Arcos, San Paio de

arcos

San Paio de Arcos

(Paio, ou Pelaio; e na Idade Media, Pai; vén do grego: Mariño, pertencente ó mar. Deu lugar ó patronímico, Paz) Este nome de “arcos”, moi repetido en Galicia, parece facer alusión á preexistencia de edificacións relixiosas, seguramente funerarias. O topónimo de “Arcos” está expandido por toda a península, e incluso pasou a América e ás Filipinas. Concretamente en Galicia existen doce parroquias desta denominación: unha na provincia da Coruña, cinco na de Lugo, tres na de Ourense e tres na de Pontevedra. Elixio Ribas na súa Onomástica persoal do Noroeste hispano (Lugo, 1991) fálanos dun xentilicio ástur-galaico derivado dunha deidade céltica co tronco no tema Arq. Arc. de Maestrescolía e ob. de Lugo.

C.P. 27142. Accesos: Pola estrada Lugo-Fonsagrada, no p.k. 16. Altitude media, 500 m. Confina con Santa María de Moreira, co seu anexo de Souto de Torres, Monte e Queizán, Piñeiro e Paderne.

Foi unha freguesía notable no comercio dos séculos XVIII e XIX pola súa arrieiría. Naqueles tempos nos que era costume andar, celebra-los viacrucis, ó exterior, por fóra das igrexas, esta parroquial contaba con 14 cruceiros, ¡de pedra!, dos que tan só queda a mostra, no atrio.

Lugares: Gracián (do cognome latino Gratianus, grato, agradable. Neste lugar atópase unha capela particular dedicada á Inmaculada). Santa Xiana, San Paio e mailo casarío de Fraiás, ¿dos frades?.

Augas: O Sampaio, que empeza a recollelas en Castedo. Conta coa fonte do Cano, encanada por unha conducción de seixos mampostos.

A igrexa, co atrio-cemiterio ó redor, domina á beira da estrada C-630, dando un bo miradoiro. Cuberta dun mesmo plano para nave e presbiterio, ás dúas augas, cunha terceira sobre da sancristía, que queda na parte posterior. Na nave amárrase a cuberta, de lousa sobre madeira, con dous tirantes de ferro e unha viga de madeira. Unha cornixa corrida ó longo da nave e do presbiterio. Porta no costado sur. Na fachada, porta con lintel, óculo e espadana de dous vans, en boa cantería. Coro alto ós pés. O presbiterio presenta un teito de madeira, en tres planos. Arco triunfal de granito, en aresta, sobre pilastras de medio punto. A sancristía está na parte posterior, con dous accesos laterais, formando parte exterior do presbiterio.

Retábulos: O maior é barroco-rococó, de boa factura; un corpo e un ático; catro columnas e unha forneliña central, con abondosa ornamentación. Inmaculada, de 0,80; San Xulián (Xián), de 0,65; e San Ramón, de 0,50. Policromados, en forneliñas. San Roque, de 0,65, no ático; con columnas de estípites. Nos laterais e por sobre das portas da sancristía, dúas peañas con templetes de columnas de estípites que soportan dous anxelotes, de 0,62. Bo conxunto, de finais do século XVIII, dourado e repintado. As portas da sancristía son de cuarteiróns. O retábulo lateral norte é de estípites, rococó. Virxe do Carme, de 0,80, policromada, sobre peaña de tres anxos; San Domingos, de 0,56; San Tomé de Aquino, de 0,56; dous releves de Santos dominicos, de O,42; ático, cun rosetón coroado e dous anxos laterais; forman un bo conxunto, dourado e pintado, do século XVIII. Retábulo lateral sur, sinxelo; columnas lisas con relevos de rocallas. Santa Xiana, de 0,80, cun dragón alado. San Francisco, de 0,70. San Brais, de 0,68. Ático cun relevo da Virxe entregando o rosario a san Domingos, e anxelotes. Século XVIII. Conxunto dourado e pintado.

Na sancristía consérvase un sagrario retirado, co Agnus Dei e unhas rocallas. Cáliz e copón de prata.

Amais da capela, ou oratorio, de Gracián, había outra, hoxe en ruínas, en Santa Xiana.

Arcos, con Cellán, Espasande, Miranda, Paderne e Souto de Torres, no A.R. foi da xurisdicción de Adai, controlada polos condes de Lemos. A excepción foi Soutomerille, a pesares da proximidade, onde comandaban as familias de don Juan de Neira e maila de don Manuel Pallín.