As festas do Santiago en Vilariño, a Concepción e o Santo Cristo

A concentración de servizos na capital municipal, derivada da moderna integración no concello de Castro Verde de varias xurisdicións administradas polo poder señorial no Antigo Réxime, reforzou os festexos celebrados na que sería unha puxante vila comercial asentada arredor da nova estrada provincial que atravesaba a freguesía de Santiago de Vilariño na segunda metade do XIX, tendendo a ser identificado o conxunto do territorio do municipio como Santiago de Castro Verde e a ser representado nas súas festas patronais, un proceso incrementado a medida que avanza a tendencia a se diluíren as identidades parroquiais, malia o poder de resistencia mostrado pola tradición das vellas romarías que se negan a entregar a marca identitaria das antigas freguesías.

Imaxe actual de Santiago Apóstolo, patrón de Vilariño, capitalidade municipal de Castro Verde. A efixie guerreira a cabalo divulgada durante o Baixo Medievo, responde á lexendaria aparición do Apóstolo na batalla rioxana de Clavijo, cara o ano 844. (Foto R. Polín).

Aí vén O Santiaguiño, co seu canadiño…

Grande ou pequeniño… Ao longo dos anos vinte, a entusiasta mocidade castroverdense de Vilariño tiña por costume programar dous ou tres días de festas en honor do seu patrón, o glorioso Apóstolo Santiago (mesmo desprazando as datas en función do calendario, como en 1926, que se celebraron as romaxes o 31 do mes da sega, 1 e 2 de agosto, manténdose durante a Segunda República o 24 e 25 de xullo como días propios e mesmo na posguerra), á par que se incluía entre os números máis destacados os denominados “paseos de moda”, as grandes verbenas, as solemnes festas relixiosas ou a tradicional corrida de burros.
En todos os casos, foi A Rampa o escenario por excelencia para a concentración dos festexos, evolución dos campos da festa rurais conservados aínda ao longo do século pasado. Esa popular “Rampla”, como se identifica vulgarmente o pequeno declive ou plataforma de suave pendente xurdida do proceso de urbanización desencadeado co paso da estrada de Fonsagrada na segunda metade do XIX, arredor do cal se situou o incipiente comercio da vila no Novo Rexime municipalista, era a denominación tradicional (“ir á Rampa”) que perdurou na fala viva até o momento actual e a máis coherente desde todos os pontos de vista, malia ser substituída no período republicano por Avenida de Alcalá Zamora, actual rúa Rosalía de Castro, ao se teimar en mudar a nomenclatura herdada en favor de terminoloxías oportunistas que obedecen servilmente a flutuacións políticas carentes de enraizamento.

Procesión pola Rampa nas festas patronais do Santiago de 1953.
(Fotografía xentileza de Sara Álvarez Valle).

O feito de contar cunha vizosa actividade das bandas de música local (principalmente nas parroquias de Pena e de Bolaño, xunto con outras agrupacións e músicos populares que afondan a súa orixe nos séculos anteriores) ten facilitado a organización de todo tipo de festexos (supoñendo un aforro económico, mesmo na procura de aloxamento para os músicos, preocupación constante e compromiso solidario en etapas posteriores), ao igual que o feito de contar con pequenas empresas pirotécnicas de carácter familiar e fogueteiros experimentados, sobre todo Pestana de Bolaño ou Otero de Xerbolés (do outro lado da serra de Monciro, con produción até as últimas décadas do século XX), que facían as delicias do público coas máis diversas técnicas fogueteiras (entre as que destacaban as bombas de tres estalos, as rodas e voadores, os fogos de artificio, as sesións de tracas, petardos, etc).
O horario solar tamén rexeu até a posguerra canto á distribución dos actos, reservándose as celebracións relixiosas para a mañá, con misas “de comunión general” desde a primeira hora e misa solemne ou cantada ca cara as doce do mediodía, coa procesión dos santos polo adro e itinerarios urbanos habituais. (Lembremos que a fábrica do templo da parroquia de Vilariño, mencionada desde o ano 897, contaba cun muro de pedra que rodeaba a igrexa demarcando o adro ao modo tradicional, espazo percorrido antigamente polos séquitos procesionais, aínda que esa estrutura arquitectónica sería gravemente alterada ao se proceder á urbanización do entorno nos inicios dos anos corenta, principalmente sendo rexedor o alcalde Xetas).
As festas profanas tiñan lugar pola tarde, até a noitiña, máis adiante xa repartidas, con verbena e descanso para a cea. Neste sentido, a participación da música era permanente, mesmo no canto da misa, coa interpretación do himno de Riego ou da marcha real á hora de alzar, breve concerto despois da celebración relixiosa, etc.

“PROGRAMA OFICIAL de las Grandes Fiestas Patronales que en honor del APÓSTOL SANTIAGO se celebrarán en la villa de CASTROVERDE los días 23, 24, 25 y 26. Julio 1944”. (Arquivo R. Polín)

Así aconteceu, por exemplo, coa festa do Santiago de 1934 (xa en plena República, cando atravesaban a vila os camións que mobilizaron tropas africanas para afogar a Revolución de Asturias, causando gran impresión na veciñanza castroverdense a contemplación do paso dos soldados marroquinos) e cuxos festexos terían lugar os días 24 e 25 de xullo, con presenza de verbenas “a la veneciana” ou “á xaponesa” na denominada “Plazoleta de la Rampa” (esta rimbombante clasificación da tipoloxía das verbenas nocturnas respondía entón aos diversos sistemas de iluminación utilizados cando a corrente eléctrica escaseaba ou brillaba pola súa ausencia, tendo en conta que a luz artificial chegou á vila en 1936, recorréndose primeiramente aos farois de cristal que portaban unha lámpada de aceite ou unha vela “á veneciana”, logo substituídos por outras luminarias de papel de cor con diferentes figuras e velas no interior, as chamadas “á xaponesa”), non faltando as dianas e alboradas, misa solemne con procesión, concertos e romarías típicas amenizadas pola popular banda de música La Armonía de Bolaño.
Rematada a guerra civil, o ano 1940 contrátase para o Santiago do día 25 a banda de Vilacendoi que dirixía o músico Antonio Julio Varela e em 1944 organízanse catro días de festas do Santiago, que en 1946 contarían coa presenza da banda de Infantería de Marina de “El Ferrol del Caudillo” e un cuarteto da mesma cidade departamental, actuacións que serían complementadas con sesións de fogos de artificio a cargo da pirotécnica Otero de Xerbolés, procedente do veciño municipio de Pol, así como polas comparsas de xigantes e cabezudos e as xiras campestres, actos de catro xornadas que novamente encontramos en 1958.

1964. A efixie ecuestre do Apóstolo encabeza a marcha procesional arredor do adro da igrexa parroquial nas festas do Santiago. (Fotografía xentileza de Alejandra Pérez Torrón).

A imaxe orixinaria do Santo Patrón de Vilariño que chegou ás primeiras décadas do século XX era unha fermosa talla do Santiago cabaleiro ou “Matamouros” en madeira, dun tamaño medio, aínda que antiga e valiosa. A título de curiosidade, como queira que a efixie do Apóstolo non cabía como era debido na fornela superior que coroaba o retábulo da capela do altar maior que el mesmo presidía, os fregueses da vila tomaran a drástica solución de lle quitar o rabo ao cabalo branco, ficando para os anos sucesivos un rabo “de quita e pon”, de tal xeito que esa imaxe curiosa do cabalo branco de Santiago sen unha parte tan vistosa da súa anatomía fora obxecto de cómicos e irónicos comentarios entre as xentes que frecuentaban o templo parroquial. En todo caso, a vella imaxe do patrón Santiago finalmente desaparecería aos ollos dos fregueses de Castro Verde, segundo ten acontecido con boa parte do noso importante patrimonio artístico e monumental.

Solemne procesión do Santiago en 1953 (Fotografía xentileza de Sara Álvarez Valle).

Unha talla belicosa de Santiago tamén evocada no seu momento polo escultor local Paco Pestana, en referencia da impresión causada pola escena guerreira do templo da vila (“siempre a los pies de Santiago y de su caballito, absorto y pendiente del guerrero que estaba a punto de rebañarle la media luna y el gañote al moro yacente, un mohamed malencarado y cejijunto, con poca cara de víctima…”).
Despois de lembrar as cinco parroquias castroverdenses que teñen por titular ao Apóstolo Santiago (Masoucos, Espasande, Ameda, Miranda e Vilariño, todas elas con representacións icónicas máis valiosas que a venerada na capital do distrito, ás que hai que sumar as procedentes das pequenas capelas de Foxos e mais de Córneas ou da igrexa da Frairía), con motivo dos festexos de 1975, o propio don Rogelio Reigosa describía a figura do Santo Patrón de Vilariño: “El arte religioso nos lo presenta en una imagen ecuestre, en actitud de salto galopante y aguerrido. Tenemos que afinar el ingenio para conocer la mentalidad del artista. Villamil y Castro nos hace el relato de la batalla de Clavijo velando por el honor e integridad de las doncellas. Sant Jacob tiene cosas fuertes y se desea venerarle cumplidamente sin otras críticas históricas, bajo una sana apologética.” (o mesmo cronista, párroco, mestre de Santa María de Monte propoñía aos rameiros da vila fuxir da rotina dos actos tradicionais e programar un concurso literario, exposicións de traballos escolares e de artesanía rural ou cousas antigas que vivían momentos críticos á feroz presión do mercado a que eran sometidas polos anticuarios (“acaso menospreciables y en gran número desaparecidas, vendidas a negociantes callejeros, lamentando las que ya han salido para el extranjero…).

CASTROVERDE. Fiestas patronales de Santiago Apóstol. Días 24, 25, 26 y 27. Julio 1958”. (Arquivo R. Polín)

Entre os esforzados rameiros das décadas de despois da guerra e do terceiro cuarto do século XX estaban mozos de entón como Manuel Quiroga Fouz, para o que o Santiago de Castro Verde era un pequeno San Froilán que recibía romeiros de Baleira, Fonsagrada, Pol ou Becerreá, e autobuses desprazados con visitantes desde lugo a un municipio que non andaba lonxe de alcanzar o pico dos 10.000 habitantes, malia as complicacións de organizar os festexos na posguerra, segundo acontecera o ano 1947, dificultades que se prolongaron no tempo, tal e como ten comentado outro daqueles atrevidos e entusiastas rameiros, Porfirio Fernández, o cal presenciou a instalación do primeiro palco da música metálico aínda en 1980, aínda manténdose na década dos 70 un elevado nivel das festas canto á contratación de prestixiosas orquestras e prolongación dos festexos, sendo unha das atraccións favoritas o desfile de xigantes e cabezudos, recuperado cara mediados de século, así como o foran nos anos vinte e trinta as actuacións das bandas de Pena e de Bolaño na Rampa ou na pequena praza do concello, completadas con outras agrupacións de distintos puntos xeográficos do territorio galego. Uns bailes e concertos que cara mediados de século comezaban sobre as seis da tarde (polo horario de entón) e remataban na madrugada, deixando un intermedio para cear, de tal maneira que os músicos recibían comida e fonda con aloxamento nos domicilios particulares (costume que ten ocasionado momentos de tensión e desaxustes, como nesa ocasión en que o propio Quiroga tivera que subir ao escenario para lle advertir ao público que, de non haber voluntarios para dar fonda aos músicos, tería que se ver obrigado a suspender a festa, logrando así que sobrasen aloxamentos e que a troula continuase…).

“GRANDES FIESTAS PATRONALES EN CASTROVERDE los días 23, 24, 25 y 26 de Julio de 1946. Amenizarán las fiestas la banda de Infantería de Marina de “El Ferrol del Caudillo” y un importante cuarteto de la misma ciudad. Misa solemne. Grandes sesiones de fuegos de artificio de la casa Otero de Gerbolés. Grandes verbenas y conciertos musicales. Misa de Campaña. Animaciones eléctricas. Dos grandes romerías. Comparsas de gigantes y cabezudos. Gran gira campestre.” (Arquivo R. Polín)

A Nosa Señora do Castelo

A nosa señora do castelo

Contodo seren as festas patronais do Santiago o 25 de xullo quen acabaron por acaparar a atención da veciñanza de Castro Verde, esa carga sentimental será compartida desde tempo inmemorial coa romaría na honra da Inmaculada Concepción, cuxa imaxe de pedra procedente da antiga capela da Fortaleza permanece depositada no moderno templo parroquial, acompañando ao retábulo barroco da mesma orixe. Esta efixie de gran valor simbólico e afectivo é a popularmente coñecida como A Virxe do Castelo (mesmo nalgúns casos como “A Virxe do Camiño”, catalogada en 1700 co nome de “Capilla de Nuestra Señora de Castelo”), sentimento que se vería reforzado coa súa entronización o 21 de febreiro de 1955 sobre unha peaña coa forma da torre medieval esculpida polo ebanista castroverdense Fernando de Carballo, veciño do barrio da Praza, despois de ser restaurada en Madrid debido a que a figura orixinaria fora decapitada.
Así, segundo o costume, aínda consta a celebración da festa da Inmaculada no mes de Nadal de 1926, manifestándose a gran devoción dos fregueses da vila cara esta Virxe na decoración do seu altar, no que tería lugar a misa de mañá, costeada por unha devota familia, a cargo do coadxutor Rvdo. Julio Vila, asistido polos párrocos de Vilabade (don Domindo Saá) e de Covelas (Alejandro Gómez), en tanto un coro de nenas da parroquia —dirixidas e acompañadas ao harmonio polo ecónomo señor Zúz— interpretaba diversos cantos marianos e a mocidade se divertía até o anoitecer na festa de tarde , aos acordes da banda de Pena que dirixía Alfonso Gómez Arce (Alfonso da Cancela).
Xunto a esta antiga ermida da Concepción, arredor da Fortaleza e próxima ao antigo Hospital, semella constar a presenza doutra capela consagrada a San Lourenzo, atendendo ao aforamento asinado un 27 de novembro de 1511 dunha leira e cortiña de Vilabade na que se cita a súa pertenza a “San Lorenzo de Castroverde” e da que eran foreiros Vasco de Carballal e Aldara Afonso. Igualmente, cara 1700 documéntase a ermida de Santo Domingo Soriano en Vilariño, edificación que por entón permanecía “decente y reparada”.

Capela da Inmaculada Concepción na actual igrexa parroquial de Castro Verde, co retábulo orixinario da ermida homónima na Fortaleza. (Foto R. Polín).

O Santo Cristo dos Desamparados

Foi unha tradición sostida no tempo polo calendario festivo da vila de Castro Verde a comezos do mes de setembro, con clara decadencia cara o último terzo do século XX, en favor da festa única do patrón Santiago que adquiría un sentido máis lúdico e solemne, reservándose o Santo Cristo para os devotos da súa confraría fundada cara os inicios da década dos anos vinte do século pasado, momento no que tamén fora adquirida a súa emblemática imaxe tantas veces portada en andas polas rúas en brazos das fervorosas mozas da parroquia de Vilariño.
Así, o ano 1927 os confrades do Santo Cristo organizarían os seus festexos entre o 10 e o 11 de setembro, expoñéndose a imaxe para a súa adoración desde o día 3, feito coincidente cunha novena na súa honra, o que mostra a gran devoción existente entre os
fieis a pesar do escaso tempo que levaba esta talla no templo. A predicación da misa solemne, coa igrexa engalanada para a ocasión, correría a cargo do párroco Juan José Juíz, aínda que a procesión se celebraría en horario de tarde, antes das verbenas que contarían ambos días con artística iluminación, queimándose gran profusión de fogos de artificio e de aire, con artística combinación de bengalas de cores preparadas polo pirotécnico José Pestana Torrón, de Bolaño, a maiores das xiras campestres, cabezudos, carreiras de galos e de burros, etc, actos que completarían o programa amenizado pola banda de música de Pena, acompañada do cuarteto sarriao Os Cuarenta.
Especialmente sonada sería a celebración do Santísimo Cristo da Agonía ao ano seguinte, o 9 de setembro de 1928, baixo o reinado de Alfonso XIII e en plena Ditadura de Primo de Rivera, momento no que xa se levaban celebrando varios anos estes festexos do Santo Cristo en Castro Verde, neste caso acompañados de chuvascos permanentes que tamén afectaron á celebración simultánea dos Remedios en Cellán de Mosteiro (nunca faltou o trebón do Santiago, de aí o dito popular: “Aínda ha vir o Santiaguiño co seu canadiño, grande ou pequeniño”). A imaxe de grandes dimensións exhibida desde había poucos anos no altar da igrexa parroquial era copia exacta da existente en Limpías (Cantabria), obra do século XVII, gótica, cuxo santuario é B.I.C desde 1983.
A numerosa afluencia de visitantes podería contemplar a emblemática talla adornada con flores e luces para a súa festividade, á par que os actos organizados polos confrades constarían de dianas e alboradas a cargo das bandas de música de Pena e de Guntín de Pallares, con misa solemne ás 12 (horario solar), celebrada polo coadxutor Julio Vila Palmeiro, asistido polo párroco de Monte, o historiador e profesor don Rogelio Reigosa, e mais o de Serés, don José Alonso, acompañada de cantos do coro parroquial, con predicación do cura ecónomo local don Juan José Juíz (quen desde o púlpito pronunciaría un fervoroso sermón dedicado a enaltecer a devoción existente ao Santo Cristo na localidade, explicando de paso o funcionamento da súa confraría recentemente creada). A estes actos asistiría alumnado das escolas do municipio, acompañado dos seus mestres, así como os sacerdotes de Vilabade, Pena e Covelas.

1954. Festas organizadas na vila de Castro Verde pola confraría do Santo Cristo da Agonía, fundada por volta dos anos vinte dese mesmo século. A imaxe, de grandes dimensións, é unha réplica da existente na localidade cántabra de Limpías (á dereita), obra do século XVII, que é B.I.C desde 1983. (Fotografía antiga xentileza de Alejandra Pérez Torrón).

Particular relevancia tería a procesión saída ás 5 da tarde polo itinerario de costume e que agardaba presidir o bispo da diocese lucense, Doutor Balanzá (visita finalmente suspendida), sendo representado polas autoridades locais e personalidades desprazadas desde Lugo para asistir ao mercado de gando. Todo elo completaríase cunha romería no paseo da Rampa ás 7 da tarde, espazo urbano adornado con grinaldas e faroliños dispostos pola mocidade da vila, prendéndose a artística iluminación do paseo ás 10 da noite, con animada verbena que incluiría a solta de grotescos globos nos intermedios, en tanto ás 12 da noite se lanzarían fogos de artificio e se queimarían artísticas rodas baixo a dirección do pirotécnico da casa, señor
Pestana de Bolaño, todo elo coa música das mencionadas bandas de Pena e de Guntín que “mereceron xustas loanzas pola súa extremada afinación”.
Como gran novidade, aproveitando estas festas do Cristo de 1928 celebraríase por primeira vez na Terra de Castro Verde un concurso de gando, neste caso organizado pola Junta Provincial de Ganaderos, con algunhas achegas do Concello de Castro Verde, a Deputación Provincial e a Asociación General de Ganaderos del Reino, podendo presentarse exemplares das especies bovina e porcina cuxos propietarios pertencesen a este municipio ou limítrofes, previa inscrición na secretaría do concello, conforme ás bases recollidas nos cartaces e programas repartidos ao efecto, con entrega dos premios ás 6 da tarde, despois de se emitir o ditame do xurado cualificador deste pioneiro concurso.
En todo caso, esta lúcida romería do Santo Cristo do ano 28 tería como responsábeis da súa boa organización a varios mozos de destacadas familias da vila de Castro Verde, maiormente universitarios, como Daniel e Darío Fernández Bouzas, Saul Santiso ou Remigio Ceballos, contando máis unha vez coa axuda filantrópica da respetable señora dona Concepción García, residente en Madrid e veraneante en Castro Verde, quen se encargaría de sufragar os gastos ocasionados polos festexos.
Xa coa República, a encrucillada d’A Rampa mantíñase como escenario da verbena do Santo Cristo o día 3 de setembro de 1932, con celebracións relixiosas ao día seguinte desde as 8 da mañá, dianas e serenatas, misa das 12 cantada pola capela e orquestra da catedral lucense e sermón do ecónomo da parroquia don Juan Juíz, con saínda da procesión ao remate dos oficios de mañá, deixándose para as 4 da tarde o coñecido paseo de moda e a romería, incluíndo dous premios para as dúas parellas que mellor executasen dous bailes rexionais a xuízo do tribunal, así como verbena ás 10 da noite, con fogos de artificio, rodas pirotécnicas e a clásica solta de globos grotescos, todo elo acompañado da afinada banda “La Unión” de Bolaño.
Sufridos os duros anos da guerra, a represión fascista e a cruel persecución, tortura e matanza de veciños en Monte Cubeiro e outros lugares do municipio, a festa do Santo Cristo da Agonía voltaba ás rúas da vila un 8 de setembro de 1940, esta vez coa misa de 12 a cargo do presbítero don Ramón Muñiz, con sermón desde o púlpito de don Nicolás Pereda, superior da Residencia de Padres Redencionistas de Vigo, encargándose da parte musical dos oficios a orquestra de capela da basílica lucense, quen interpretaría partituras de Perossí, antes de saír en procesión acompañados da refundida banda de música de Pena-Bolaño, que tamén amenizaría a romería vespertina, logo de que xa nas vésperas do día 7 o bispo Balanzá confirmase en Castro Verde a máis de 500 persoas, acompañado do cóengo don Mariano Martínez Ros. Segundo tiña por costume e se repetiu varios anos, os cultos serían costeados pola señora Concepción García e fillos.
(Na igrexa parroquial de Santiago de Vilariño aínda temos constancia da existencia da capelanía da Nosa Señora da Piedade, tratándose dunha fundación de carácter familiar que funcionou cando menos entre 1681 e 1829).
Xa cara o remate do século XX, despois dunha longa etapa na que as nutridas festas do patrón Santiago acapararan todo o protagonismo, con desprazamento do escenario a diferentes espazos da vila (praza do Concello, fincas da Ferraría, varias rúas, etc) e contratación de espectaculares orquestras, tense reeditado algunha celebración da festa do Santo Cristo, maiormente promovida por mulleres da vila e asociada ao barrio de Tarrío reunido á beira do curso alto do río Tórdea e da estrada de Fonsagrada, para quedar novamente recluída na memoria colectiva cada vez máis precaria, até a actualidade).

