Espasande, Santiago de

espasande

Santiago de Espasande

Freguesía anexa da parroquia de Goi. DP 27125. Cantos máis “Espasandes” temos, (un en Cedeira, outro en Teo, outro en Riotorto…), máis enigmática se nos fai a procedencia, a derivación real deste topónimo, pois non se trata, con este espallamento, dun derivado local, tribal. Algo houbo, por suposto; acaso no celta, ou incluso no precelta, que lle dese raíz. Por Riotorto arraigaron os bretóns, pero, ¿nos outros lugares, tan separados xeograficamente?. En canto ás terminacións -ende, -inde, -endo, os lingüistas fanas partir de -sindi, xenitivo de sindus, e este do gótico sinths, “camiño, expedición militar”. ¡Por aí, por aí andará a cousa! Para don Nicandro Ares, e fagámoslle caso, que nisto da toponimia é un mestre, abonda con pensar nun posuidor, de bo nome Spassandus. ¡Daquela moitos debeu haber, moitos e moi espallados!

Está situada nunha chaira, nas abas da serra de Tordea. Deslinda con Monte, Pereiramá, Cellán de Mosteiro, Uriz e Goi. Polo O., o Camiño Real, hoxe estrada alcatreada, que pasaba por Bidueiros e que viña do Ribeiro de Monforte para seguir a Castro e á Fonsagrada, unha vez bifurcado en Castroverde.

Foi célebre nos últimos séculos polo seu liño, excelente, que o manufacturaba nos seus teares artesáns.

Augas: Van ó Tordea. Fonte de Neira, tamén chamada Bica de Neira, que nace no Góldrao de Ribón, e da que se conta esta lenda: Morreu ó nacer un fillo de Moza, no intre en que ela enchía unha sella de auga; e para disimula-la súa deshonra, escaravellou un pouco coas mans, soterrándoo. Ós poucos foi a por outra sella unha veciña honrada, que oíu berrar: “¡Naiciña, non me bautizaches; bótame auga de socorro!”. A veciña baleirou a súa sella por riba da terra removida, dicindo: “Sexas quen sexas, e así sexas fillo de mala nai, con intención de bautizarte, bautízote. ¿Chégache?”. Debeulle chegar, que naquel lugar nunca máis laios se oíron. Fonte do Pazo, que nace preto do Góldrao de Ribón e rega os prados das Veiguiñas. A lenda deste última é longa de contar, así que invito ó turista a que lles pregunte ós vellos do lugar. ¡Ás vellas, non, que lles poden saír os arreboles! Queda a do Leiro Novo, que manda as augas para os prados de Espasande.

En canto ós palafitos deste lugar, escaravellen, que logo atoparán os puntais deles, en piñeiro requeimado.

Montes: Canteira do Bidueiro e Forno da Vella. Boa pradería, pinos, carballos, bidueiros… Sitio agradable, pintoresco e acolledor.

No castro, hoxe cuberto de pinos e de matagueira, a 50 m. da igrexa, exhumouse un muíño de pedra, de man, que está no Museo Etnolóxico do Cebreiro.

Igrexa parroquial románica, con atrio-cemiterio ó redor. O templo actual conserva toda a súa fábrica, a excepción do frontispicio e da sancristía, que se lle uniu ó lateral Norte cegando con iso parte da nave e tamén da ousia. Esta igrexa é unha peza elegante e sobria. A nave, esvelta, cóbrese de lousa, ás dúas augas, sobre armadura de madeira. Os muros aínda están algo caleados. O lateral do Sur está resgado por unha seteira; cornixa robusta sobre modillóns bastos, algúns historiados; dous bustos, unha bola, etc. A sancristía, como cega parte da nave, só deixa ó descuberto catro modillóns; no interior percíbese a seteira lateral. Frontis cunha porta sinxela alintelada; ventanal rectangular e espadana dun só van. Piso de madeira. Coro alto ós pes. No lateral Norte, arco de acceso ó trasteiro-sancristía. A ábsida é semicircular, máis baixa e reducido que a nave. Forte cornixa corrida sobre once modillóns, historiados algúns, dous bustos humanos, e un modillón con dous bustos infantís. Arco triunfal, dobrado, en aresta; impostas bastas; descansando sobre pilastras a arquivolta intradós, a superior sobre do muro. Por sobre do arco ábrese unha seteira, cun bo derrame interior. A ábsida cóbrese cunha armadura de madeira. Un ventanal ó sur.

Retábulos e esculturas: O maior é barroco, sinxelo; Santiago peregrino, de 0,80 m., descalzo; santo Antón, de 0,47; santa Lucía, de 0,47. Conxunto do século XVII. Lateral dereito, neoclásico; sinxelo. Piedade, de 0,75, unha boa peza, do século XIX, cun Cristo caído sobre da súa perna e do brazo dereito. Lateral esquerdo, barroco; humilde, con relevos de rocallas. Inmaculada, 0,50; san Roque, 0,50; san Ramón, 0,60. Tallas mediocres; do século XVIII.

Na sancristía, unha custodia moderna, en metal prateado, 0,45; cáliz, 0,20; século XVII. Copón, 0,23, prata, moderno; cáliz, 0,22, coa inscrición: “Este cáliz L1 DO P1 L1PEZ D Castro Platero a esta igla D Espasande DoNES Bautizado P0 El S1 DEL SS1 Sacram A1/1655”.

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral