Frairía, Santa María de A

frairia

Santa María de A FrairíaSan

Do provenzal fraire e do latín fratre. Terra, ou terras, dos frades. Freguesía anexa de Furís. A 5 Km. de Castroverde. C.P. 27124
Delimitan esta parroquia Vilalle, Covelas, Cellán de Calvos, unha punta de Barreiros e Masoucos, cun radio de 2 Km. escasos.
Lugares: O Albardeiro (artesán, fabricante de albardas; en árabe, Al barda), O Castro, Folgueira (terra abondosa en folgueiras: felgos, fentos, fieitos), A Frairía (emprazamento da igrexa), A Nogueira, Peredo (pereiro tanto pode ser árbore que da peros, como saínte rochoso), e Sucastro (abaixo do castro).
Augas: Rego de Cazás. Fontes: a Paragüeira, a de Folgueira e maila colectiva da Frairía (a propiamente dos freires).
Montes: Estribos meridionais da Serra de Mordei (a Vacariza, de vacatio, descanso, relevo…, na Vía Lucus-Gigia), que nestes termos alcanza 909 m. Monte do Agro, con 720 m.

A igrexa é unha peza curiosa que excede a liña tradicional. Presenta agradable perspectiva, cun adro e cemiterio en torno. Fábrica de tres naves, separadas por dúas arcadas de medio punto que descansan nun piar central e en dúas pilastras pegadas ó frontispicio e ó presbiterio. A nave central cóbrese a dúas augas, con robusta armazón de madeira e tres vigas tirantes. As naves laterais cóbrense a dúas augas perpendiculares ás da nave central. Desde as laterais, dúas escalinatas, a través dos piares centrais, que dan acceso a dous púlpitos de base pétrea e enreixado de ferro. O frontispicio, en pedra boa de gra, un pouco saínte, corresponde tan só á nave central. Porta alintelada, en pezas. Unha cornixa corrida delimita o frontón, que coroa a espadana, de dúas troneiras, cimacio triangular cun ollo e tres pináculos. Coro alto ós pes da nave central. Piso de formigón. O presbiterio, máis amplo e alto cás naves. A catro augas. Cornixa moldeada en gola. Arco triunfal de medio punto. Ceo da cúpula sobre bastas pechinas.

Retábulos. O maior, de 5,10, barroco, de estípites; século XVIII. Dous corpos con tres rúas cada un. Catro columnas de estípites no inferior, e dúas no superior. Decoración de relevos estilizados. Asunción, 0,80, sentada sobre un nimbo de nubes, con tres anxos, da época do retábulo. Virxe co Neno, de 0,80; boa. Santiago peregrino, século XVI. Santo con espada, de 0,60. Coroa o retábulo un medallón rectangular cun relevo da Virxe dando a man a un frade dominico. Relevos de querubíns, de 1 x 0,45. Na nave lateral sur: dous retábulos. Un deles con dúas columnas salomónicas de acios; sinxelo; sen tallas. Outro humilde, Virxe coas mans xuntas, 075; século XV, popular. Virxe co Neno, coroa de madeira; de 1,00, século XVI. Anxo cun dragón ós pes, de 0,62. Nave lateral N.: Cristo, de 1,45; popular; do século XVII.

Cruz parroquial de prata repuxada e cicelada, de 0,65 x 0,43. Macolla de cáliz, catro gallóns, dous discos na parte superior; relevos de follas e de espellos. Brazos con repuxados de tema vexetal. Placa sen cruz, lisa, tanto no anverso como no reverso. No brazo inferior, lateral dereito, punzón: “D.DI.M.DE.N.S.S.D.” Século XVII.