Barredo, San Xoán de

barredo

San Xoán de Barredo

Barredo leva o sufixo -edo/ -etum en latín, que complementa a prerromana barro, indicativa da abundancia disto. Arredor de 1160 os cóengos de Lugo xa rexistran a ecclesiam Sancti Johannis de Barredo (BCML IX 313/199c).

C.P. 27127 Accesos: pola estrada que vai da 630 a Lea. No seu vértice topográfico, ó NO de Francelos, acada unha altitude de 640 m.

Arc. de Maestrescolía e ob. de Lugo. Esta freguesía tamén é coñecida como Francelos.

Os “Barredos” (San Xoán e Santo André), confinan: Ó N. coa Meda e con Serés; polo E. Serés e Rebordaos; ó S. con Moreira-Soutomerille; e polo O. coas parroquias de Lugo, Labio e Gondar.

A súa relativa proximidade a Lugo-capital, proporcionoulle a esta bisbarra, ós dous “Barredos”, e tamén á Meda, un auxe económico considerable, maiormente ó longo dos séculos XIX e parte do XX, levando ó mercado os seus excedentes agro-gandeiros. De modo especial na Meda incrementábase este tráfico cos carretos de cal viva para a construcción lucense.

Lugares: Castedo (casteo, o castelo; algúns din que vén de que por alí houbo un castra, campamento, daquela ou despois do Medullius; tampouco falta quen opine que este topónimo puido deberse a unha parada de sementais, quere dicirse, un lugar para castear. Don Nicandro opta polo -edo, das castaneas, souto). Un Francelos (habitado coa condición fiscal de “francos”, obviamente en recoñecemento por servicios prestados a El Rei; ou ben poboado por “francos”, da Galia, vidos polo Camiño Primitivo, polo de Santiago). No lugar de Vilafrío (…quod vulgo Villarfrigidum nuncupatur…), casas do Pacio e do Fidalgo, que se explican de seu.

Augas: Regas de Vilafrío e das Presas. Coas fontes de Castedo, do Sidaio, do Alongo, e da Chaucha, ¡que por algo se chama así! Os regatos principais son: o de Ferradás, o do Augueiro, o de Pacios e mailo de Vilafrío.

A igrexa de San Xoán de Barredo xa se menciona nun documento da catedral de Lugo do ano 1.133. Exercía o dereito de presentación o herdeiro de D. Diego Cabarcos y Oxea, veciño de Soutomerille, como dono e señor deste lugar e deste coto. Unha escritura do conde D. Gutierre Bermúdez recorda a doazón que no seu favor lle fixera do mosteiro de San Salvador de Vilafrío D. Afonso o Emperador. Os veciños deste lugar de Vilafrío afirman que o cenobio estivo xunto da capela actual, onde apareceron enterramentos de probada antigüidade. No 1.800 D. Francisco José Julián Muñiz de Carvajales, dono da casa do Fidalgo de Vilafrío, obtivo a carta executoria da súa fidalguía.

Igrexa parroquial: Nave cuberta de madeira ás dúas augas, co frontal barroco e unha espadana de dous vans. Capela maior ás catro vertentes, con arcos de ingreso, semicircular. Na cabeceira, a sancristía, a unha soa vertente. Fachada de cantería; muros de pedra caleados e tellado de lousa. É unha obra do século XVIII.

O retábulo maior, neoclásico, cubre o testeiro. Con imaxes modernas, do século XIX. Escultura do Carme, 1,07, século XVIII, que pertenceu a un dos retábulos laterais, hoxe inexistentes.
Un cruceiro, liso, xunto do templo parroquial, no atrio.
Capela de Vilafrío, baixo a advocación de Santa Mariña.- Un edificio rectangular, de 9,03 x 4,90, coa cuberta de madeira ás tres vertentes; pavimento de laxes, muros de pedra e tellado de lousa. Parece obra do século XVIII, aínda que reformada posteriormente. Conserva como pía da auga bendita un capitel do primitivo románico, coa correspondente basa, procedente sen dúbida do antigo mosteiro. Retábulo popular moderno coa escultura da titular, santa Mariña, de 0,55 m.; século XVIII. Polo ano de 1.755 “Santa Marina de Villafrío” era parroquia anexa de “San Juan de Barredo” (EL 770).

No Antigo Réxime señoreábana o conde de Altamira e mailo cabido de Lugo, asemade.

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral