(Madalena. Hebreo: Natural de Magdala). Como Goián, Goiás, etc., parece tratarse dun topónimo derivado de nome persoal de orixe xermánica. Nisto tamén hai opinións variadas, así que, ¡a escoller! Arc. de Maestrescolía e ob. de Lugo. De Goi son anexos parroquiais Espasande e Tordea. C.P. 27125.
É unha das freguesías máis pequerrechas do municipio de Castroverde, pero está emprazada nun val pintoresco e fértil, na aba oriental do monte Bidueiros e a marxe do río Goi. Polo S. confina con terras do Corgo.
En augas, o Uriz, que vai ó Tordea. Fonte Fría, ou Fonfría, que é a máis importante. A do Lagarto e outras menores. O rego de Goi é lavadeiro-abrevadeiro. Montes: De Goi (635 m), Forno da Vella (632) e o Castro de Uriz (500 m)
O templo parroquial foi erixido sobre un prehistórico castro, ó sudoeste do lugar. Este castro conserva indicios de ter sido unha gran fortaleza. Na rocha nu consérvanse vestixios de varios sartegos. Nesta mesma localidade apareceron varios muíños prehistóricos.
A igrexa é algo simple. Frontispicio con espadana; nave ás dúas augas; presbiterio algo máis elevado e saínte; sancristía na parte posterior. Boa sillería en pedra gra. Retábulos de pouco valor. Imaxes: santa María Madalena, cun vaso de ungüento; santo Antón, de 066; san Roque, de 0,65; santo Anxo, de 0,65. Outra María Madalena, moderna; Inmaculada, de 0,80, algo basta; san Bernabé, de 0,27; san Ramón, de 0,68. Dous cálices de prata: o de 0,21 do século XVII; e o de 0,26 do XIX. Cruz parroquial de metal.
Foi un dos señoríos do conde de Altamira; ¡outro!