Aínda acreditando na existencia de influencias reaccionarias sobre a actividade pública da muller á altura dos anos trinta do século pasado, a voz do Manuel Cordeiro tirado ao mundo desde a súa aldea labrega dos vales verdes de Riomol deixou sentado no seu ensaio Los Socialistas y la Revolución (1932) que o perigo para a República non residía en que as mulleres falasen, senón na desatención ás necesidades da poboación, na forma torpe de gobernar se non se resolven con xustiza os problemas comúns.
A estratexia de Cordeiro prescribía unha medicación dosificada que eliminase pola vía cultural as persuasións máis nocivas, un tratamento sempre longo e complexo, mais o único que coidaba seguro este fillo de unha muller de Barreiros (Castro Verde) falecida o mesmo ano en que a mai foi consciente do trunfo da cruzada daquel fillo de seu en prol das súas conxéneres.
Nas Cortes constituíntes da Segunda República (1931), o deputado socialista de Riomol, na señorial Terra de Castro Verde, asumiu persoalmente a defensa do ideal de igualdade de dereitos dos sexos no exercicio elemental do voto democrático, en medio da lea entre os sectores sufraxistas e contra a oposición das agrupacións republicanas de esquerda que alegaban ignorancia e incapacidade da muller para o sufraxio debido á ascendencia exercida polo clero conservador sobre a vontade feminina, incluíndo nesa actitude desconfiada á propia Victoria Kent de Esquerda Republicana ou á socialista Margarita Nelken, proceso de debate que lle despexaría o camiño á anarcosindicalista Federica Montseny como ministra de Largo Caballero xa no 36.
A criterio de Cordeiro, a emancipación da sociedade non podía deixar fóra á parte maioritaria da mesma, responsabilizando ao sistema capitalista de ter sometido historicamente as mulleres, convertidas en obxecto de explotación industrial debido ao desamparo lexislativo na súa defensa, sobre a base de que a utilización máis cruel sempre se cebou cos indefensos. Valorada simplemente como diferente do varón, o político de Riomol rexeitaba un criterio xerárquico canto ao papel da muller no desenvolvemento da humanidade, mais con profunda admiración polo seu tesón como sostén do país en tempos en que os galegos partiran coa esperanza de facer as Américas.
Nesa orde, o deputado cuxa formación autodidacta se forxara nos centros obreiros da Casa del Pueblo —e que apenas asistira algúns invernos ás escolas temporais ou “de ferrado” que poñían os escolantes decimonónicos arrimados contra a serra de Furís— denunciou no Parlamento republicano que o atraso cultural lles tiña negado ás mulleres a educación elemental, por entender que saber ler e comprender excedía das súas necesidades, condenándoas a unha sorte permanente de inferioridade intelectual (consciente de que menos do catro por cento das mulleres do seu municipio sabían ler e escreber). Por iso, na campaña electoral de 1922, Cordeiro apelaba ás mulleres madrileñas coas seguintes palabras “Mujeres del distrito. Recordad aquellas vergonzosas colas del pan y del aceite, y en las que siempre me habéis tenido a vuestro lado para defenderos de quien os atropellaba y robaba…”, xulgando con desprezo o argumento sobre a ausencia de cultura na muller para exercitar o voto, toda vez que coidaba obvio que a falta de capacitación para o exercicio crítico das funcións cidadás era bastante xeralizada e non respondía a unha distinción de xénero, non sendo precisamente os ignorantes quen corromperan o espírito latente no sufraxio universal, senón aqueles que aceptaran os principios democráticos da revolución francesa co ánimo hipócrita de os falsificar.
Cordeiro xa tiña asumido nesa aurora republicana que a obra moralizadora dos cidadáns que traballaran honestamente por educar ao pobo no exercicio dos seus dereitos dera por fin algún resultado e que o sufraxio universal deixaba atrás aquela presunta incapacidade para se autogobernar que mesmo se lle negara ao conxunto da sociedade en tempos pretéritos, esquecendo que os dereitos e deberes cívicos eran un instrumento de debate político e un taller de instrución popular onde a función é quen crea realmente o órgano e non á inversa.
Ese proselitismo que Cordeiro promovía por volta do 31 consistía en atraer o sentimento feminino cara os ideais humanos e pacifistas nos que o deputado lucense confiaba, mais sen arremeter contra o sentido relixioso, cuestión que el mesmo xulgou por entón escabrosa ao entender que a Igrexa podía ser para unha infinidade de mulleres a súa tertulia política e que só intervindo nos círculos políticos e sociais alcanzarían o camiño da redención. Despois de tres votacións decisivas, desercións, varias tentativas de atrancar o artigo 36 e unha escasa marxe a favor, as Cortes republicanas abrían a porta á igualdade de dereitos, de deberes e de responsabilidades. A panca que Arquímedes pedía para dar a volta ao mundo e transformar as oligarquías privilexiadas que están na raíz das inxustizas, puxando por un rexime de igualdade e de solidariedade humanas.
Clara Campoamor rendiu sentida homenaxe ao deputado socialista de Castro Verde, onde agora é lembrado no Día Internacional da Muller: “A la actitud del Sr. Cordero se debieron aquellos votos de mayoría que salvaron el sufragio femenino en la Constitución…”.