
O CONCELLO DE CASTROVERDE APOIA O FÚTBOL SALA EN IDADE ESCOLAR!
O Concello de Castroverde vén de asinar un convenio de colaboración co Club Castroverde Fútbol Sala para fomentar a práctica deportiva entre os nenos e nenas do municipio.
Este convenio enmárcase nunha subvención nominativa de 3.000 euros concedida polo Concello ao Club, que deberá destinarse integramente a actuacións que repercutan directamente no beneficio dos nenos e nenas e das súas familias.
A axuda permitirá contribuír á redución dos custos que as familias asumen durante a tempada deportiva ou á incorporación de novas prestacións e recursos, así como á mellora ou ampliación do equipamento deportivo e doutros servizos vinculados á actividade.
Con esta colaboración, o Concello reafirma o seu compromiso co deporte de base, promovendo hábitos de vida saudables e facilitando que os máis novos poidan gozar desta práctica deportiva.
Desde o Concello de Castroverde seguimos traballando para apoiar o deporte local e as familias do noso municipio!
-CONCELLO DE CASTROVERDE-

