Castro Verde FEIRA DA ARTESANÍA, 17/08/2014 (PREGÓN de Ricardo Polín)

Autoridades, benqueridos veciños e feirantes todos:

Nun día como hoxe de hai máis de cen anos, chegou un personaxe moi singular a este pintoresco campo da feira nas aforas de Castro Verde. Chamábase don Miguel García Teixeiro, residente na casa grande de Recesende; logo sería alcalde da localidade e autor das primeiras páxinas de historia do noso pobo.

Tamén entón foi un domingo de extraordinaria animación, con intenso desfile de labregos e animais. E viña aquí coa intención de observar un dos máis destacados feirais da provincia, emprazado en suave pendente sobre a vertente do mediodía da carballeira da Lomba que el definía como “abrigo, sombra, amplitude e comunicación”.

Esta era a festa dos campesiños esparexidos en cortexo por vellas corredoiras: camiños da feira que chegaban con xente de Tras da Serra, da Terra de Luaces, da cidade lucense ou das chairas de Chamoso. Vieiros que aínda recordan o carromato conducido a cabalo por unha panadeira cargada de pantrigo desde Santiago de Castelo, ás portas de Lugo; que trouxeron a lareta das piteiras penduradas na escaleira dos buses da empresa Montaña ou o bravío dos cabreiros de Silva cara as chairas de Pol, de onde nunca fallaba un home cunha saca de zocas ao lombo desde Xervolés; antigas vereas polas que un día —antes de facer fortuna— arribou a esta feira o Fortaleza Vello cravuñando gadañas e moitos dos nosos veciños que aproveitaron para lles dar saída ás loras que preparaban no forno da casa.

E con eles chegaba aquí unha procesión de copleiros, cegos do violín (incluíndo algúns tan célebres entre nós como foron a cega de Miranda ou de Peredo, a de Gondel ou Ricardiño de Adai e Avelina…), vagabundos e pobres de pedir polas portas. Pintorescos cadros de costumes nados nesa xuntanza do gando e dos tratantes, sempre con aquel berro de fondo que aínda eu teño escoitado: ―Auga de limón fría! Mecha, papel e cerillas!”.

Unha galería de tipos populares que moitas veces teñen presenciado as porfías entre o Misteiro de Pena que ofrecía: ―- Toxo da Mariña e xestas mouras de Pioute!, contra Sobrado de Bolaño que retrucaba: “-Hai mecheiros, mechas do trun-trun e cerillas do número un!”. Ambulantes cargados de petates con correas ao lombo e que a duras penas abrían paso no balbordo festivo polo real da feira enmarcado nesta liña de pendellos que configuran o que foi o paseo vespertino de xente moza.

E foi lugar de especulación, de intriga e información. Pendellos entretidos no xantar, boureo; como diría o autor citado, ―tinglados terreños donde reina la expansión y el buen humor”, cerca dos caldeiros do polbo e daquelas mulleres tan bucólicas, entre retadoras coplas nos pendellos que arestora reviven neste domingo de agosto.

Tempo despois, don Manuel Amor Meilán insistía en que “por su especial y aventajada situación, y por la importancia de sus ferias, puede afirmarse que el tráfico comercial de Castroverde abarca todos los productos necesarios a la vida…”, poñendo especial  énfase en remarcar as excelencias da acolledora fraga que abeira a grande xuntanza propiciada pola feira quincenal: “el amplio y magnífico campo donde aquélla se celebra, por su extensión, sus frondosas umbrías y su proximidad a la carretera, es de los que merecen ser citados entre los mejores de la provincia…”, aseguraba. (Mágoa do grave deterioro paisaxístico que acusou este recanto por mor do descontrol urbanístico que padeceu ao longo da segunda metade do século XX).

Nun día feirado como o de hoxe, demóstrase o valor da CULTURA como recurso endóxeno (interno) para o progreso de Castro Verde. O aproveitamento social e económico dos 30.000 anos de historia que fomos tecendo como pobo desde aqueles primeiros veciños que habitaron as Covas da Valiña, de cuxo descubrimento se cumpriu o ano pasado o 50 aniversario.

E sempre esa Fortaleza medieval que desafía a nosa conciencia colectiva cada día que pasa e que representa o señorío de Castro Verde, o sentir común, a expresión do noso imaxinario popular.

A feira é a mellor manifestación do noso traballo conxunto. De como un pobo é autosuficiente e aprende a solucionar os seus problemas. Castro Verde sempre avanzou mentres soubo manterse unido nun obxectivo común. E tanta importancia ten isto, que cando o Conde de Trastámara, don Fradique Enríquez de Castro, fundou este señorío un 25 de xaneiro de 1418, puxo como condición para os seus herdeiros que tiñan que manter unido o Señorío de Castro Verde nunha célula indivisible, non enaxenar, non vender nunca as súas terras so pena de ser desherdados caso de o faceren.

Despois, varios acontecementos teñen reafirmado a nosa identidade castroverdense, unha maneira de ser na que nos recoñecemos como pobo antigo que facilita o tránsito das chairas á montaña, unha terra fértil e soleada, de frondosos bosques, unha lingua que tanto abraza as augas miñotas como as serras astur-galaicas. Como di o documento fundacional do santuario de Vilabade, estamos no camiño de dúas das máis antigas romaxes de occidente, cara San Salvador de Oviedo e cara Santiago de Galiza, mais tamén no Camiño Ancho que pasa por aquí e que un día levou aos nosos avós para as segas de Castela.

A nosa fala é ben clara neste sentido: nós somos terra de trelos, non de adivales; de loras, non de estrobos; somos de angazos, non de enciños; somos de orballo, non de barruzo; en fin, pechamos todo canto podemos as vogais das nosas palabras ou abrímolas sen complexos segundo se tercie; somos un pobo de biouteiros, de bouzas, de laxes e cortiñas…

Debemos sentirnos orgullosos de sermos castroverdenses porque o que agora somos foise forxando a modiño nos grandes momentos da nosa historia: porque Castroverde ten sido protagonista na famosa batalla do Monte Cupario onde a nobreza galega se xogou o seu prestixio fronte á monarquía hispana; porque vertemos sangue solidario cos veciños de Pol, de Baleira, de Neira de Xusá e A Fonsagrada cando por aquí pasaron as tropas francesas prendendo lume ás nosas casas; cando padecemos as consecuencias das revoltas carlistas que lembraba a miña centenaria bisavoa Ramona, logo de que o crego de Seixosmil na Serra de Meira e as súas tropas tomasen a nosa casa consistorial; e na gran proeza dos mártires de Monte Cubeiro e da súa Unión de Labradores, o sangue derramado polos inocentes neste ancestral Condado de Chamoso vilmente asediado polo fascismo; en fin, na loita peculiar e revolucionaria que Enriqueta Otero emprendeu desde a serra de Miranda, a mesma que nun domingo de feira coma hoxe teño visto irrumpir neste paseo cun aspecto estrafalario que fascinaba os meus ollos de neno, para abrir aquí mesmo o pendello da asociación veciñal O Fungueiriño, cuxo lema aínda eu mesmo puiden ler o ano 2004 gravado nunha destas pedras e que viña dicindo co seu estilo claro e incendiario: ―ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE CASTROVERDE ‗O FUNGUEIRIÑO‘ – HORAS DE OFICINA – DOMINGOS DE FEIRA – XOVES, VENRES DE 12 A 2. Solución dos nosos problemas sin caciques. Esta asociación chegará a todas as aldeas”.

Froito dese empeño común, repito, foron as corridas do galo e tribunais de Pascua, as veladas de teatro, a antiga feira do San Marco nas “encuastras” de Vilabade, os Milagres de Souto ou o Santo de Monte Cubeiro, a nosa promoción artística a través desas bandas de música que son un bon exemplo dos resultados que dá o traballo colectivo: as de Pena, de Bolaño, de Vilabade ou de Faxilde… E ao cabo, esas xuntanzas clandestinas que os mozos castroverdenses realizaban con entusiasmo e valentía no muíño do Ferreiro de Riomol, para traer un réxime de liberdades.

Si, amigos e amigas: a historia desafiounos aos de Castro Verde en numerosas ocasións e sempre soubemos responder, sempre nola xogamos.

Logo do éxito do Camiño Primitivo, cuxa empresa de recuperación emprendemos con moito esforzo hai xa máis de vinte anos, temos que coidar os detalles, impedir que morra de éxito a galiña dos ovos de ouro: recuperar a traza histórica e divulgar o seu patrimonio, saber que non só é un recurso, tamén é un valor. Os alemáns, chineses, franceses ou italianos que percorren cada día as nosas rúas son amantes da historia: o noso comercio —tan receoso naqueles primeiros momentos— debera ter aprendido a lección que hoxe nos dá esta feira: poñer en valor o noso pasado, tamén significa asegurar o futuro.

Por iso propoño hoxe aquí, máis unha vez, que é preciso reforzar ese avoengo do noso pobo, a súa estirpe, recuperando canto antes símbolos da nosa historia como a figura do Cronista oficial ou honorario de Castroverde, tal e como xa se aprobara en pleno municipal o ano 1975, sendo alcalde don Sabino Abraira, momento no que se propuxera moi acertadamente ao recordado don Rogelio Reigosa Ferreiro para tal cometido.

E nese mesmo sentido, agardamos ter o apoio e as forzas necesarias para ir creando un Centro de Estudos Castroverdenses como a soleira deste municipio merece e unir canto antes nunha ruta cultural o paso do Camiño Primitivo co recinto histórico da Fortaleza, deica as covas da Valiña, iniciativas ben baratiñas e de gran valor engadido.

Conclúo, non sen antes felicitar aos organizadores por esta exitosa iniciativa e agradecer sinceramente ao señor Alcalde e á súa concelleira de Cultura o me teren permitido facer uso da palabra hoxe aquí, sendo a palabra o instrumento máis valioso de que dispoño, talvez o único.

Don Álvaro Cunqueiro tiña por costume comentar que el era “indefectiblemente de Mondoñedo”. Pois ben, salvando as distanzas, eu son inequivocamente desta terra que piso: toda a miña traxectoria vital e cultural está unida a Castro Verde e non tería sentido algún sen este territorio. Aquí alpeirei para acudir á feira collido das saias da miña mai, coa ilusión de mercar unha burriña coas alforxas ateigadas de anises, no pendello da Visita que está aí ao lado. Aquí escribín moitos milleiros de páxinas, as primeiras delas xa dedicadas á literatura nada en Castro Verde; aquí fixen todos os labores do campo, da cultura agraria; aquí percorrín centos de quilómetros e bebín o aire nunha carreira continua polos nosos montes e vales: efectivamente, aquí visitei ben noviño e acompañado dunha cámara fotográfica todas as parroquias e aldeas, documentando o seu patrimonio cultural; aquí fun tirando con moito esforzo persoal do Camiño Primitivo de Santiago, a quen lembro que demos nome un mes de decembro do ano 92 no Concello Vello do barrio da Praza.

Aquí sufrín, pelexei por me abrir paso naquelas grandes nevaradas, loitei no seu momento contra o poder corrupto e apandei coas consecuencias desa actitude: por iso me doeu tanto a queima de gran parte do arquivo documental custodiado no noso Concello a comezos dos 90, sen que ninguén asumise responsabilidades (“papeles viejos en armarios estartalados”, que diría a secretaria persoal do alcalde de entón; actas, expedientes e protocolos incinerados no vertedeiro do lixo, actitudes bárbaras felizmente superadas). Aquí me fixen o que son, castroverdense de varias xeracións, tanto máis desde que descubrín que xa no século XV, un tal Juan Polín era administrador do noso hospital de San Lázaro.

E aquí, meus amigos, aprendín desde neno a superar as dificultades, a estudar con sacrificio, a me revelar contra unha sociedade que está moi lonxe da igualdade de oportunidades que tanto proclama. Por iso me aferrei á vida con forza cando hai ben pouco me recordou que aquí estamos de paso.

E finalmente, aquí procuro un merecido sosego para a miña mai cega de 96 anos, con esa lealdade que aprendín de todos vós, as nobres xentes de Castro Verde que me inculcastes o gusto por saber.

Grazas a todos por me escoitar, aquí nesta que ten sido unha das mellores feiras do noso país.

A miña despedida serán só 3 palabras, nin unha, nin dúas, nin catro; tres palabras para que as conten e reclamen, polo seu valor simbólico; un berro colectivo que resume ben canto levo dito e nos sitúa no mundo.

Viva Castro Verde!

Sede electrónica

Descarga de solicitudes

Parroquias

i

Perfil do contratante

Horarios de autobuses

Calendario

Portal de transparencia

Plan antifraude

Mapa interactivo

Plano de Castroverde

Feria de artesanía

Fondo Galego de cooperación

Pentacle

Amigos do patrimonio

Punto de información catastral