Mergullarse na prolífica carreira política e sindical do máis claro aval socialista do sufraxio feminino na Segunda República, conleva remontarse a aquelas abafantes xornadas do ocaso decimonónico en que aos seus catorce anos un veciño analfabeto de Santiago de Miranda se botaba á estrada de Castela camiñando baixo un sol de xustiza, paso a paso desde as ubérrimas terras de Castro Verde á capital das Españas, emulando aos antigos segadores por non dispor de medios para saltar ás Américas.
Pobre de solemnidade, só catro anos máis tarde da viaxe iniciática, Manuel Lence Fernández encargábase do negocio de Viena Capellanes, liberando para as artes aos Baroja, don Pío e don Ricardo, propietarios da empresa que cocía “o mellor pan do mundo”, segundo se definira a receita vienesa na Exposición Universal de París. En 1916, aquel mozo dos recados que durmira sobre os sacos da fariña xa era dono da compañía que coa súa iniciativa revolucionou o sector industrial da panadaría ao tempo que por Europa se disparaban mil millóns de proxectís na 1ª Guerra Mundial, talvez a máis letal da historia contemporánea.
E alá foron cabo del os cinco irmaos que ficaran no seu humilde fogar do extremo de Castro Verde, os Manguitas de Miranda, axudando a levantar a empresa familiar. Mais para abastecer os cinco fornos cos que xa contaba en 1919, Manuel Lence reclamou a presenza de numerosos castroverdenses precisados de traballo e que foron colocados ao abeiro xeneroso da sombra deste galego que arriscaba en Madrid co seu xenio empresarial, logo de aprender a ler cando alcanzara a cúpula, nunha carreira á inversa que superaba o desleixo dos Baroja para tirar das tahonas.
A eses fornos renacidos arribou outro veciño que se foi de Riomol cos dezasete cumpridos, sen máis forza que a dos brazos e apenas coñecendo as catro regras de antano (o índice de analfabetismo alcanzaba o 96 % das súas xentes). Tamén de nome Manuel e de apelido Cordeiro, da casa do Zapateiro, principiou o seu camiño no gremio dos panadeiros, arrimado a Manuel Lence, chegando a ostentar a presidencia da Federación Nacional de Panadeiros, logo de exercer reiteradamente como delegado dos mesmos en diversas provincias, mentres o seu Castro Verde superaba os sete mil habitantes e trataba de afrontar o mallazo infrinxido polo gripe do dezaoito.
Na política ou na empresa, ambos dous castroverdenses foron quen de gobernaren con talento emprendedor na capital do Estado que comía do seu pan. E aquel esforzo de Lence será o que xustifique a presenza nos Madriles dese clan tan numeroso de xentes de Castro Verde que —xunto a Manuel Cordeiro— foron gañando a vida mercé á panadaría, esa tribo de avoengo labrador que á fin protagoniza o conto “Los panaderos” dun novo Pío Baroja que recalara en Madrid para se poñer á fronte —con escaso entusiasmo— do despacho de pan que deixara ao morrer o seu tío fundador de Viena Capellanes. Nas páxinas literarias que asinaba Don Pío, asistimos ao enterro do popular Mirandela que fora oficial de masas naquela tahona del Gallo. Por alí tamén andaban O Ferrador e os Barreiras, e Ferreiro, e o Lenzuela de Goi, Farruco de Castro Verde ou Perucho de Furís… (Pois con retranca galega, o autor enfatizaba: “¿de dónde son los gobernadores, ministros y demás?… Pues de la Galicia, hombre, de la Galicia. ¡Y qué se va a hacer!”, respondendo atinado un panadeiro en contra dos prexuízos que na Corte proferían contra os nosos paisanos, sempre co aval de Don Pío, quen os coñecía ben desempeñando o oficio).
Aí están as orixes do Cordeiro sindical, todo o movemento obreiro asociado ao sindicato de Artes Blancas Alimenticias, orixe do batallón da 7ª Brigada Mixta chamado “de Artes Blancas” que fundaran panadeiros sindicados xa nos inicios da guerra que destruíu os locais de Viena Capellanes, antes de que Manuel Lence falecera en setembro do ano 57 deixando o patrimonio da empresa na mao dereita de Antonio, irmao seu de Castro Verde, cando aínda Enriqueta, a veciña guerrilleira de Miranda, se consumía entre as reixas do cárcere de Alcalá, e a memoria do Cordeiro falecido no exilio se apagaba lentamente alén mar.