Covelas, San Miguel de

covelas

San Miguel de Covelas

Covas, furnas, funerarias?. Unha cubela é unha costa, un terreo en pendente (da familia do topónimo Cubeiro: Cubeiro, de Caraño; Monte Cubeiro, etc.). Tamén pode ser un terreo entre dous montes. Por parte, unha cuvela é, pode ser, unha inscultura rupestre en forma de pequena cova. O nome desta parroquia veuse escribindo e pronunciando con inseguridade, con vacilación entre o “o” e mailo “u”; entre o “b” e mailo “v”… ¿Con que carta nos quedamos? O sitio é bo, así que decidan os do lugar, que son os que mellor lle queren. Arc. de Bolaño e ob. de Lugo.

C.P. 27125 Accesos: Varios; a un paso da Vila. Nunha chaira, á aba do monte Marrondo, que o domina polo E.; polo O., Bidueiros. Confina coa vila de Castroverde (Vilariño) e con Vilalle; con Recesende e Pereiramá; Cellán de Calvos e maila Frairía.

Lugares: Covelas, A Eirexe, A Granda (Granda, ou gándara, terra baixa, xeralmente areosa, húmida, e con vexetación brava, de pouca altura), Marrondo (marrondas son os illós, fontes ou pozas cun tremedal ó redor; marroa, aínda hoxe se di da vaca que non empreña; marrondo/a é, pois, un concepto de bravío, de natureza salvaxe); e mailo Souto.

Fontes: A da Vila, que nace nunha carballeira e é conducida por unhas canles ata o lavadoiro. As mozas cantábanlle de paso que lavaban as canelas: Se bebes da Fonte da Bica /por guapa pasarás;/ e se xa o es / moito, moitísimo, mellorarás. ¡Destas non as teñen en Cas Cadaquén! Aínda que, con fonte tal, servidos ían, Deus abriulles a dos Pisasapos, a dos Pousafoles, a da Virtude, a da Auga Alta, , a de Lagares, e para sobremesa, a da Pateira.

Bos casaríos construídos en pedra gra. Arboredo de castaño, carballo, pino e bidueiros, maiormente. Unha veiga fértil.

A Eirexe está un pouco illada, con atrio-cemiterio ó redor e bos panteóns de granito e mármores. É anexa de San Pedro de Vilalle. A nave cóbrese ás dúas augas, sobre madeira, con dúas vigas tirantes. Cornixa acanalada e ventanal ó sur. Frontispicio de sillería granítica; porta de arco de medio punto, sen impostas; un ventanal rectangular e espadana de dous vans. Piso de cantería e coro alto ós pes. O presbiterio está máis elevado do que a nave, ás catro augas, con cornixa acanalada. Arco triunfal de medio punto, sobre pilastras. Sancristía no lateral Norte, con accesos desde a nave e presbiterio, cuberta coa prolongación das augas da nave. Retábulos e esculturas: O maior é barroco, sinxelo, con catro columnas salomónicas; acios. San Miguel, dun metro, titular, no ático; Virxe do Rosario, de 0,80, pintada e policromada, do século XVII, con san Xoán da Cruz e maila santa Tareixa ós laterais, de 0,50; coroan o retábulo unha Virxe de 0,75 e un santo Bispo, de 0,70 m. Na nave, retábulo lateral Norte, barroco, con dúas columnas, de acios; unha forneliña, cunha Virxe de vestir. Estivo dourado. Nunha peaña, o san Roque, de 0,65, pintado e policromado. Pía bautismal e dúas de auga bendita; cruz parroquial de madeira, de 0,86; dúas lámpadas de metal; cáliz de 0,22, cun releve lineal na base, do século XVII; cáliz de prata cicelada; copón baixo, 0,10; e Sagrario expositor co Agnus Dei.

Pola parte Oeste, dous outeiros: Val do Outeiro e Castelo, cubertos de árbores. Unhas rochas grandes, formando oquedades, que reciben o nome de Cova dos Mouros.

Aquí tamén mangoneaba o conde de Altamira…, ¡menos nas covas dos ananos, que seica os había, e traballaban para facerlle un túnel á despensa do castelo! ¿Conseguírono ou morreron de fame no empeño? ¡A lenda non o di!