Agustín, Santa María de

Diminutivo de Augustus é Augustinus, cognome lat. Trataríase dunha villa, hereditas, etc., de Augustini. ¿Unha granxa adxudicada, acaso, a un centurión agradecido de Augusto? Adoitaban pagárlle-lo retiro en terras.É unha freguesía pequerrecha en superficie, dun só lugar, o propio Agustín, augas abaixo do Páramo e a 2 Km. de Miranda, pero excelente na calidade da terra. Filial do Páramo. C.P. 27143

Accesos: Vindo da parte de Sobrado, no p.k. 10,5, talmente despois de San Martiño da Folgosa, que é unha freguesía do Corgo avanzada ó NO. Dista de Lugo uns 22 Km e 8 de Castroverde. O seu termo confina con Santo André de Mirandela, Santo Estevo de Furís, San Martín de Folgosa e Santiago de Miranda.

Augas: Os regos do Pontigo, ou Pontixo, ou Pontello, e mailo Agustín, que baixan de ganchete en busca do Uriz para irse de troula, conxunta, ¡tordeando co Tordea! É importante a Fonte de Abaixo, ¡unha frescachoa!

Altitude media, 600 m.; no monte Xamboubo, anda ó redor dos 700 m.

A igrexa queda a un costado do lugar, coroando un outeiro, co cemiterio ó redor. Ampla, de cruz latina, formada por dúas capelas laterais. A nave, cuberta ás dúas augas, con lousa sobre madeira; unha porta en cada costado. A cornixa esténdese, no mesmo nivel, ás capelas laterais; a tres augas. O frontispicio é de cantería; porta en linteis; frontón formado pola prolongación da cornixa da nave; rosetón estrelado e espadana de dous vans, cunha campá. Pavimento de pezas de granito e de lousa. Coro alto ós pés. As capelas laterais teñen arcos de medio punto sobre pilastras con impostas de molduras xeométricas. O presbiterio rexe ás catro augas, na liña da nave, pero máis alto. Arco triunfal de medio punto, sobre pilastras, con impostas saíntes. Bóveda de canón, con grandes peitiñas formando arestas saíntes, unidas en rosetón.

Retábulos e imaxes: O maior, barroco, dourado, de dous corpos, con catro columnas salomónicas en cada corpo. Sagrario co Cristo resucitado, de 0,27 x 0,27. Expositor con catro columnas barrocas. Camarín da virxe con ornato vexetal; obra do século XVIII. No mesmo presbiterio, nos laterais, baixo arcos formeiros, dous retábulos sinxelos. O esquerdo, deteriorado, sen imaxes. O dereito, con San Roque, 0,57; Virxe, de 0,60, co neno e unha peaña de tres anxos. Capelas laterais con retábulos barrocos; na dereita, retábulo de dúas columnas salomónicas, con acios, medallón e rocallas, Santo Anxo, de 0,75, co Neno e cunha cabeza de dragón na peaña. No retábulo lateral esquerdo, barroco e sinxelo: Santo, de 0,80, colgándolle un corazón e tamén un rosario.

A sancristía ocupa a parte posterior do presbiterio. Cáliz e portaviáticos de prata; sinxelos. Busto do Pai Eterno, de 0,30, e restos dun capitel de madeira, con tres anxos. A pía bautismal ten 0,80 m.

Foi do señorío e xurisdicción dos Condes de Altamira.