Barreiros, San Cosme de

(Cosme. Sanctus Cosmas. Grego: Universo, limpo, disposto en orde). San Cosme é o patrón tradicional do gremio dos barreiros, ¡así que, de ceramistas vai/ía a cousa! Anexo de San Pedro de Riomol.

C.P. 27124. É unha freguesía aprisionada/amasada entre as de Cellán de Calvos, Frairía, Masoucos, Riomol e maila Pumarega. Na aba do monte de Mordei.
Terra cha, fértil, ben regada e con boas casarías. Lugares: Barreiros e San Cosme.
A fonte do Batán, que nos trae dúas evocacións: nace no “Pedregal”, que foi unha morena glaciar; e logo que perpetúa a lembranza daqueles batáns onde se zoupaban as teas de liño para feltralas, para compactalas, e de paso, para darlles suavidade. A fonte da “Churriana” que tomou ese nome da proximidade da casa dunha artesá especializada en facer e leva-los churros ás romaxes e ás feiras; esqueceuse o nome precedente desde manantío.

A igrexa é humilde, coas partes máis nobres en pedra gra; revocado o resto dos muros. Nave ás dúas augas, cunha trabe tirante que amarra a cuberta. Un ventanal sur. Frontispicio cunha portada de arco de medio punto, sen impostas. Espadana dun só van. Presbiterio algo máis elevado e amplo cá nave, ás catro augas. Sancristía no lateral sur do presbiterio, a un auga. Arco triunfal de medio punto, en aresta, con impostas sobre pilastras. Retábulos e imaxes: Sinxelo, con catro columnas salomónicas; as dúas interiores mutiláronas para colocar un camarín. San Cosme, de 0,58 m., titular, cun recipiente de apócemas, bastón, sombreiro e capa. Semidourado. Unha boa peza. Virxe de 0,55 m., co Neno; talla popular. Santo Antón Abad, de 0,67 m., cun libro, báculo, capa e barba cumprida. Tallas do XVI-XVII. Sancristía. Sur parroquial de metal, de 0,70. Cáliz de prata cicelada, de 0,22. Dous confesionarios primitivos.

Cemiterio xunto da igrexa, polo lateral sur.

Barreiros, no A.R., xunto coa Frairía, Furís e Masoucos, foi da xurisdicción de Neira de Rei, controlada polo marqués de Montaos.