Cellán de Calvos, San Salvador de

cellan

San Salvador de Cellán de Calvos

Acaso veña do latín cella, cela, cuarto ou habitación pequena, graneiros, equenos habitáculos rodeados de muros, etc. Amor Meilán escribe Cellán de Campos. No 1352 cítase San Salvador de Çella de Moesteiro (Liceo Franciscano 1997)

Como freguesía é un anexo de Santa Mariña da Pumarega; arc. de Bolaño e ob. de Lugo.

C.P. 27143 Pódese ir desde Castroverde, ( 4 Km mal contados), ou desde Sobrado; e tamén baixando da parte de Vilalle, segundo a procedencia do visitante. Nunha altura, á aba O. do monte das Devesas. Confina, polo N., con Covelas; E., Frairía; S., con Barreiros, e algo coa Pumarega; pecha polo O. o outro Cellán, e tamén Pereiramá.

O terreo participa de monte e de chan, con soutos de frondosas nunha robusta arboreda; a parte destinada a prados e demais cultivos é de boa calidade.

Lugares: Cellán de Calvos, Pereirón (un pereiro tamén é unha prominencia rochosa; así, “O Pereiro”, chámanlle en Montecubeiro ó emprazamento onde estivo a Torre de Bascuas), A Viladónega (acaso villa da señora), e Vilar.

Augas: O Fervenza, que se explica por si mesmo. Fontes: A de Abaixo (abaixo do lugar), do Espiño, que nace en Camartán, e de aí vaise para Cellán de Mosteiro. Entrefontes, ou do Pozo. Das Rascadiñas, que nace en Centeás. E logo está a da traída, tamén chamada de Armillán, polo lugar do seu nacemento. Pero aínda quedan a do Vilar, a da Viladónega, a do Areal, a da Rega do Ferreiro, a do Prado Novo… ¡Quédense por aquí varios días, tal que unha semana, para probalas todas!

Cativa como freguesía pero enorme na súa potencialidade económica: Castaños, carballos, algún pino, froiteiras…; con magníficas praderías. As casas son case todas de boa cantería; xeralmente de planta cadrada.

A igrexa téñena no lugar de Cellán, con bos accesos. Atrio-cemiterio xunto do templo. Nave ás dúas augas cunha trabe tirante; porta alintelada e espadana dun van. Cabido a tres augas sobre piares cadrados. O presbiterio é máis amplo e elevado cá nave, ás catro augas; cornixa e ventanal ó sur. Arco triunfal de medio punto, sobre pilastras. Retábulo de pouco valor. O Salvador, de 0,70 m., de traxe talar; santo Antón, de 0,40; e unha talla da Virxe, de 0,23. Pía bautismal do 1815. Cáliz de prata. Sancristía na parte posterior do presbiterio.

Pola parte oeste, a 200 m., a Croa ou castro de Cellán. Ó sur, a Croa ou castro de Vilar. Ámbolos dous cubertiños de carballos e de matogueiras.

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral