“Onde se medra feliz” Paco Pestana en Castro Verde

Fuches da mao aberta,
agorenta e perdida…

Amenceu naquela Terra, con freires cabo da serra e a raioliña de
sol que nace na Vacariza. Estendeu a súa silueta cun brazo a cada
beira: da comuna de Negueira, sobre a Ponte Buadil, deica os rueiros
de Lugo nos que adoito se movía montado na bicicleta.
Hoxe aluma máis que nunca e na Frairía agardan as estelas que
fendeu pra coller forza nas maos. Falamos hai poucos días mentres
facía a leña e tocaba a madeira. Dera forma a unha talla de 10
metros de altura, un tronco que ascendía cara os cornos da lúa.
Confesoume que en Peredo, na aira da súa casa, estaba o seu
obradoiro. Logo deixouse levar polas Agras de Touceda, o leiro da
Rechaviña e a cortiña de Amordeus. Esa doce xeografía da Terra de
Castro Verde, lembrando faragulliñas de laxas espenicadas e os
toxais de estrar e as cavadas de folgado.
Lembroume cando era neno, apañando pola beira do camiño un
fatadiño de arandos. Mostrábase “acoloutrado” e aínda así afirmaba
que xamais tivera patria. Que a paisaxe era un invento dos que viñan
de Madrid. Mais fora quen de escoitar as gaitiñas de centeo no alto
do Sabugueiro, mentres durmía tranquilo arredor dese palleiro co
que mesmo propoñía que se puidese tapar a Cidade da Cultura.
Logo fun ao seu taller e conversei de vagar. Era na rúa Unidade,
xunto á Praza de Alicante. Naquel local ateigado coa arte que foi
creando, sentados sobre un escano, falamos desa muller que nacera
coa beleza do mármore de Bolaño e agasalloume un poema co que
dixo pretendía rematar con esa leria da épica infantil. Tamén dixo
que sabía de milagres agachados e que a culpa dos borrados no seu
celular tardío co que tiña unha batalla encarnizada… era sempre de
unha pega que entraba na pantalla. E volveu aos anos mozos nos
tesos de Fonsagrada que saben da súa andaina, varexando as
castañas ou capando os carballos que escachara a invernada.
E logo ese tufo mol que habitaba as corredoiras. E aquela tropa
lixeira que arrastraba as zocas para acudir á Escola e que para Paco
era a maior felicidade, esa que non tiña un nome, mais a que deixara
o seu rastro. E os rapaces de Trascastro que pedían polas portas, e
os carballos de Cazás, farturentos e arrogantes, e a festa da Pastora
onde nace o río Neira, polavilas e ruadas con fachas polas
congostras e galiñas estofadas.
Paco foi a sombra espida que corría sempre ceibe entre as camadas
de fentos. Mais cando a neve arremeta aló no alto da serra, sobre os
prados da Frairía que medran coa escorrentía, e se escoite o lobo
aular no pico da Revoltiña, aínda os teus veciños che levaremos
quentiño o teu caldiño de cimos e pan centeo con mel.
Porque ese sol que hoxe aluma nos campos de Castro Verde, é o
mesmo que outrora arrequentou a seara sobre a que tu levantaches
unha meda de pantrigo.
Noso veciño e amigo.

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral