Bolaño, Santa Baia de

boloaño

Santa Baia de Bolaño

(Olalla-Baia. Grego: Ben falada, elocuente). O de Bolaño tanto pode vir daquela lenda do, bolo + año, da que se fará mención o describi-lo escudo actual de Castroverde, como debido á “bola” de Xivil, que preside estas terras: bolo = idea semántica de elevación ou cabezo. Tamén temos a posibilidade de que arrinque do precéltico “Abod”, que indica auga en abundancia, charcas, manantíos; neste suposto a fonía, a deformación fónica, iría de Bodaño a Bolaño. Para don Nicandro Ares procede do nome persoal Bullanius (LE 350). Este autor comprobou as seguintes referencias: Que na doazón de Afonso III, a. 897, vén Monasterium Sancti Martini de Bolanio, et ecclesiam S. Eolaliae (ES XL 388). No reparto de bens feito no 1.120 polo bispo Pedro III ós cóengos lucenses nomease hereditates Sancti Martini et Sancte Eolalie et ceteras villas in Bolanio (ES XLI 299). E así noutros. No 1.277 (CDF) póñenlle Bolanno
Ob. de Lugo; sendo arciprestado, é unha freguesía anexa de Santiago de Castroverde. C.P. 27122 e 27129, segundo lugares. Accesos: Bolaño está a tiro de pedra do Castro Verde, ¡precisamente na súa aba máis viridis,máis pradenga! Pola DP 1611.

Lugares: Bolaño, O Grandón (algo así como monte alto ó fin dunha gándara, ou pedregal), Nabeda (ou de nabega, nabal, ou da medicamentosa nébeda, porque o que é de nava, terra baixa e pedregosa entre montañas, non leva xeito). O Pedrón, Pereiroá (algo que ver coas pereiras). Rodinso (pode ser tantas cousas que será mellor deixalo a levedar). San Fitoiro (O repetido D. Nicandro inclínase a pensar que teña relación con Sanctus Victurius, ou Victorius, ¡e calquera lle discute!) Por último, San Martiño. ¿Por cal dos Martiños, a cal se invoca, ó de Tours, ou ó de Dumio?

Os seus termos lindan con Montecubeiro, Castroverde-capitalidade, Pena, Rebordaos, Vilabade, e tamén, nunha punta, con San Miguel do Camiño.

Augas: Calidonia, Valiña e o río do Azor (Riazor), que forman o Chamoso inicial. Boas para herbas, calcarias.

Non caen lonxe as louseiras da Veiga Seca, de lousa azul, cun outeiro próximo que excede os 650 m. Hai tamén unha fonte que procede do Monte Real; e logo están as do Barrio, as do Batán, Xivil, San Martiño… Iso á parte de que pillan cerca as tabernas de Castroverde; o que é sede, por aquí non pasan; nin a xente nin os prados, os mellores do mundo, ¡segundo o criterio de Facenda!

Forno do Cal de Pepe do Rego, Bolaño

Na Croa de Xivil alcánzanse os 667 m. No seu redor, canteiras de calcaria, innúmeras, abandonadas. No 1.833 don Guillerme Schult, na súa descrición geonóstica de Galicia, puxo de manifesto a existencia de antimonio no monte de Xivil. Tamén estiveron denunciadas, a principios do XX, dúas pertenzas de mineral de ferro.

Casoas impecables, algunhas enormes, que pregoan o poderío, pasado e presente, desta parroquia.

Foi famosa a súa banda de música, competidora coa de Pena no século XX.

Restos históricos: O mosteiro de San Martiño de Bolaño, que xa existía no século IX. Cítase nun escrito de Afonso III, do 897-; e no XIV contaba cun hospital para peregrinos, xunto (ou por cerca) do Camiño Primitivo de Santiago. Segundo López Ferreiro, a ábsida da igrexa pódese considerar do século X.

O templo está un pouco illado, presidindo unha paisaxe magnífica e feraz, de excelentes prados; cunha altitude no soarego de 565 m.. Atrio amplo e cemiterio adxunto, ó Norte, esquinando coa estrada DP.16.11, de Circunvalación de Lugo. A nave cóbrese ás dúas augas, sobre catro arcos de medio punto, con bóvedas de canón de barrote; notorios lunetos que parten dos arcos formeiros. O frontis, en pedra granítica; porta alintelada; óculo; torre de catro vans, con acceso dende o exterior ó traveso dunha escalinata polo interior do muro. Presbiterio algo máis elevado e saínte cá nave, con dous ventanais ó sur; bóveda de aresta, do mesmo material que a nave. Sancristía na parte posterior. Todo o templo leva unha cornixa corrida, de pedra. É obra do século XIX. Retábulos e imaxes: O maior, neoclásico. Santa Eulalia, (Baia, Alla ou Balla, segundo sitios e épocas), 0,78 m., titular; ático cunha pintura de Cristo. O lateral norte, sen maior interese; Inmaculada, de 0,65; Santo Antón, de 0,53. No latera
Sur, un Santo innominado, de 0,57 m.; e San Roque, de 0.50 m. Na sancristía dous cálices sinxelos de prata; un cristo de 0,50 m., e un bo moble para roupas.

As Guías Eclesiásticas veñen rexistrando unha capela do San Xoán, en Pereiroá.

López Ferreiro deixounos un deseño dos sartegos desta localidade, “que estaban destinados para gente rica y acomodada”.
Foi un dos floróns, -señorío-, do conde de Altamira.

A Cova da Valiña, é un tesouro, (pero, espoliado) Entre os barrenos, a demolición, da rocha frontal, (para cocer cal), que formaba a boca da gruta, e que a ceou cousa de 15/20 m., e maila recollida dos seus, sucesivos, achados, esta parroquia de Bolaño chegou a pobre, (sen deixar por iso de ser rica! Teñen a esperanza de que todo llelo devolverán no seu día, cando Castroverde habilite un lugar idóneo para Museo…
Para non causar máis dano, de presente as visitas deben ser guiadas, autorizadas. Polo demais, non é ningún segredo: Está na pista que sube a Pozos e a Carballedo, cerquiña dun castiñeiro singular. Descubriuna, divulgouna, D. Darío Trashorras, que deste xeito pasou á Historia; con tal xenerosidade que xa naquel intre levoulle ó Museo de Lugo, na persoa do seu director, D. Manuel Vázquez Seixas, un feixe de ósos, atopados no entullo ou capa superior.

O director do Museo do Castro de Viladonga, Felipe Arias Vilas, xa dera referencias deste achado en 1971 no seu “Catálogo Prehistórico da Bisbarra de Castroverde”. En canto ó equipo que levou a cabo a escavación científica, campaña 1987/8, estivo formado por unha vintena de expertos, multidisciplinares, dirixindo os doutores César Llana e María José Soto. Esta campaña puxo de releve: 130 pezas correspondentes a lascas, soportes de tipo laminar, núcleos, fragmentos naturais e debris; e logo están uns 222 restos, perfectamente identificados, pertencentes a macromamíferos, que van desde o rinoceronte á lebre, pasando por unha hiena, etc.

Vimos de lonxe, ¿non si? ¡Isto, e mailo que queda sen contar, sen contar e/ou sen descubrir! Por algo se lamentan os de Bolaño de que lles espoliaron un tesouro…

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral