Castro Verde, un adeus a Marujita da Farmacia

“—Yo creo que todas las personas deberían morir en su
casa…”, confesoumo cun triste ollar cando tiña que marchar
arrincada do que fora o seu fogar, protexido por vetustos
castiñeiros.
É a súa a Casa Nova, habitada ao pé da Lomba, na cara máis
soleada, ollando a vila a distanza. A bucólica casoa con
alcobas anticuadas onde penden os retratos das persoas que
encheron todo o século pasado e cuxa vida se debe ao
popular Relojero, o fotógrafo de cámara do pobo de Castro
Verde. Tamén foi esta morada a casa “de Don Camilo”, o seu
avó carismático, o médico que hai cen anos percorría as
aldeas visitando aos doentes montado sobre un cabalo ao
que chamaba Rodríguez.
Recatada e caladiña, tan cauta e comedida, xa veu para o
cemiterio que está no Monte Vello, camiño dos peregrinos,
dona María Antonina, a ilustre farmacéutica de ilustres
apelidos, a dos Fernández Santiso.
Esta era Marujita, da “Casa das Señoritas”. Tan discreta e
intelixente nesa torre de marfil testemuña de excepción de
un século de memoria da Terra de Castro Verde. Esa tenaz
resistente aos avatares da vida. Da estirpe dos sanitarios
que dotaron a bisbarra de farmacias, nunha liña estirada
que pasou desa primeira botica situada en Tarrío, deica
aquela da Praza que un día rexentou Faustino Fernández
Bouzas, e que logo se marchou camiño do Barrio Chino,
nunha coqueta casiña que atenderon dona Amelia e don
Rafael Ceballos, pasando tempo despois para a Casa de
Bascuas, sobre A Rampa, a farmacia compartida por Manolo
Pardo e a súa esposa Sara, a tía de Marujita, a quen a nosa
amiga lle comprou esta botica o ano 66, atendendo aos
pacientes sendo aínda estudante en Santiago.
Á morte de dona Pura, súa avoa, polo ano 37, proseguía esa
vea sanitaria: Saúl Santiso era médico, e don Gonzalo, o seu
xenro, e don Ricardo e don Víctor, farmacéuticos. Mais sería
a botica que ela mesma fundou á entrada de Castro Verde
quen deixou fonda pegada no sentir das nosas xentes, co seu
xardín recolecto en franqueando aquelas verdes cancelas.
Esas flores de María eran a viva expresión da profunda
inquedanza que sempre manifestou pola cultura ambiental
e as cousas naturais que lle aniñaban na alma, o que a fixo
sufrir cando a ferida da estrada —froito dunha cacicada—
foi desangrando o seu bosque e o camiño medieval onde os
vellos paseaban cando caía a tarde.
Coa súa mente brillante, emotiva e delicada, aguantaba en
silencio outros moitos desafíos que observaba desde aquela
atalaia: cando a Fonte da Pena e o Cruceiro da Lomba
emigraron a Madrid para lle servir de adorno á capital das
Españas; e a súa vehemente oposición ao intento de levar a
igrexa actual para o alto do Outeiro onde estaba a reitoral,
no que entón coñecían como Casa de Benito.
Fora nada en Albacete, mais criada en Castro Verde, onde o
cura Juan Juiz lle botaba reprimendas por andar en bicicleta.
Corría o ano da guerra cando a súa familia puxera unha
botica aló na vila do Cádavo e á fin chegara a luz ao lugar de
Vilariño, capital do municipio, e ambos sitios veciños
recibían estes feitos con auténtico entusiasmo.
Amou con forza ao seu pobo e foi muller respectada e
adiantada ao seu tempo. Marujita da Farmacia: unha voz
privilexiada nesa vella confraría do Cristo da Agonía que
formaban as rapazas. Alí na Rúa da Fonte, entre os carballos
da Lomba, fica a nosa lembranza.

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral