(Pedro. Latín: Pedra firme coma a rocha). Os dous Cellán son anexos da Pumarega.
Augas: O Mosteiro e mailo Tordea. A fonte do Barranco, que non se chamaría así de nacer nas alturas, pero peor resulta coa outra que temos entre Cellán e Espasande, (a dos Cagallóns), que haberá que pensar en cambiarlle o nome. Zona con moito arboredo e con bos prados.
A igrexa é románica, asentada nun outeiro, cun atrio-cemiterio ó redor. No século XII había un mosteiro neste lugar, que non debeu ser grande a xulgar polos vestixios que quedaron na igrexa. A nave consérvase íntegra; románica, cuberta de lousa sobre armadura de madeira. Muros laterais simétricos, cornixa basta, sete modillóns e seteira por lenzo; porta no lateral sur, cun arco apuntado, cego ó exterior por un tímpano alintelado. No frontis, de bos sillares, ábrese a porta principal cun arco de medio punto, a pano co muro; impostas de nacela; tímpano monolítico sobre das xambas. O presbiterio, cun arco triunfal, é unha obra posterior. Máis amplo e elevado que a nave, ás catro augas. Sancristía no lateral norte, en plano inferior, ás tres augas.
Cellán de Mosteiro
Retábulos e esculturas: O maior é barroco, sinxelo, catro columnas salomónicas de acios. San Pedro, de 0,70 m., boa talla, barroca, do século XVIII; Santiago peregrino, 0,75, século XVI; Virxe do Carme, 0,65, século XVII; santa Lucía, 0,50; Santo, 0,80, con hábito e báculo, e santo Antón, de 0,64; pezas mediocres, séculos XVII-XVIII. Santo Anxo, 0,60, basto; Cristo, 0,40, popular. Cáliz de prata coa inscrición: “Me dio Dn Ml Dot1 Cura de Sn Jv1 D Camba con vn ornato a Nra Sra de los RRMoS sita en la Ygla DSn Po D Sellan D Mosteiro Año de 1796”.
Pía bautismal, dun metro, cunha moldura dórica, circular, que a divide en dúas partes. No corpo inferior, a cruz de Malta e II611, que pode significar 1611.
O estado actual do templo é ruinoso.