e de Arriba ou A Eirexe. Latadal (latado é a armazón do tellado sobre o que se colocan as tellas, )pero, latadal…?), Lourentín (un xenitivo), e maila Pereira. Dos termos de Castroverde confina con Riomol, Mirandela e mailo Páramo.
En augas, o Augueiro e mailo Agreado. A fonte das Lamelas, que fertiliza unha serie de praderías antes de casar co regato do Acevedo. Boa auga por certo, que ademais de ser boísima para beber dáballe bríos a un muíño panceiro. Montes: Marco da Lagoa (942. m.), Cabanela (925 m.) e o Castro de Furís (822 m.)
O templo parroquial domina a maior parte dos lugares desta freguesía, un atrio cemiterio en torno. É amplo, renacentista. Dúas naves e un espacioso trasteiro ó longo de todo o lateral norte. Tres arcos sobre piares separan as dúas naves. A principal leva un arco faxón á altura do primeiro dos piares para apoio da cuberta. A nave lateral protéxese con outro arco faxón á altura do segundo piar. Frontispicio con boa sillería de gra, e tres portas alinteladas. Espadana de dous corpos, dúas troneiras no inferior e unha no superior, con abundante decoración barroca.
O presbiterio na mesma liña da nave principal, pero máis elevado e cuberto ás catro augas. Ceo de barrote enlucido. Arco triunfal de medio punto. Sancristía na parte posterior, máis baixa e reducida; ás tres augas.
A porta da nave principal está protexida por un soportal amplo, de planta cadrada, sobre columnas monolíticas que levan unha base corrida de granito, que na parte interior adaptouse para asento.
Altar maior cun retábulo neoclásico, sinxelo. Santo Estevo, de 1,10, que é o titular; santo Anxo, tamén de 1,10. Tres medallóns con pinturas, no corpo superior. Púlpito con fuste e peaña granítica. Pía bautismal cadrada, de 1,00 x 1,00, con ángulos cortados. Ó nacente de Furís está o monte da Casiña, no que se conserva unha croa notable na que se localizaron restos históricos, entre eles unha cabeza con rasgos moi elementais, boca, ollos, nariz… ¿Onde está hoxe?