Esas outras romarías que van ficando esquecidas…

Entrado o século XXI, resulta xa sorprendente a tradicional celebración en Castro Verde de festas consagradas ao Sagrado Corazón de Xesús e ao Apóstolo San Bernabé durante varias xornadas, como sucedeu os días 8, 10 e 11 de xuño de 1924, festexos que todos os anos eran organizados pola denominada Asociación del Apostolado, de tal xeito que o primeiro día dedicábase ao Sagrado Corazón, saíndo a súa imaxe en procesión pola tarde, sobre unha artística carroza, en tanto o segundo dos días incluiría no seu programa de tarde un paseo de moda e fogos de artificio, quedando a terceira e última xornada para conmemorar a festividade do San Bernabé, con misa e procesión matutinas e romaría con bombas e foguetes en horario vespertino, todo elo amenizado polas bandas de Pena e de Bolaño, acompañándose estes actos de novenas cantadas a cargo do coro dirixido polo cura Juan José Juiz.
Estes cultos e romaxes na honra de San Bernabé e mais do Sagrado Corazón de Xesús chegarían a se celebrar conxuntamente nas localidades veciñas de Santiago de Vilariño e de San Miguel do Camiño, segundo aconteceu, por exemplo, en 1927 ao longo de catro días (8, 10, 11 e 16 de xuño), incluíndo entre os números máis destacados a habitual novena con exposición da Súa Divina Maxestade, hinos á Santísima Trinidade (trisagio) e cantos do coro parroquial, con iluminación especial do paseo de moda da popular Rampa da vila, misas rezadas a San Bernabé cada media hora (a cargo do cura-ecónomo don Juan José Juiz), con procesión e bendición do gando, así como asistencia dunha delegación dos tarsicios lucenses coa intención de facer novos socios en Castro Verde, os cales xurarían a bandeira da congregación. Seguindo o costume, tería lugar unha poxa dos produtos e esmolas recibidos, así como diversas romerías, á vez que se aproveitaba o día 16 para conmemorar o Corpus Christi con comuñón xeral, predicacións do coadxutor don Julio Vila, percorrido en procesión vespertina do Santísimo polas rúas da vila, con garda de honor proporcionada polos tarsicios e celadoras do apostolado, rematando con animada verbena a partir das 9 da tarde, festexos que contarían coa amenización da acreditada Banda de Bolaño dirixida por Antonio Otero, así como polo cuarteto de gaitas do país dirixido polo gaiteiro Dositeo González, de Fonfría.
(É digno de sinalar que, coincidindo coas festas, regresarían á localidade algúns flamantes universitarios castroverdenses da rama sanitaria, como a farmacéutica dona Sara Santiso Ferreiro —filla do médico titular don Camilo Santiso—, xa coa carreira rematada na Universidade Central de Madrid e brillantes cualificacións, ou os estudantes de Medicina don Francisco Gómez Pardo, don Saúl Santiso Ferreiro —irmao de Sara e tamén fillo de Don Camilo— ou Don Remigio Ceballos Santiso, apelidos todos eles vinculados a ilustres sanitarios de Castro Verde, seguindo unha consolidada tradición familiar que perdurou no tempo e que acaba de perder un importante valor co pasamento en xaneiro de 2022 da farmacéutica dona María Fernández Santiso, da Casa Nova ou “das Señoritas”, na Rúa da Fonte ao pé da Lomba).
Unha das celebracións máis lembradas en Castro Verde sería a que tivo lugar o 25 de maio de 1933, na Segunda República, cando a veciñanza da vila fixo coincidir a festa tradicional da Ascensión del Señor cunha sentida homenaxe a don Faustino Fernández Paradela, alcalde que impulsou a creación das tres fontes públicas inauguradas no casco urbano da vila ese mesmo día, festexo que incluiría unha función relixiosa, comida campestre e verbena coa refundida banda local de Pena e Bolaño. Xa no ámbito reservado ás conmemoracións promovidas desde a esfera política, terían especial relevancia as festas de exaltación da “vitoria” franquista, nomeadamente a Fiesta de la Victoria de 1939 organizada polo concello de Castroverde que presidía Jesús Lamela Fernández ou a de abril de 1940, baixo o mesmo rexedor, con apoio do xefe local da Falange Española, don Jesús Ferreiro, así como os actos relixiosos de rigor oficiados polos párrocos de Vilabade e Vilariño, Domingo Sáa e Juan José Juiz, con actuación musical da refundida banda de Pena e Bolaño, así como do coro das Hijas de María da propia vila. A mesma agrupación musical actuaría na Fiesta de Exaltación del Trabajo que o 26 de xuño de 1939 conmemorou o Alzamento Nacional, sendo o rexedor Jesús Lamela e o crego Juan José Juiz quen presidiron os actos civís e relixiosos, respeitivamente.

Capela do Sagrado Corazón na igrexa de Vilariño (foto R. Polín)

Antiga cruz parroquial de Santiago de Vilariño
(foto Ricardo Polín)

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral